Montse Prado Cores defende na Guarda a democratización e posta ao servizo do País das Caixas de Aforro galegas
BNG / A Guarda
A Secretaria de Organización do BNG, Montse Prado Cores, participou este martes na Guarda nun acto público sobre as caixas de aforro e o futuro da economía de Galiza no que sinalou que a posición de País impulsada polo BNG levou ao Goberno da Xunta a moverse cara as posicións da organización nacionalista.
Nesta charla, na que estivo acompañada polo Portavoz Municipal do BNG na Guarda, Xan Lois Lomba, aclarou que "o cerne da cuestión é a que se vai destinar o aforro das galegas e galegos: a Galiza ou a financiar o desenvolvemento doutros territorios do Estado".
Segundo indicou a Secretaria de Organización do BNG, as alternativas reais para o futuro das Caixas Galegas son unha fusión das caixas galegas entre si ou a fusión das caixas galegas con entidades foráneas. “A día de hoxe ninguén plantexa a posibilidade de que as caixas fiquen na súa situación actual”, engadiu, “xa que calquera posibilidade de optar aos fundos do Fundo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) para solucionar a delicada situación financeira das caixas galegas esixe ir a procesos de fusión”.
Montse Prado explicou que a moción do BNG que foi aprobada polo Parlamento Galego marcou claramente o camiño a seguir nesta cuestión: Primeiro garantir que os centros de decisión das caixas fiquen en Galiza e segundo elaborar unha nova lei de caixas que garanta a posta ao servizo do País das mesmas. Do mesmo xeito lembrou que a única lei de caixas que se rexistrou no Parlamento na presente lexislatura foi a presentada polo grupo nacionalista, que acabou por ser tomada en consideración polo Parlamento grazas ao traballo político do BNG.
Durante a quenda de intervencións do numeroso público asistente Montse Prado advertiu de que a fusión é o primeiro paso para manter o centro de decisión das caixas en Galiza, mais para garantir que isto no cambie no futuro é fundamental que a nova Lei de Caixas blinde a capacidade de decisión de Galiza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario