3 de nov. de 2009

LONDRES

España: Deben investigarse as denuncias de tortura



Amnistía Internacional / Londres
As autoridades españolas deben reformar o actual sistema de investigación de denuncias de tortura e outros malos tratos por parte de forzas de seguridade, afirmou Amnistía Internacional nun novo informe publicado ao tempo que a ONU se dispón a examinar novamente o historial de España sobre esta cuestión.

O informe
España: Sal en la herida. Impunidad policial dos años después, revela que as vítimas que denunciaron tortura e outros malos tratos, e sobre cuxos casos Amnistía Internacional informou por primeira vez en 2007, non recibiron xustiza debido a que as autoridades españolas non mostraron vontade política para facer fronte aos casos de tortura e outros malos tratos por parte de forzas de seguridade.

“Continúan existindo, e obstaculizando o labor da xustiza, as deficiencias estruturais que afectan a todas as facetas da prevención, a investigación e a sanción da tortura e outros malos tratos que Amnistía Internacional identificou en 2007”, afirmou Rachel Taylor, investigadora de Amnistía Internacional para España.

Persoas que presentaran denuncias contaron a Amnistía Internacional que foran ameazadas por axentes de policía cunha pistola ou un coitelo, golpeadas nas plantas dos pés cunha fusta e ameazadas de morte.

Das 11 investigacións iniciadas sobre as denuncias de tortura e outros malos tratos e das que informou Amnistía Internacional, desde novembro de 2007 só dous concluíron cunha resolución condenatoria.

En canto aos outros nove casos, seis foron sobreseídos sen que chegase a celebrarse un xuízo e dous continúan en fase de investigación (iniciada, nun deles, hai máis de sete anos).

No último caso, no xuízo determinouse que se cometeu tortura, pero todos os axentes imputados foron absoltos alegando que era imposible identificar cal deles participara persoalmente na agresión.

Un dos casos que non chegou á fase xudicial en España foi remitido ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, alegando que se violaron a prohibición de tortura, o dereito a non sufrir discriminación e o dereito a un xuízo coas debidas garantías. Outros dous casos arquivados son os de Sandra Guzmán e Jordi Vilaseca.

En decembro de 2006, Sandra Guzmán presentou unha denuncia no Departamento de Interior do goberno autonómico vasco tras presenciar como un axente de policía obrigaba a varios homes de orixe norteafricana a espirse parcialmente, para despois rexistralos, golpealos e darlles patadas. A súa denuncia arquivouse seis meses despois, supostamente porque resultaba imposible localizar aos homes presuntamente agredidos polos axentes de policía.

O 1 de abril de 2003, axentes da policía autonómica de Cataluña detiveron a Jordi Vilaseca cando conducía cara á súa casa ao saír do traballo. Tras sufrir malos tratos durante os tres días que estivo detido, perdeu o coñecemento e foi hospitalizado. Cando espertou, non podía falar, camiñar nin controlar os esfínteres. Jordi Vilaseca presentou unha denuncia contra a policía por torturas. O caso arquivouse en maio de 2005 alegando falta de probas e porque a acusación afirmou que existía contradición entre as versións que daban dos feitos o demandante e os acusados. Tras varios recursos, o Tribunal Constitucional rexeitou a causa en xaneiro de 2009, e con iso quedou esgotada a posibilidade doutra apelación.

“As autoridades españolas deben deixar de eludir a súa obrigación de levar a cabo investigacións imparciais, exhaustivas e efectivas sobre todas as denuncias de tortura e outros malos tratos por parte de axentes de policía, e, á vez, deben centrarse na prevención destes feitos, que é sempre o mellor remedio”, afirmou Rachel Taylor.

Amnistía Internacional acolle con satisfacción os progresos rexistrados nalgunhas forzas policiais que puxeron en marcha medidas destinadas a previr a comisión de actos de tortura e outros malos tratos.

A crecente utilización de cámaras de circuíto pechado de televisión nas comisarías e de placas de identificación persoal visibles nos uniformes dos axentes de policía son importantes avances neste sentido. Amnistía Internacional lamenta sinalar que os importantes avances nas forzas policiais autonómicas (a Ertzaintza e os Mossos d'Esquadra) non se viron reflectidos no ámbito nacional.
“Se as autoridades españolas non demostran vontade política para introducir os cambios necesarios que garantan a investigación imparcial e efectiva de todas as denuncias de tortura e outros malos tratos por parte dos axentes encargados de facer cumprir a lei, as súas vítimas seguirán atopándose con impedimentos para que se faga xustiza”, declarou Rachel Taylor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario