2 de nov. de 2009

GALICIA

Vigo acolle a estrea en Galicia do documental "Septiembre del 75”


A longametraxe aborda o caso del vigués Xosé Humberto Baena, un dos últimos cinco executados en España
Amnistía Internacional / Vigo
Mañá martes 3 de novembro, ás 20 h., no Auditorio do Centro Social Caixanova (R/ Policarpo Sanz, 24-26), Amnistía Internacional organiza, en colaboración coa productora Pantalla Partida, a proxección do documental "Septiembre del 75”.

A longametraxe aborda o caso do vigués Xosé Humberto Baena Alonso, un dos cinco últimos executados polo réxime franquista o 27 de setembro de 1975. Entre as vítimas había outro vigués, José Luis Sánchez Bravo. Ámbolos dous foron alumnos do Instituto Santa Irene de Vigo. A irmá de Xosé Humberto, Flor Baena, continúa a loita iniciada polos seus pais para reivindicar a memoria do seu irmán, acusado de matar ao policía armada Lucio Rodríguez e fusilado logo dun Consello de guerra sumarísimo.

O documental vén recibir o segundo premio na Sección “Tempo de Historia” da Semana Internacional de Cinema de Valladolid. Para Adolfo Dufour, director e guionista do documental ““Septiembre del 75” conta a historia dunha familia de Vigo que protagonizou, nunha época próxima, convulsa e violenta, unha traxedia. É un documental contra a pena de morte, acerca da violencia e a dor que ocasiona: o baleiro, a ausencia.”. O trailer da película pode verse na páxina web
http://www.pantallapartida.es/septiembredel75/

“Quero que se saiba a verdade, que se faga xustiza e que se repare ao meu irmán –declarou Flor Baena, irmá de Xosé Humberto.- O caso do meu irmán Xosé é único, porque esgotei os recursos xudiciais que prevé a lexislación española para que se revise e anule o xuízo e tamén recurrín sin éxito ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos en Estrasburgo, e a resposta foi negativa”.

“A Lei de Memoria Histórica de 2007 non saldou a débeda pendente do Estado coas vítimas de graves violacións de dereitos humanos como torturas, desaparicións ou execucións extraxudiciais”, ha manifestado Alberto Estévez, portavoz de Amnistía Internacional. “A Lei permite recorrer ante o Tribunal Supremo as sentenzas "ilexítimas" dunha serie de tribunais ditadas contra as persoas sometidas a xuízos inxustos, pero deixa na incerteza á familia de Flor, que xa fixo ese periplo xudicial. A Lei de Memoria Histórica non lles deu unha solución, esqueceunos, que pasa por facer unha lei específica que anule eses xuízos e/ou crear unha Comisión da Verdade que investigue as violacións e abusos contra os dereitos humanos do Franquismo e da Guerra Civil e porque, de oficio, a Fiscalía Xeral do Estado revise e anule eses xuízos”

O acto forma parte da campaña de Amnistía Internacional contra a pena capital. 139 países, é dicir, tres de cada catro países do mundo xa son abolicionistas, pero varios países seguen impoñendo a pena capital e executando a menores de idade. En Irán houbo un notable incremento das execucións en 2009. En EE. UU. xa se rebasara en setembro de 2009 a cifra total de execucións alcanzada en 2008. Xapón continúa executando a persoas con enfermidade mental, e o estado de Aceh, en Indonesia, reinstaurou este ano as lapidacións.

En 2008 o mundo avanzou aínda máis cara a abolición da pena de morte. En Asia Central e Europa, logo da abolición da pena de morte para todos os delitos en Uzbekistán, só Bielorrusia segue levando a cabo execucións. En América só Estados Unidos leva a cabo execucións, malia que o ano pasado foi o ano con menos execucións desde 1995.

Sen embargo, a situación segue sendo preocupante en Asia e en Oriente Medio, as dúas rexións do mundo onde máis execucións se levan a cabo. Por iso, Amnistía Internacional amosa especial preocupación pola execución a enfermos mentais en Xapón e a execución a menores.

“En Irán foron executados polo menos 8 menores o pasado ano, e máis de 130 están á espera de execución. E no que vai de ano xa foron executados dous menores en Irán e outros dous en Arabia Saudí.”, declarou o voceiro de AI.

Xapón é un dos dos únicos países altamente industrializados, xunto a Estados Unidos, que seguen aplicando a pena de morte. Aínda que rodea un gran hermetismo á pena de morte en Xapón, se sabe que persoas con enfermidades mentais corren risco de execución, vulnerando así as normas internacionais que ten suscrito.

Amnistía Internacional lanzou en
www.actuaconamnistia.org unha ciberacción instando ao goberno xaponés a que poña fin ás execucións ás persoas con enfermidade mental. A acción tamén pide aos gobernos de Irán, Arabia Saudí, Iemen e Sudán a que poñan fin á execución de menores. As sinaturas entregaranse o 20 de novembro, día internacional dos dereitos da infancia e vixésimo aniversario da Convención dos Dereitos do Neno, que os catro países están obrigados a respectar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario