31 de out. de 2009

TRIBUNA ABERTA

OS PRINCIPAIS VENDEDORES DE ARMAS DO MUNDO PROMETEN UN TRATADO INTERNACIONAL SOBRE O COMERCIO DE ARMAS




As ONG españolas e o Congreso dos Deputados piden ao goberno que desempeñe un papel activo e destacado no proceso

(Remitido)

Hoxe nas Nacións Unidas, tras anos de debates, unha amplísima maioría dos gobernos acordarán un calendario para elaborar un Tratado sobre o Comercio de Armas “firme e sólido” coas “normas comúns máis elevadas” para controlar as transferencias internacionais de armas convencionais. Actualmente non existe ningún Tratado internacional sobre o comercio de armas convencionais.
A maioría dos principais vendedores de armas do mundo -coma Estados Unidos, o Reino Unido, Francia e Alemaña- apoiarán o proceso da ONU. Espérase que na votación, que terá lugar en Nova York esta tarde ás 7 pm hora española, Rusia e China se absteñan, pero se espera que participen nese proceso. Está previsto que nos debates sobre a resolución, numerosos países expresen a súa opinión e subliñen a necesidade de que o tratado se basee no dereito internacional, incluídos o dereito internacional humanitario e dos dereitos humanos.
A campaña Armas Baixo Control -unha coalición de centos de ONG de máis 100 países que promove o Tratado sobre Comercio de Armas- acolleu con satisfacción o gran avance histórico que producirá hoxe na ONU e pediu a todos os Estados que negocien un Tratado realmente eficaz. A campaña sinalou que os gobernos deben manter o impulso a fin de garantir que o Tratado final teña normas internacionais firmes sobre o comercio internacional de armas. Os activistas expresaron reservas sobre o procedemento previsto para a Conferencia da ONU, que podería dar a cada Estado o dereito de veto sobre as decisións definitivas na Conferencia da ONU. advertiron de que non debe permitirse que un pequeno número de Estados escépticos secuestren o proceso do Tratado sobre o Comercio de Armas cando está claro que o mundo quere un tratado sólido.
”Todos os países participan no comercio de armas convencionais e comparten a responsabilidade polos ‘danos colaterais’ que causa -mortes, lesións e abusos contra os dereitos humanos xeneralizados,- declarou Jordi Armadans, director da Fundació per la Pau. “Agora por fin os gobernos acordaron negociar controis internacionais legalmente vinculantes sobre este mortífero comercio.”
“O Tratado sobre Comercio de Armas necesita unha ‘Regra de Ouro’ que esixa aos gobernos que deteñan as propostas de transferencias de armas cando exista un risco importante de que se vaian usar para cometer graves violacións de dereitos humanos ou crimes de guerra”, manifestou Alberto Estévez, Asesor sobre Comercio de Armas de Amnistía Internacional España, “unha regra de ouro así podería salvar miles de vidas e protexer os medios de vida de moitos millóns de persoas."
”Os gobernos levan demasiado tempo deixando que as armas circulen sen control, o que provocou dor, sufrimento e mortes nalgunhas das rexións máis empobrecidas do mundo. Centos de miles de persoas morren cada ano por mor da violencia armada e as armas que caen en mans de delincuentes e responsables de abusos contra os dereitos humanos destrúen comunidades e medios de vida das persoas”, declarou Francisco Yermo, de Intermón Oxfam. “Os gobernos deben garantir que as negociacións fan honra á promesa de establecer as normas máis elevadas posibles. Trátase dun tema de vida ou morte para miles de persoas pobres de todo o mundo.”
O papel crucial de España e a petición do Congreso
O pasado día 22 o Congreso dos Deputados aprobou o ditame sobre as exportacións españolas de armas de 2008, que superaron os 1.000 millóns de euros en operacións realizadas e máis de 3.000 millóns de euros en operacións autorizadas, colocando a España como sexto exportador mundial. Este ditame pide que España, que hoxe votará a favor da resolución na ONU, desempeñe un papel activo e destacado no proceso de elaboración do Tratado Internacional sobre Comercio de Armas, especialmente durante a presidencia semestral española da Unión Europea, que comeza en xaneiro de 2010. O ditame do Congreso tamén pide ao Goberno que apoie a inclusión no Tratado dunha «Regra de Ouro» que obrigue aos gobernos a impedir as transferencias de armas a lugares onde exista un risco substancial de que se utilicen para cometer violacións graves do Dereito Internacional dos Dereitos Humanos ou o Dereito Internacional Humanitario, contribúan a manter unha situación de violencia armada ilegal ou agraven considerablemente a pobreza.
As ONG valoran globalmente como positivo o ditame do Congreso sobre as exportacións de armas de 2008, xa que inclúe recomendacións como que o goberno facilite máis información ao Congreso sobre as exportacións autorizadas e realizadas, mellorar de xeito significativo a aplicación dos criterios de autorización de exportacións, examinar caso a caso e denegar as autorizacións de transferencias de armas e material de dobre uso mentres non existan garantías suficientes e indicios razoables de que o material non contribuirá á comisión de violacións de Dereitos Humanos ou do Dereito Internacional Humanitario (DIH). Tamén destaca o compromiso de non relaxar os controis sobre a exportación armas de caza e tiro deportivo e as súas municións e mellorar os mecanismos de transparencia e de control. Pola contra, as ONG lamentan que o ditame non recolla medidas para corrixir a falta de coincidencia entre as estatísticas oficiais e os rexistros aduaneiros en relación á cantidade exportada e o custo dalgunhas exportacións.
Para máis información, consultar: www.controlarms.org/es/

Ningún comentario:

Publicar un comentario