O MOSTEIRO DE SANTA MARÍA DE OIA: UNHA VERGOÑA PARA A XUNTA DE GALICIA

Infogauda / Oia
O Mosteiro de Santa María de Oia a Real e Imperial - así era súa denominación nos seus tempos -, é un exemplo da incuria, da falla de sensibilidade e de total ausencia de agarimo polo noso Patrimonio Histórico e Cultural, que as sucesivas Administracións do Estado e da Xunta de Galicia, veñen amosando ó longo de varias décadas. Desde os tempos da tristemente famosa Lei de Desamortización de Mendizábal até os nosos días.
Polas súas características arquitectónicas e históricas, pola súa ubicación e por outras moitas razóns, o Mosteiro de Santa María de Oia debera ser - se a Administración Autonómica e o Goberno do Estado tivesen o que demostran non ter - a peza máis emblemática do Camiño Portugués pola Costa ou Monacal, no seu tramo pola provincia de Pontevedra.
O paulatino - e consentido - deterioro que vén amosando nas últimas décadas, denuncia craramente a insensibilidade de tódolos seus propietarios - anteriores e actuais - que , namestres non se demostre o contrario, tan soio andiveron á procura dunha rendabilidade económica, a traverso dos sucesivos - e tamén consentidos - trocos de titularidade.
Nin a familia González Troncoso - que dentro das súas posibilidades, e namentras foron propietarios dese Ben de Interese Cultural (BIC), mantiveron o inmoble en aceptable estado de conservación -, nin a Fundación Masaveu - que nada aportou a Oia -, nin o Banco Pastor - que non quixo estar á altura do que a cidadanía agardaba desa entidade -, nin os actuais propietarios - Vasco Gallega de Consignaciones -, que agás algúns xestos - positivos, pero insuficientes -, tampouco tén feito grande cousa por manter dignamente ese mosteiro. Polo tanto, toda esa secuencia cronolóxica de desinterese no que atinxe a investimentos para conservar dignamente ese patrimonio, vén a demostrar que tanto os sucesivos Gobernos da Xunta de Galicia e do Estado español, teñen sido - e así continúa sendo - cómplices por inacción do deterioro do Mosteiro de Oia.
Que ninguén - da crase política - veña a tentar xustificarse, porque todos, sen excepción algunha con correponsables desa vergoñenta situación. E ademáis, non teñen ningún tipo de xustificación. Deberían ter a humildade - valor escaso na crase política deste país - de dimitir. Desde o alcalde do Concello de Oia e seu grupo de goberno, por estar máis preocupados da "ola xigante" e da "praia artificial" que de loitar pola rehabilitación do mosteiro; até o conselleiro de Cultura, da Xunta de Galicia, por consentir que o Mosteiro de Santa María de Oia, vaia pouco a pouco, caíndose o chán. E entre o alcalde de Oia e o conselleiro de Cultura, incruimos tamén o deputado provincial que tén súa residencia en Oia, ainda que nin como concelleiro nin coma deputado tén demostrado grande cousa, a pesares de haber tido preto de catro anos a seus correlixionarios na Xunta de Galicia, que por certo, pouco ou nada, fixeron polo desenvolvemento socioeconómico de Oia.
E nesa macedonia de políticos, compre incruir tamén, como non podía ser doutro xeito, o presidente da Deputación de Pontevedra e o Goberno do Estado. Entre uns e outros, teñen "contribuído" a que a imaxe que do Mosteiro de Oia van percibir tódolos peregrinos que no vindeiro Ano Santo Compostelán faian o Camiño Portugués pola Costa ou Monacal, así como calquer visitante que se achegue a Oia, non sexa a que a ninguén que teña un chisco de amor o noso Patrimonio, lle gustaría.
Paradóxicamente hai cartos para grandes concertos, para "o pozo sen fondo" da Cidade da Cultura, para o Plan E e semellantes,..., pero falla o capital principal: O agarimo polo noso Patrimonio.
De continuar así, chegará algún día en que Vasco Gallega de Consignaciones venderá o mosteiro, obterá a máxima plusvalía que lle sexa posible, e así, pouco a pouco, tella a tella, bardo a bardo, pedra a pedra, o Mosteiro de Santa María de Oia iráse caíndo pola desidia e o desinterese dos que gostan de pronunciar grandes discursos - moitas veces de autorías alleas -, pero que o fín de contas, son tan soio verbas valeiras. Falla a acción política e económica. Fallan os investimentos. Falla o osíxeno económico. Sen dotacións orzamentarias pouco se pode facer.
Coidamos que todos temos moito que decir. Desde os própios veciños de Oia e dos pobos da contorna, até as máis diversas asociacións. Entre todos, temos que demandar dos poderes públicos que o deterioro do Mosteiro de Oia non vaia a máis. Urxe bater nas conciencias dos que dín ser os nosos representantes. O futuro económico de Oia, pode ser moito mellor, se tomamos conciencia do que pode representar a recuperación para usos culturais e turísticos, dese encrave histórico. É necesario orgaizarse e loitar democráticamente, pola recuperación do Mosteiro de Oia. Se non o facemos seremos cómplices da situación e iso sería indigno de todos nós.
Ningún comentario:
Publicar un comentario