España, sexto país exportador mundial de armas no 2008
A análise das primeiras estatísticas oficiais tras a entrada en vigor da Lei de Comercio de Armas amosa graves deficiencias na súa aplicación
As vendas de armas a países como Colombia, Israel ou Sri Lanka incumpren a Lei
Madrid/Barcelona/Vigo.- Un estudo elaborado por Amnistía Internacional, Intermón Oxfam, Greenpeace e a Fundació per la Pau sobre as estatísticas oficiais de transferencias de armas no 2008 confirma que España exporta material de defensa a destinos nos que este pode contribuír a cometer violacións de dereitos humanos, exacerbar conflitos armados ou deteriorar o desenvolvemento sostible. Segundo as organizacións, o Goberno segue sen facilitar información precisa sobre os criterios que permitiron autorizar exportacións a países cun historial preocupante como Colombia, Israel, ou Sri Lanka, entre outros.
As organizacións reclaman unha vez máis ao Goberno o pleno cumprimento da lexislación española, a normativa europea e as obrigas de España en virtude do dereito internacional á hora de autorizar ou denegar licencias de exportación de material de defensa e de dobre uso.
Nos próximos días, a Comisión de Defensa do Congreso debe aprobar un ditame con recomendacións ao Goberno sobre as estatísticas de exportacións de armas. Trátase das primeiras estatísticas anuais elaboradas polo Goberno tras a entrada en vigor da Lei de Comercio Exterior de Material de Defensa e de Dobre Uso en España (Lei 53/2007). Os grupos parlamentarios xa presentaron as súas propostas iniciais. O estudo das organizacións inclúe un decálogo de medidas en materia de transparencia e control para lograr o total cumprimento da lexislación actual. As ONG instan aos deputados e deputadas a que aproveiten este instrumento de control parlamentario para pedir máis información sobre varias das autorizacións que tiveron lugar en 2008 e propoñan medidas que fortalezan, mesmo comezando a reflexionar sobre un nivel preventivo, o control do comercio de todo tipo de material de defensa, dobre uso e “outro material”, nunca que o debiliten.
Segundo o informe das últimas estatísticas anuais presentadas ao Congreso dos Deputados, no 2008 realizáronse transferencias de material de defensa por valor de 934 millóns de euros, unha cifra lixeiramente superior ao ano anterior a pesar da crise económica. Segundo o prestixioso Instituto Internacional de Estudos para a Paz de Estocolmo (Stockholm International Peace Research Institute, SIPRI), esta cifra coloca a España coma o sexto país exportador mundial, por detrás de Estados Unidos, Rusia, Alemaña, Francia e Reino Unido.
Avances
As catro organizacións valoran positivamente que as estatísticas anuais incorporen os datos sobre as transferencias de armas de caza e tiro deportivo e súas municións, sometidos a control por primeira vez en 2008, e información sobre as razóns que motivaron varias denegacións de exportación. Tamén é positivo o compromiso do Goberno e do Parlamento español para poñer fin á fabricación e exportación de bombas de acio tal e como marca a nova Convención para a prohibición das bombas de acio, que España ratificou o pasado 17 de xuño. “A entrada en vigor da lei supuxo avances en materia de control parlamentario e transparencia reflectidos nas estatísticas oficiais de 2008. Porén, aínda hai un longo camiño que percorrer para cumprir plenamente coa lexislación”, sinala Alberto Estévez, voceiro de Amnistía Internacional en Galicia e autor do informe das catro ONG.
Criterios opacos
É de especial preocupación que o Goberno non facilite ao Congreso dos Deputados información sobre os criterios que se tiveron en conta para dar luz verde ás licencias de exportación de armas a países inmersos en conflitos armados, en contra do estipulado pola lei. Entre estes casos, destacan as vendas que España autorizou e realizou no ano 2008 baixo categoría de “aeronaves” a Colombia (110 millóns de euros de licencias autorizadas e 31 millóns de euros realizadas) ou as autorizacións de material da categoría “bombas, torpedos, mísiles e foguetes” por valor de case 4 millóns de euros a Sri Lanka.
Tamén é preocupante que o Goberno español, aínda que ofreceu explicacións sobre o destino e o material exportado, siga sen considerar a urxente necesidade de suspender as exportacións de material de defensa e dobre uso a Israel (157.200 euros autorizados e 2,3 millóns de euros realizados no ano 2008) ata que non haxa garantías fiables de que non se utilizarán para cometer violacións do dereito internacional humanitario; e as autoridades deste país colaboren coas investigacións para esclarecer as violacións de dereitos humanos perpetradas durante a crise de Gaza.
“É imprescindible que o Goberno explique con detalle en que se baseou para decidir que todas estas autorizacións cumpren coa lei e denegar aquelas solicitudes que claramente son contrarias á lexislación. E o Congreso dos Deputados debe insistir sobre isto a través do próximo ditame e outros mecanismos de control parlamentario”, afirma Francisco Yermo, voceiro de Intermón Oxfam.
Material de caza e tiro deportivo e súas municións: hai que avanzar no control
Unha das novidades do informe de estatísticas do Goberno é a incorporación de información sobre exportacións de material de caza, tiro deportivo e súas municións ao estaren sometidas a control desde a aprobación de la lei 53/2007. As organizacións valoran moi positivamente que por fin se sometan a control as vendas deste tipo de material cumprindo así co Protocolo contra a fabricación e o tráfico ilícito de armas de fogo, súas pezas, compoñentes e municións, adicional á Convención das Nacións Unidas. Porén, son preocupantes as propostas presentadas por algúns grupos parlamentarios para flexibilizar os controis deste material.
O Goberno debe controlar escrupulosamente o destino e uso final deste material que se vende á África Subsahariana, principalmente a Ghana, país ao que España vendeu 2,8 millóns de euros de munición de caza. España vendeulle a este país 15 millóns de euros de armas e munición de caza desde 2004. “Hai que garantir que este material non será desviado a países do entorno con situación de conflito ou posconflito nos que pode ser utilizado indebidamente. A preocupación faise máis grave despois de que o Goberno recoñecese que parte desta munición expórtase a Nixeria”, lamenta Mabel Bustelo, voceiro de Greenpeace.
Decálogo de indicadores
O estudo das ONG inclúe un decálogo de propostas cuxo cumprimento servirá de indicador da vontade do Goberno de avanzar en materia de transparencia e control do comercio de armas español.
“O decálogo proposto inclúe, entre outras medidas, que o Goberno explique como aplican os criterios existentes para autorizar ou denegar unha exportación de armas, informe ao Congreso sobre o tipo de produtos e usuarios das armas exportadas e dea garantías de que non hai risco de desvío ou reexportación das armas de caza e tiro deportivo e súas municións a terceiros países”, sinala Jordi Armadáns, voceiro da Fundació per la Pau. O decálogo tamén solicita a suspensión preventiva de exportacións de armas aos países onde haxa un conflito armado ou poidan utilizarse para cometer violacións dos dereitos humanos ou do Dereito Internacional Humanitario, aínda que estivesen autorizadas anteriormente. Por último, anima ao Goberno a desempeñar un papel activo e destacado no proceso de elaboración dun Tratado sobre Comercio de Armas (TCA) e a continuar a súa política actual para eliminar as bombas de acio.
Nota para editores
O 10 de xuño a Secretaria de Estado de Comercio presentou no Congreso dos Deputados as estatísticas oficiais de exportacións de armas de 2008. Desde que entrou en vigor a Lei 53/2007, o Goberno debe comparecer unha vez ao ano ante a Comisión de Defensa do Congreso para explicar las exportacións de material de defensa, dobre uso e “outro material”.
En virtude da lei, a Comisión de Defensa debe elaborar e adoptar un ditame con recomendacións ao Goberno en relación ao control e a transparencia da información relativa ás transferencias de armas no exterior. A finais de xuño, os distintos grupos parlamentarios presentaron xa as propostas de resolución que deberán ser debatidas a partir deste mes de setembro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario