21 de xan. de 2025

A GUARDA

Decisións clave e propostas innovadoras na Asemblea Xeral Ordinaria da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de A Guarda

 Entre elas a auditoría económica para revisar a xestión económica dos últimos anos


Vista das persoas asistentes a Asemblea Xeral Ordinaria da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMMVVMC)  de A Guarda, celebrada o sábado 18 de xaneiro de 2025

Foto: Cedida

Infogauda / A Guarda

 Na Asemblea Xeral Ordinaria da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMMVVMC)  de A Guarda, celebrada o sábado 18 de xaneiro de 2025, no Salón de Plenos do Concello de A Guarda, tomáronse importantes decisións que marcan un novo rumbo na xestión do monte, destacando a firme aposta pola innovación e a responsabilidade na administración dos recursos comúns.

Retirada da condición de comuneiros ao anterior presidente e ao secretario da Xunta Reitora

 Un dos primeiros puntos foi a retirada da condición de comuneiros ao anterior presidente e ao secretario, respectivamente, da Xunta Reitora, por non ter defendido os intereses da comunidade de montes e comprometer a súa viabilidade permitindo que se acumularan máis de 60.000€ en débedas ao tempo que se perdían 85.000€ en ingresos. Nesta liña, aprobáronse outras iniciativas relevantes como un ambicioso plan de auditoría económica para revisar a xestión dos últimos anos, identificar posibles irregularidades e depurar responsabilidades. Esta medida responde á necesidade de restaurar a confianza da veciñanza na comunidade de montes, despois de anos marcados por unha xestión deficiente que erosionou o apoio e a credibilidade desta institución clave para o desenvolvemento local. 

Actualización e renovación dos convecnios existentes

 A diferenza doutras comunidades, a CMMVVMC de A Guarda, non depende da explotación forestal para obter ingresos. Por este motivo, resulta fundamental manter actualizadas as concesións e acordos, garantindo un fluxo estable de recursos económicos. Neste contexto, acordouse renovar e actualizar os convenios existentes como fonte de financiamento que aseguren a súa sustentabilidade económica durante a próxima década. Formalizouse, así mesmo, a adhesión á Mancomunidade de Montes do Baixo Miño, un paso estratéxico para fortalecer a cooperación con outras comunidades de montes. Este acordo permitirá mellorar o intercambio de experiencias e boas prácticas, promovendo unha xestión máis eficiente, con especial énfase na prevención de incendios forestais e na protección do patrimonio natural da comarca. 

Sistema de préstamo de pastor eléctrico para os veciños 

 Pero a asemblea tamén foi escenario da presentación de proxectos novidosos. Entre eles, destaca a proposta para implementar un sistema de préstamo de pastor eléctrico para os veciños con hortas de autoconsumo afectados polos danos ocasionados polo xabaril. Esta medida preventiva busca minimizar os prexuízos causados pola fauna salvaxe, promovendo unha convivencia máis harmoniosa co medio natural. 

 Con estas decisións, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de A Guarda reforza o seu compromiso coa transparencia, a innovación e a sustentabilidade, buscando garantir un mellor futuro para o monte veciñal e as persoas que o desfrutan. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario