28 de maio de 2009

A GUARDA

AGUSTÍN FERREIRA LORENZO SERÁ HOMENAXEADO POLA AGRUPACIÓN CULTURAL GUARDESA

- O acto será este venres, 29 de maio, ás 21:00 h. no Centro Cultural e Social de A Guarda


Infogauda / A Guarda
A Agrupación Cultural Guardesa acordou en asamblea, nomear a Agustín Ferreira Lorenzo para adicarlle unha homenaxe co gallo do Día das Letras Galegas. Compre salientar que desde 1982, a Agrupación Cultural Guardesa distingue a unha persoa - e excepcionalmente a máis de unha - do Baixo Miño, que se teña destacado pola súa contribución coa cultura da comarca.

SEMBRANZA BIOGRÁFICA DE AGUSTÍN FERREIRA LORENZO
Agustín Ferreira Lorenzo naceu na Guarda o 3 de xaneiro do ano 1953. Estudou Maxisterio en Santiago e Ourense na especialidade de Ciencias. Rematados os estudos adícase ao ensino na Academia Ferreira, coñecida como “Os Arsenios” onde exerce coma mestre.
Foi o primeiro Secretario da Agrupación Cultural Guardesa e responsable de coordinar o boletín de divulgación, fundando tamén no seo deste colectivo a Sección Ecolóxica. En 1985 funda a Asociación Naturalista “Baixo Miño” (ANABAM), da que é presidente ata a actualidade. Dende o ano 2001 é representante ecoloxista como vocal no Parque Natural do Monte Aloia. En 2003 foi elixido representante ecoloxista no Consello Galego de Medio Ambiente da Xunta de Galicia. É unha das persoas que leva anos traballando para a creación do Museo do Mar na Guarda, para o cal xestionou a adquisición da colección malacolóxica que hoxe se exhibe nas súas vitrinas.
Agustín Ferreira Lorenzo desenvolve unha gran actividade na divulgación e conservación da natureza. É autor de numerosos artigos, boletíns, folletos divulgativos, cadernos didácticos, monografías e documentais, tendo colaborado en diferentes revistas con temas relacionados coa Natureza. Entre outros podemos citar Atlas dos anfibios do Baixo Miño; Eurynebria complanata na costa do Baixo Miño e norte de Portugal; As cinco especies máis amenazadas do Baixo Miño; Proxecto píllara: Protexendo os niños de píllara papuda; Un bosque para unha bolboreta; Baixo Miño, a biodiversidade ameazada; Varamento de cetáceos na costa do Baixo Miño; Guía para andar por el Estuario del Miño, e Routeiro didáctico pola costa guardesa.
O acto da homenaxe será este venres 29 de maio, ás 9 da noite, no Centro Cultural e Social da Guarda coa participación do Coro Cantabile, dirixido por Lucía Alonso e o Grupo Antorcha, dirixido por María José Baz Martínez.
Como vén sendo tradicional, a Agrupación Cultural Guardesa entregará nese acto unha publicación coa biografía de Agustín Ferreira Lorenzo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario