31 de maio de 2009

CAMPAÑA ELECCIÓNS EUROPEAS 2009

ANA MIRANDA ASEGUROU EN TOMIÑO QUE O BNG "ESTARÁ EN BRUXELAS CON VOZ, CON VOTO E CON VETO CANDO SEXA NECESARIO"
- O portavoz nacional reclama ao líder do PP de G que aclare se apoia as declaracións de Mayor Oreja sobre o aborto

Infogauda / Tomiño
A cabeza de lista do BNG ás eleccións europeas, Ana Miranda, participou na noite do pasado sábado día 30 de maio, nun mitin en Tomiño no que interviron o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, e a alcaldesa, Sandra González.
Alí advertíu de que o PSOE "está a votar en Bruxelas igual que o PP, apoiando a Durao Barroso" e insistíu en que "se non está o BNG non está Galiza" e asegurou que o nacionalismo galego estará alí "con voz, con voto e con veto cando sexa necesario", ao tempo que asegurou que estar co BNG é dicir un "si" a Galiza.
O portavoz nacional avogou "por un outro modelo de Europa fronte a un Mayor Oreja que se alinea coa ala máis dura da Igrexa” e asegurou que “só queremos unha sociedade libre e non ayatólica”, en referencia ás súas declaracións nas que respaldaba ao dirixente da Igrexa que afirmaba que o aborto é peor aos abusos sexuais cometidos contra menores por parte de sacerdotes.
Asi, o líder do BNG apuntou que nas últimas horas algúns líderes do PP teñen restado importancia a estas declaracións e emprazou ao líder popular “a que aclare se comparte estas afirmacións do seu candidato”.
Vázquez reclamou na súa intervención un novo modelo de Europa no que non teñan cabida “as normas aprobadas por PP e PSOE que son as que nos impiden producir. Nós só queremos regras iguais, as mesmas condicións que nos permitan producir”.
“Temos dereito a buscar un modelo económico que cree traballo”, reivindicou o líder do BNG, ao tempo que se perguntou “porqué temos que dar por bó un modelo que avanza na restrición dos dereitos sociais e dos traballadores?”
O líder do BNG criticou a actitude do PP e do seu líder, Alberto Núñez Feijóo fronte á lingua galega con medidas como a que veñen de anunciar para rebaixar a esixencia de coñecemento do galego “para captar médicos” e indicou que “con esta medida revolucionaria, o que conseguirá será que os médicos galegos traballen fóra e os de fóra veñan traballar aqui”.
Vázquez advertíu de que “baixo esa apariencia tecnocrática que tenta dar Feijóo, escóndese un PP dos máis duros, un partido de FAES. Baixo esa apariencia de técnico, ao que aspira é a proxectarse a nivel estatal, cara esa España cavernícola, de Esperanza Aguirre e Mayor Oreja”.
Na mesma liña, o número un do BNG puxo de relevo as contradiccións do PP co seu anuncio de retomar o Banco de Terras posto en marcha polo nacionalista Alfredo Suárez Canal desde o goberno. “Agora din que van facelo máis atractivo, e con iso o que queren dicir é que cun pouco de perruquería, algo de manicura e moita caradura, pasa de ser un instrumento de comunistas a un instrumento útil”.
O número un nacionalista asegurou que PP e PSOE están nesta deriva “porque non teñen nada que ofrecernos, nin propostas que facer e o único que fan é mentir compulsivamente”.
“Pediron o si no referendo da Constitución Europea para apoiar á Europa de Berlusconi e Sarkozy”
explicou o portavoz nacional, ao tempo que se referíu a unha información publicada na prensa de hoxe na que se revela que o portavoz do PP en Ourense, Enrique Nóvoa, concedeu cartos de fondos europeos para o bar da súa familia. “Claro que lles interesa Europa”, ironizou Vázquez, “ésa é a Europa que queren”.

O BNG viaxa en coche e pagando cos seus cartos
A número ún do BNG ás eleccións europeas, Ana Miranda, defendeu tamén na súa intervención que “mentres PP e PSOE andan enleados nas súas trifulcas, de quen viaxa en avión ou a quen lle dan traxes gratis”.
Con esta actitude, a candidata nacionalista explicou que, con esta actitude, o único que demostran “é a súa invalidez política” e contrapuxo esta actitude coa do BNG “nós viaxamos en coche, por estas autoestradas galegas que non están libres de peaxe, como a AG-55”.
“Votar BNG é votar Galiza e a defensa dos nosos intereses”,
afirmou Ana Miranda, ao tempo que defendeu que o BNG estará alí “coa nosa propia voz” e advertíu de que "nin os eurodeputados do PP nin os do PSOE van votar en Bruxelas en contra das propostas que lles veñen marcadas desde Madrid e nós marcamos a nosa axenda desde Galiza”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario