4 de out. de 2019

A GUARDA

FEIRA DO EMPREGO E FORMACIÓN ECOIMAXIN 

POR UN FUTURO SOSTIBLE

Do 24 ao 26 de outubro, na Casa dos Alonso


Infogauda / A Guarda

 Os días 24, 25 e 26 de outubro a Casa dos Alonso acollerá a Feira do Emprego e Formación Ecoimaxín, que na súa terceira edición contará con charlas e conferencias de especialistas do sector, que falarán sobre todas as novidades e as súas experiencias no mundo empresarial, amosando a todos os asistentes informacións relevantes para a posta en marcha de proxectos empresariais. 
 
  A Feira do Emprego e Formación é un evento que pretende estimular o talento e crear cultura emprendedora na comarca do Baixo Miño, baixo o concepto de sustentabilidade como elemento dinamizador socioeconómico e xerador de oportunidades de emprego. 

 Os participantes terán a oportunidade de asistir a obradoiros formativos en contacto directo con empresas sustentables.  

 Esta Feira do Emprego e Formación aspira a converterse nun referente para todas aquelas persoas interesadas en coñecer máis sobre as novas tecnoloxías, a formación continua e emprego, novas vías de negocio, entre outras novidades do sector empresarial. 

 O programa da Feira do Emprego e Formación Ecoimaxín terá inicio na xornada do xoves 24 ás 9:30h, cun acto inaugural no que contaráse coa asistencia do alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz; a concelleira de Formación, Fátima Rodríguez Marcos, e demais convidados.  

 Nas xornadas do xoves 24 e do venres 25, de 10:00 a 12:00 horas, terán lugar senllas píloras formativas a cargo de Sandra Fernández Prado, consultora e auditora interna en sistemas integrados de xestión, que tratará sobre «Novos perfís profesionais demandados polas empresas sostibles», e de Sandra Touza, xerente de «Ponle cara al turismo» que disertará sobre «Turismo sostible, impacto no desenvolvemento local». 

 O xoves 24 entre as 12:30h e as 14:00h realizarase unha ponencia aberta a todo o público sobre a responsabilidade social nunha gran empresa.  

 O venres 25 entre as 12:30h e as 14:00h realizarase unha ponencia aberta a todo o público sobre a sustentabilidade.  

 Para pechar esta edición da Feira do Emprego e Formación, a xornada do sábado día 26 de outubro estará adicada a unha Feira de Empresas, que terá lugar de 10:00 a 14:00 horas e na que se presentará o portal de Emprego de A Guarda, e de 12:00 a 13:00 horas presentaranse empresas eco da contorna. 
 
 Máis información e inscricións na OMIX da Guarda, no teléfono 986 61 0000 ext.7 ou no enderezo electrónico informacion@aguarda.es  

PROGRAMA ECOIMAXÍN – CONCELLO DA GUARDA   

XOVES 24 OUTUBRO  
9:30h Presentación e apertura das xornadas 
10:00h-12:00h Píloras formativas: 

•    Novos perfís profesionais demandados polas empresas sostibles, a cargo de Sandra Fernández Prado, consultora e auditora interna en sistemas integrados de xestión (calidade, medio ambiente, prevención riscos laborais e responsabilidade social empresarial).

•    Turismo Sostible, impacto no desenvolvemento local, a cargo de Sandra Touza, xerente de «Ponle cara al turismo» (consultoría, plans estratéxicos, dinamización territorial, promoción turística e formación en turismo creativo, comunitario e industrial). 

12:00-12:30 Descanso 
12:30-14:00 charlas/ponencias abertas ao público 

•    Responsabilidade Social nunha gran empresa, a cargo de Teiga TMI (Servizos Electromecánicos Industriais).    

VENRES 25 OUTUBRO   
10:00h-12:00h Píloras formativas: 

•    Novos perfís profesionais demandados polas empresas sostibles, a cargo de Sandra Fernández Prado.

•    Turismo Sostible, impacto no desenvolvemento local, a cargo de Sandra Touza. 

12:00-12:30 Descanso 
12:30-14:00 charlas/ponencias abertas ao público

•    Sustentabilidade  

SÁBADO 26 DE OUTUBRO  
10:00h-14:00h Feira de Empresas 
Presentación do portal de Emprego de A Guarda, a cargo dos responsables municipais do programa

12:00- 13:00 horas presentación empresas eco da contorna: Albergue O Peirao, Proxecto Xe-Mente, O Eixido dos Tendeiros, Biosenza e outras por confirmar.

A GUARDA

O Concello implantará a tecnoloxía led na totalidade dos puntos do alumeado público

Cun investimento total que ascende a 919.452,02€, á actuación está cofinanciada polos fondos FEDER, cunha achega de 735.561,62€, e unha achega das arcas municipais de 183.890,40€


Infogauda / A Guarda 

 O Concello de A Guarda ven de recibir a resolución favorable por parte do IDAE para a subvención do proxecto de renovación do alumeado público exterior do municipio, que permitirá unha actuación integral sobre 1.916 puntos de luz do total de 2.688 existentes no municipio, acadando un aforro enerxético dun 65%. 

 Esta actuación está complementada coa que se acometerá en breve grazas ao proxecto de aforro enerxético promovido pola Deputación de Pontevedra, que permitirá a instalación de 24 puntos de luz en BIC´s coma a Fortaleza de Santa Cruz e 14 puntos de luz no Monte Santa Trega, cun investimento total de 17.385,42€, a instalación dunha caldeira de biomasa para o Centro Cultural da vila cun investimento total de 72.580,57€ e a renovación dun total de 251 puntos de luz do municipio cun investimento total de 98.672,88€. 

 Esta renovación do alumeado, cun investimento total que ascende a 919.452,02€, está cofinanciada polos fondos FEDER, cunha achega de 735.561,62€, e unha achega das arcas municipais de 183.890,40€, que será asumida cunha parte do aforro no consumo eléctrico. 

 A devandita subvención está concedida ao amparo dos proxectos singulares de entidades locais para favorecer o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020. Está prevista a licitación deste proxecto no ano 2020.  

 Deste xeito A Guarda pónse á cabeza da xestión da iluminación pública, cumprindo o obxectivo de adaptar á tecnoloxía led todas as luminarias públicas nos espazos exteriores do municipio, cunha importante redución do consumo eléctrico, ademais do aforro económico e a mellora que conleva esta actuación para o medio ambiente, reducindo en 334,48 toneladas ao ano as emisións de dióxido de carbono e reducindo tamén a contaminación lumínica, permitindo axustar a intensidade dos puntos de luz.

OIA

PATRIMÓNIO

Considerações paisagistas em Oia
(52ª parte) 


ENCONTROS POLIORCÉTICOS / Oia  

 Senhores da RMO, tenham dó aquando falam da "evidente unidade territorial e paisagista "da área formada pelo mosteiro e os terrenos da envolvente. Qual é a vossa? Qual é o plano? Faltam à verdade e ainda por cima o sabem. Utilizar uma paisagem autêntica e preexistente como arma de arremesso é típica reação dos que querem vender um produto brega, cafona e anti-paisagem. De facto, não se cumpre Convênio Europeu da Paisagem do ano 2000, bem como um amplo leque normativo anterior e posterior. Afirmações tais somente procuram criar confusão, fazer trocadilho enganoso de palavras e assentar a desconversa. Argumentação apresentada pela RMO, insistimos, baseia-se  na absoluta desconsideração pelo mosteiro e envolvente e  no desprezo das constantes paisagistas que vigoram hoje em todo o lado. Desenquadramento decorrente desse projeto urbanizador é gritante. Bagagem "culturalista e musical" na manga constitui conluio e apoio a um PROJETO  ANTI-CÍSTER E ANTI-CAMINHO. Quantos anos será necessário esperar para afastar aos "patos bravos" dos bens culturais? A pergunta é pertinente dado ser o miolo da questão.    

 Relatório dos factos é o seguinte: Proprietários do mosteiro teceram uma nova oferta ao concelho baseada na construção de 173 moradias em autênticos prédios de 3 andares e 10 metros de altura. Ao total, 20 unidades perfeitamente desenquadradas, alcunhadas de "vilas turísticas", verdadeiro terricidio e ofensa à paisagem. Promotores pedem uma modificação pontual do planeamento por forma a delimitar um polígono de 77.652  m2, de solo urbano não consolidado, para desenvolvê-lo urbanisticamente mediante um PERI chamado de compensação. Maior parte dos terrenos, 56.360 m2, pertencem à entidade "Real Mosteiro de Oia". Vamos tentar desvendar aquilo que não passa de uma brutalização da cenobial envolvente de um monumento secular. A coisa está clara: Lei do Património Cultural de Galiza é papel molhado para RMO e também para a Xunta, garantidamente. Estes gajos oferecem 111.236 € de molde a compensar ao concelho em troca de sacrificar o edifício do mercado municipal para assim poder criar uma vía de acesso à futura urbanização (consumando típico Manual do Feismo). Já absorveram 21.292 m2 "por cuatro perras", como se costuma dizer. Os chamados PERI (Plano Especial de Reforma Interior) aplicam-se nomeadamente em cidades. Oia é cidade?      

 Método de compensação é sistema de caráter privado no que os proprietários, para além de aportar os próprios terrenos, assumem os custos das obras de urbanização. Trata-se de uma execução urbanística de um setor, polígono, unidade de execução ou de atuação. Real Decreto Legislativo 7/2015, de 30 de outubro, no seu Artigo 18 do Texto Refundido da Lei do Solo diz: Toda atuação de transformação urbanística (atenção ao termo) implica o dever de custear todas as obras de urbanização previstas, bem como as infraestruturas de conexão com as redes gerais de serviços e as de ampliação e reforço das existentes. Da mesma maneira, Artigo 34, alinha 2, letras g) e h), da Lei 2/2016, de 10 de fevereiro, do Solo de Galiza, no seu texto consolidado, determina os supostos relativos à paisagem e património. Portanto, quem oblitera a lei? Cómo é que se misturam esses aberrantes pactos contratuais donde a Xunta parece valorizar mais a turistificação irracional do que qualquer outro parecer?. PERI de compensação em Oia revela contradições manifestas onde é empregue sempre a interesseira "modificação", a oportuna "adenda". 

 Artigo precedente.

BAIONA

A Deputación de Pontevedra presenta a exposición "Rexas, mulleres baixo o terror franquista"  

A mostra rende homenaxe a 172 veciñas da provincia que afectadas por todo tipo de represións, dende vexacións sexistas ata asasinatos, e poderá visitarse ata o 18 de outubro nos baixos do concello



Infogauda / Baiona

 A programación cultural da Deputación de Pontevedra achegará a Baiona a exposición "Rexas, mulleres baixo o terror franquista", coa que se pretende homenaxear ás mulleres represaliadas da provincia de Pontevedra. A inauguración terá lugar este sábado día 5 de outubro ás 20:00 horas no concello de Baiona e, a continuación, proxectarase na biblioteca do concello o documental "Matriarcas", de Xiana Vilar, Mónica Sousa, Vanesa García e Laura Rial. Posteriormente, haberá unha charla con Montse Fajardo, comisaria de "Rexas" e participante no documental. A mostra estará presente nos baixos do Concello de luns a venres, entre as 9:00 e as 14:00 horas, ata o 18 de outubro.  

 Hai que lembrar que "Rexas" recolle exemplos de mulleres pontevedresas afectadas por todas as tipoloxías de represión, desde as vexacións sexistas e as persecucións, ata as torturas e asasinatos. Toda a información relativa á historia das mulleres homenaxeadas está organizada en 12 paneis que inclúen preto dun centenar de fotografías.  

 Esta mostra, promovida polo departamento de Cultura da Deputación de Pontevedra, busca contar a historia da represión rexistrada en Pontevedra tras o golpe de Estado de 1936 dende o punto de vista das mulleres. Na ducia de paneis que a compoñen conta a historia de 172 veciñas da provincia, a quen deste xeito e con esta mostra se lles rende unha homenaxe.    

TOMIÑO

Volven os ‘Barbeiros Solidarios’ 

Con 30 profesionais da perruquería e barbería, tatuaxes e música en directo 

O Concello de Tomiño colabora con esta iniciativa en beneficio da asociación de persoas con discapacidade Vontade


Infogauda / Tomiño 

 Os ‘Barbeiros Solidarios’ volven a Tomiño. O vindeiro domingo 6 de outubro, 30 profesionais da perruquería e barbería de toda España encherán a Praza do Seixo para celebrar por terceiro ano consecutivo unha xornada de traballo en beneficio da asociación de persoas con discapacidade Vontade. Nesta edición contarán ademais cunha importante novidade: a participación de Marcos da Silva, de Triple Rivas Barber Tattoo, que tatuará durante todo o día a todas aquelas persoas que se animen.  

 Dende as 11:00 ás 18:00 h de forma ininterrompida todos estes profesionais estarán a disposición das persoas que o desexen para peitear, cortar o pelo, afeitar, amañar a barba… por tan só 7 euros por servizo. Con algunha sorpresa preparada en temas de decoración, esta edición contará tamén con inchables e xogos tradicionais para os máis cativos e cativas e amenizarase coa música en directo de Argonat Band e Laura Ocampo.  

 “Animamos a todo o mundo a participar neste evento, non soamente porque é un acto solidario, no que todo o recadado vai para colaborar con Vontade e axudarlles a mellorar os servizos que ofrecen, como o de psicoloxía. Tamén é un plan moi atractivo e apetecible para o domingo, en familia, con amigos…”, recalca Anahíl González, de Espazo Vip peluqueros, organizador do encontro.  

 Esta iniciativa conta coa colaboración do Concello de Tomiño, Hotel Nova Colina, Medavita, Casaíta, Disgobe, Tomipan Flor y Nata, Woody Pool e Tapería Os Casqueiros.  

 Os organizadores esperan repetir o éxito das edicións anteriores, nas que unha grande afluencia de xente de Tomiño e arredores pasou durante toda a xornada pola Praza do Seixo para achegar o seu gran de área.

TOMIÑO

O outono chega a Tomiño con máis de 30 actividades culturais, deportivas e de lecer para todos os públicos 

O Concello de Tomiño ven de editar en papel a súa Axenda de Outono, na que se recollen todas as actividades previstas ata xaneiro, dende teatro ou concertos ata cursos, actividades deportivas e de voluntariado ou exposicións e obradoiros  

A alcaldesa e concelleiras presentaron á programación cultural, deportiva e lúdica que o Concello de Tomiño ten prevista
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 Un programa de actividades transversal e integrador dirixido a todos os públicos. Así é a programación cultural, deportiva e lúdica que o Concello de Tomiño ten prevista para os vindeiros meses e que ven de recoller en papel na xa tradicional Axenda de Outono. Un completo programa trimestral no que se aglutinan todas as actividades de cultura, mocidade, deporte, voluntariado e transfronteirizas “dun xeito cómodo e planificado, informando debidamente á veciñanza e garantindo que todas as actividades son un éxito”, salienta a alcaldesa, Sandra González.  

 A nova edición da Axenda de Outono recolle as preto de 30 actividades que se levarán a cabo entre outubro, novembro e decembro, rematando coa ampla programación preparada para o Nadal. Así, a programación trimestral arrancará esta mesma fin de semana coa obra de teatro ‘#Camiños’, de Butaca Zero e, a vindeira semana, con dous cursos dirixidos á mocidade sobre cociña vegana e danzas urbanas, cursos para os que xa está aberto o prazo de inscrición.  

 A partir de aí comezará unha intensa lista de actividades entre as que destaca a ampla programación teatral, con 8 obras para toda a familia e outras 6 dirixidas a público adulto. Así, o público infantil poderá desfrutar o 13 e o 27 de outubro de Baobab Teatro e de Roque e os seus contos no Mercado Municipal de Tomiño; o 3 de novembro dos ‘Contos do recreo’ de Redrum Teatro; o 17 de novembro de Xarope Tulú e as súas ‘Nómades’; o 28 de decembro dos ‘Contos do animalario’ de Daboapipa; o 29 de decembro das espectaculares pompas de xabón de de ‘Os fabulosos Cleaners’ de Malasombra Producións e o 4 de xaneiro co último panda do planeta, ‘Mai-Mai’, de Baobab Teatro.  

 Pola súa banda, o público adulto disporá dun amplo abano de obras no auditorio de Goián: o 19 de outubro Contraproducións representará ‘Commedia’ no auditorio de Goián; o 2 de novembro Chévere chegará con ‘Anatomía dunha serea’; o 9 de novembro Artesacía presentará a ‘Chola, a It Girl’; o 16 de novembro Destexeito Producións estará con ‘Loló e mamá’ e o 24 de novembro Redrum Producións escenificará ‘Invisibles’.  

Actividades para todos os gustos  

 A programación complétase cunha vintena de actividades e concertos, entre os que destacan os que ofrecerá Agrupación Musical de Goián en honra de Santa Icía (23 de novembro) e por Nadal (22 de decembro), os da Coral Polifónica de Tomiño (13 de outubro e 15 de decembro) ou o Festival de Nadal Virxe de Alivio. Pola súa banda, o Mercado Municipal de Tomiño acollerá en outubro unha exposición da Asociación de Cultivos do Baixo Miño e dende Voluntariado levaranse a cabo dúas actividades: a creación dun vídeo sobre a realidade das mulleres no rural e unha xornada de retirada de plantas invasoras.  

 Os amantes do deporte teñen dúas citas este trimestre. Por un lado, o vindeiro 27 de outubro a Eurocidade Cerveira-Tomiño celebra o remate do seu programa Deporte para todas as persoas cunha xornada de actividades no Parque de Lazer do Castelinho, en Vila Nova de Cerveira, e o 22 de decembro terá lugar unha nova edición da Carreira de Nadal.  

 E, como cada ano, Tomiño contará cunha programación especial de Nadal que comezará o 15 de decembro co concerto da Coral Polifónica e rematará coa tradicional Cabalgata de Reis o 5 de xaneiro. Entrementres, 20 días de música, actividades deportivas, contacontos, teatro, obradoiros, inchables e moito máis pensados para que toda a familia poida desfrutar destas datas.  

 Esta axenda en papel repartirase e colocarase en lugares de moito tránsito para difundir as actividades e facer chegar o programa a todos os veciños e veciñas da vila, pero tamén pode consultarse directamente aquí.

TURISMO

As artistas de "Camiño a dentro" dinamizan o Camiño Portugués con novas accións en Caldas de Reis e no Porriño  

O programa impulsado pola Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia promociona a ruta xacobea central e a da Costa con expresións artísticas dirixidas á veciñanza e as e os peregrinos

Dores Tembrás inaugurou o programa onte xoves cunha acción poética nos xardíns da Casa da Navegación de Baiona
Foto: D. PO.

Infogauda / Redondela

  O proxecto "Camiño a dentro" segue a súa andaina pola provincia de Pontevedra para pór en valor o Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa tras a súa estrea onte en Baiona. A segunda acción do programa promovido pola Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia a través de "O teu Xacobeo" tivo lugar este venres pola tarde no exterior da Casa da Torre de Redondela, cunha acción poética con música en vivo da man de Carmen Quinteiro. 

 Este sábado celebrarase un novo evento en Caldas de Reis, onde Ruth Montiel invitará o público que acuda ao Xardín Botánico a colaborar na creación dunha instalación artística que será presentada ás 18:00 horas.  

 "Camiño a dentro" ten como obxectivo principal promocionar o Camiño desde unha perspectiva contemporánea con intervencións protagonizadas por dez mulleres artistas de recoñecida traxectoria. Os eventos inclúen desde poesía, música e teatro, ata fotografía, videocreación, ilustración e instalación. A través destas obras búscase afondar na relación entre Camiño e territorio, así como propiciar a interacción entre a veciñanza e as persoas peregrinas e recoñecer o traballo das mulleres no mundo da arte.  

 Dores Tembrás inaugurou o programa o xoves cunha acción poética nos xardíns da Casa da Navegación de Baiona. Tras recalar hoxe en Redondela e mañá en Caldas de Reis, "Camiño a dentro" fará o próximo xoves escala no Porriño, cunha acción musical de percusión a cargo do grupo.  

 Oia, A Guarda, Pontevedra, Nigrán, Tui e Soutomaior completarán as paradas deste proxecto que conta coa participación das artistas Dores Tembrás, Carmen Quinteiro, Ruth Montiel, o grupo Dúas (formado por Sabela Caridad e Marta Figueiredo), María Meijide, Inherente Teatro (integrado por Noelia Blanco, Celina Fernández e Pía Nicoletti), Lucía Loren, Carla Andrade, Nastasia Zürcher e Helen Bertels. A iniciativa está comisariada por Paula Cabaleiro, coordinadora tamén do programa "Mulleres en acción.Violencia zero" da Deputación de Pontevedra.  

 O Camiño Portugués é a segunda ruta xacobea máis transitada de cantas conducen a Santiago de Compostela, con máis de 67.800 peregrinas e peregrinos en 2018 e en aumento constante nos últimos anos. O Camiño pola Costa, que cruza todo o litoral desde A Guarda ata Redondela, tamén rexistra un progresivo incremento de persoas, con 13.638 en 2018. Así, as dúas rutas vencelladas ao país veciño superan as 81.500 persoas ao ano en tránsito pertencentes a un grande abano de nacionalidades.

EMPREGO

Preto de 200 mozos terán un contrato en prácticas en empresas da provincia co programa da Deputación de Pontevedra "O teu primeiro emprego"  

Carmela Silva anunciou que a Xunta de Goberno aprobou a selección das 183 firmas colaboradoras, situadas en 27 concellos da provincia, así como as bases para as contratacións



Infogauda / Pontevedra

  Un total de 183 mozos traballarán en empresas e corporacións sectoriais da provincia de Pontevedra grazas ao programa de fomento da empregabilidade "O teu primeiro emprego". Con este programa a Deputación de Pontevedra busca facilitar que a mocidade con título universitario ou de FP poida acceder a un primeiro emprego cun contrato en prácticas.  

 Silva anunciou hoxe a aprobación, en Xunta de Goberno, das 183 empresas colaboradoras seleccionadas para participar no programa, así como das bases que rexerán agora as contratacións doutras tantas persoas beneficiarias. As empresas participantes desenvolven a súa actividade en 27 concellos: Agolada, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, A Estrada, Forcarei, Gondomar, A Illa de Arousa, Lalín, Marín, Meaño, Meis, Mos, Nigrán, Poio, Pontevedra, O Porriño, Rodeiro, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Tomiño, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa.  

 Dos 183 contratos previstos, cunha subvención da Deputación de Pontevedra de 1.070.700 euros, 92 serán para persoas con titulación universitaria e 91 para persoas tituladas en ciclos superiores de Formación Profesional. No primeiro caso, os perfís que máis se demandaron por parte das empresas foron os de persoas tituladas en Enxeñería Industrial (20 solicitudes), grao ou licenciatura en Administración e Dirección de Empresas (15 solicitudes) e grao en Arquitectura (7), así como grao ou licenciatura en Publicidade e Relacións Públicas, grao en Ciencias Empresariais, grao en Xestión en Medianas e Pequenas Empresas e grao en Comercio, con seis solicitudes de empresas todas elas.  

 No que atinxe á FP, búscanse por parte das empresas sobre todo persoas tituladas nos ciclos superiores de Administración e Finanzas (houbo 34 solicitudes), Desenvolvemento de Aplicacións Web (8) ou Administración de Sistemas Informáticos en Rede (4), só por citar algunhas. Neste eido, a presidenta provincial destacou que "a maioría das solicitudes están ligadas as STEM e por outra banda a todo o que ten que ver coa administración e coa xestión de empresas" e amosou a súa preocupación porque "tan só o 25 % das persoas matriculadas en carreiras STEM son mulleres, iso significa que o 75 % dos novos empregos ligados a esas áreas van a ser homes". "Por iso estamos traballando moito para promover que as nenas dirixan tamén as súas preferencias, gustos, eleccións universitarias nesas carreiras que van a ser as que finalmente xeren empregos de máis calidade e máis salario", concluíu Carmela Silva.  

 Como lembrou a presidenta, a Deputación de Pontevedra puxo en marcha este ano o plan "O teu primeiro emprego", que ven substituír as bolsas do antigo Plan de práctica laboral, por contratos en prácticas con máis garantías e dereitos, e que está estruturado en catro programas independentes: "O teu primeiro emprego" na Deputación de Pontevedra; "O teu primeiro emprego" nos concellos (de menos de 50.000 habitantes); "O teu primeiro emprego" nas empresas e corporacións sectoriais e "O teu primeiro emprego" en organizacións non gobernamentais.  

 O obxectivo deste programa dirixido á mocidade é facilitar que as tituladas e titulados universitarios e de ciclos superiores de FP poida acceder a un primeiro emprego adecuado ao seu nivel de estudos cursados, adquirir experiencia profesional e facilitar a súa futura inserción no mercado laboral. Ademais, así a Deputación tamén colabora con empresas, corporacións sectoriais e organizacións sen animo de lucro no desenvolvemento económico da provincia.

TURISMO

A provincia de Pontevedra, cun 64% de ocupación media en setembro, convértese no "Turismo de referencia" en Galicia  

A presidenta da Deputación destacou que "pese á choiva os datos son moi positivos e nos sitúan como a provincia galega onde máis medra o turismo"

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva na rolda de prensa de hoxe
Foto: D.PO.


Infogauda / Pontevedra

  A provincia de Pontevedra acadou este pasado setembro unha ocupación media do 64%, tal e como confirmou esta mañá a presidenta da Deputación Carmela Silva. "Trátase dun dato moi positivo, seguimos a ser un turismo de referencia e ter un gran atractivo a nivel nacional e internacional" manifestou a presidenta provincial, quen tamén subliñou que Pontevedra "é a provincia galega onde máis medra o turismo".  

 A ocupación acadada en setembro en establecementos hoteleiros da provincia foi do 63,8%, tal e como recolle o estudo desenvolvido pola Deputación de Pontevedra que se asenta en enquisas cun nivel de confianza do 95% e un marxe de erro do 5,15%. Máis polo miúdo, segundo informou a presidenta da Deputación, a ocupación foi do 62,5% na comarca do Salnés; do 67,6% na comarca de Pontevedra (superando o 75% na capital da provincia); do 59% na comarca do Morrazo; do 66,9% na comarca de Caldas; do 75,1% na comarca de Vigo (sendo do 75,5% na cidade de Vigo); do 69,1% na comarca do Baixo Miño; do 40% nas comarcas do Condado e A Paradanta e do 49,3% nas comarcas de Deza e Terra de Montes.  

 En canto aos establecementos de turismo rural, Carmela Silva detallou que en setembro a ocupación media na provincia foi do 40%. Por comarcas no Salnés a ocupación foi do 43,3%, na comarca de Pontevedra do 40%, no Morrazo do 50%, na de Caldas do 51,4%, na comarca de Vigo do 42% e na comarca do Baixo Miño do 39,1%.  

 Do 66,2% foi a ocupación media provincial nos albergues. Neste eido, a zona de Caldas acadou un 81%; Vigo un 78%; Pontevedra, O Salnés e O Morrazo un 66% (chegando ao 83% na cidade de Pontevedra) e Deza e Terra de Montes un 47%.  

 Pola súa banda, as vivendas turísticas superaron o 77,25% de ocupación media na provincia de Pontevedra e do 82% na primeira quincena de setembro. Neste caso, a porcentaxe foi do 73,5% en Sanxenxo, 68% en Cambados, 70% en Poio, 73% en Pontevedra, 70,5% en Vigo, 68% no Grove, 69% en Cangas, 67% en Vilagarcía, 69% en Baiona e 67,5% en Bueu. Ocupan vivendas turísticas, tal e como detallou Silva, familias integradas por 2-4 membros e grupos de amigas/os que están a realizar o Camiño de Santiago. Ademais, o perfil das persoas usuarias deste tipo de aloxamentos proceden de Madrid, Castela e León, País Vasco, Asturias e Cataluña detectándose, neste mes de setembro, un incremento das persoas procedentes do estranxeiro (Alemaña, Portugal, Francia, Italia, Reino Unido, Australia e Estados Unidos).  

 Tamén informou a presidenta da Deputación sobre as persoas que visitaron os castelos da provincia. En total foron 4.427 persoas das cales 2.786 visitaron Soutomaior e 1.641 Sobroso. Ao respecto, Carmela Silva asegurou sentirse "moi satisfeita por estes resultados, xa que  cando nós chegamos ao goberno o número de visitantes aos castelos descendía brutalmente e agora, tralos investimentos realizados, convertéronse en grandes elementos de atracción turística".  

 Finalmente, a presidenta provincial deu a coñecer o perfil das persoas turistas que visitaron as oficinas de Turismo Rías Baixas. Neste eido, tratáronse de persoas españolas (80%) procedentes de Madrid, Barcelona, Asturias, Valencia e Badaxoz. No caso das persoas estranxeiras (20%) viñeron dende Portugal, Alemaña, Francia, Reino Unido e Estados Unidos.  

 Tal e como explicou Carmela Silva, o 50% tiñan entre 35 e 60 anos e aloxáronse en hoteis (51%) de Sanxenxo, Pontevedra, Vigo, O Grove e Poio principalmente. A estancia media da maioría das persoas que visitaron as oficinas de turismo da provincia foi entre 7 e 15 días e o 40% viñeron ata as Rías Baixas motivados pola cultura, seguido do ocio (18%) e natureza (12%).

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra aproba unha nova asignación de 175.400 euros para as axudas básicas de emerxencia de 19 concellos da provincia

A presidenta Carmela Silva destacou que esta liña de axudas ten como finalidade "dar apoio económico aos pequenos concellos para que poidan atender as demandas de urxente necesidade da cidadanía que se atope en situación ou risco de exclusión social"

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego, na rolda de prensa de hoxe
Foto: D. PO.

Infogauda / Pontevedra

  A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego, anunciou hoxe a aprobación, na Xunta de Goberno, da asignación para as Axudas Básicas de Emerxencia (ABE) doutros 19 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, cunha contía de 175.400 euros. Como recordou Silva, esta liña de axudas da institución provincial ten a finalidade de "dar apoio económico aos pequenos concellos para que poidan atender as demandas de urxente necesidade da cidadanía que se atope en situación ou risco de exclusión social, cunha especial atención a aquelas persoas con menores ao seu cargo".  

 Como explicou a presidenta, trátase de axudas que serven para cubrir gastos de alimentación, gastos da vivenda, pagamento de recibos, pagamento de produtos de hixiene e limpeza, de produtos farmacéuticos, adquisición de electrodomésticos, pagamento de desprazamentos, pagamento de lentes ou audiófonos, pago de gastos derivados de tratamentos de odontoloxía, pagamento de produtos de apoio e axudas de apoio á infancia. "Polo tanto –como destacou Carmela Silva–, cobren as necesidades da cidadanía".  

 Os 19 concellos que se beneficiarán desta nova asignación son Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cuntis, Dozón, Gondomar, Moaña, Mondariz, Mos, Nigrán, O Porriño, Oia, Ponte Caldelas, Portas, Rodeiro, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Vilaboa e Vilanova de Arousa. Con esta nova aprobación, son xa 40 os municipios da provincia que teñen as axudas correspondentes a este ano concedidas, cun investimento que suma ata agora 356.900 euros.

VILA NOVA DE CERVEIRA

Concerto “PRIMO CONVEXO” 
5 de outubro (sábado), 18h00 
Entrada livre


Infogauda / Vila Nova de Cerveira

 A Porta Treze – Associação Poética de Todas a Artes, promove este sábado, às 18h00, o concerto do “PRIMO CONVEXO” que se realiza no Fórum Cultural de Cerveira, com o apoio da Fundação Bienal de Arte de Cerveira e a Associação Cultural Convento de S. Paio. 

 Os primos são: António Castanheira, Matilde Rocha, António Jorge Matos, João Manuel Oliveira, Eduardo Bueso e António Silva. 

 A entrada é livre.  

CULTURA

Lanzamento de «Árbores que non arden. As mulleres na prevención de incendios forestais» 

Este sábado 5 de outubro, ás 12:00, no marco do evento Mostra do posible, en Cangas do Morrazo
 


 Isidro Dozo Valladares

 Este sábado 5 de outubro, ás 12:00 Catro Ventos Editora presenta Árbores que non arden. As mulleres na prevención de incendios forestais, no marco do evento Mostra do posible, o evento galego de referencia arredor da economía social.  

 A obra coordinada por proxecto Batefogo  que comeza a súa distribución na semana do 7 de outubro, tivo unha excelente acollida no mecenado realizado en Goteo.org e convértese ao fin nun libro máis do catálogo desta editora adicada á publicación de obras sobre ecoloxía, economía social, consumo sustentable, crianza alternativa e dereitos humanos.  

 O libro preséntase cunha sobrecuberta despregable co deseño impreso da lámina de Xoana Almar (Cestola na cachola) que conforma a identidade gráfica desta obra de múltiple autoría.  

Sobre a obra 

 Nunha panorámica superficial do mundo do lume, a presenza de mulleres resulta aparentemente anecdótica. A súa visibilidade nos distintos escenarios do complexo quebracabezas que supón a problemática dos incendios forestais en Galicia é moi reducida; demasiado...                 

 Fagan memoria das noticias sobre a autoría dos lumes, das imaxes do servizo de extinción, dos comités da administración autonómica, ou dos foros de debate sobre os lumes, o ordenamento e a xestión do territorio. É que elas non prenden? Non apagan? Non deciden? Non reflexionan sobre os incendios forestais, as súas causas e consecuencias?         

 Para tentar dar resposta a estas preguntas, o equipo do proxecto Batefogo reúne neste volume achegas de diferentes autoras que, desde a súa disciplina, reflexionan sobre o papel das mulleres na prevención e extinción dos incendios forestais.  

Sobre a autoría 

 O equipo do proxecto Batefogo está composto por Celsa González Ogando, Paula Lubián Fernández, Miguel Pardellas Santiago e Brais Pérez Gómez, unha enxeñeira agrónoma, dúas educadoras ambientais licenciadas en Ciencias Ambientais e un asesor especializado en cooperativas que se xuntaron un día para traballar conxuntamente na prevención dos incendios forestais con ferramentas de intervención social. 

 Conscientes de que as solucións á problemática dos incendios están no terreo do social, e empregando como ferramentas a educación e a participación, traballan nas comunidades máis directamente afectadas polos lumes para abordar as súas causas estruturais e deseñar colectivamente propostas de actuación.  

 No seu traballo de coordinación reuniron a un equipo de autoras para construír o sesgo de xénero arredor dos lumes: Ana Cabana Iglesia (Doutora en Historia pola USC e compoñente de HISTAGRA), Beatriz Rodríguez-Morales (Enxeñeira de Montes pola Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo e compoñente de ECOAGRASOC), Lara Barros Alfaro (Licenciada en Historia pola USC e impulsora de Mulime), María Ferreiro e Isabel Vilalba (responsables da Secretaría das Mulleres e da Secretaría Xeral do Sindicato Labrego Galego, respectivamente), María Novas e Sofía Paleo (arquitectas pola USC, investigadoras e impulsoras do proxecto de investigación en arquitectura e xénero “Dexenero"), Rosa Mosquera (doutora en Ciencias Biolóxicas, profesora do departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo), Lola Ferreiro (doutora), M. Conceição Colaço (investigadora do Centro de Ecoloxía Aplicada Baeta Neves (CEABN/InBIO) no Instituto Superior de Agronomía da Universidade de Lisboa) e Andrea Nunes Brións (poeta).

CULTURA

A DELEGACIÓN DA XUNTA DE GALICIA EN VIGO ACOLLEU A PRESENTACIÓN DA I EDICIÓN DO FESTIVAL FOLCLORE NO CAMIÑO PORTUGUÉS DA COSTA     

· Organizado pola Asociación Cultural Interfolc, conta co patrocinio da Xunta e coa colaboración dos concellos de A Guarda, O Rosal, Baiona, Oia e Redondela 

· A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Corina Porro, recibiu hoxe aos organizadores do evento que terá lugar desde mañá ata o 20 de outubro  

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Corina Porro - segunda pola der. - co presidente de Interfolc e da Banda de Gaitas Xarabal, Roberto Giráldez; Paula Sotelino, presidenta da Agrupación Folclórica Lembranzas Galegas, e Pablo González, da Asociación Folklórica Corisco
Foto: X.G.

Infogauda / Vigo

 A delegada territorial en Vigo, Corina Porro, recibiu hoxe no seu despacho aos representantes da Asociación Cultural Interfolc ante o inicio este sábado no Concello de A Guarda da I edición do Festival Folclore no Camiño Portugués da Costa.  

 Esta iniciativa, que conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través de O teu Xacobeo e coa colaboración dos concellos de A Guarda, O Rosal, Baiona, Oia e Redondela, nace coa idea de divulgar polos municipios que atravesa o Camiño Portugués da Costa as danzas, músicas, cancións e vestiarios relacionados co folclore.  

 Así llo trasladou á delegada territorial o presidente de Interfolc e da Banda de Gaitas Xarabal, Roberto Giráldez, quen avanzou que no festival actuarán grupos locais dos concellos participantes, as agrupacións viguesas que forman Interfolc e unha ampla representación portuguesa. Á reunión acudiu tamén Paula Sotelino, presidenta da Agrupación Folclórica Lembranzas Galegas, e Pablo González, da Asociación Folklórica Corisco.   

 O Festival, que arranca este sábado, a partir das 20:00 horas, no Auditorio ao aire libre San Bieito, na Guarda, arribará no Auditorio V Centenario de Baiona o 6 de outubro ás 18:00 horas; visitará a Praza do Calvario de O Rosal o día 13; e chegará o día 19 ás 17:00 horas á Praza Centinela de Oia, para culminar en Redondela o 20 de outubro na Casa da Torre ás 18:00 horas.   

 Unha completa programación que, en palabras de Corina Porro, ofrece unha oportunidade única para gozar cunha das esencias do pobo galego, “a riqueza cultural de Galicia non se circunscribe ao idioma, sen dúbida podemos presumir e o facemos dun rico patrimonio folclórico”. Trátase dunha experiencia coa que “se pon en valor o patrimonio inmaterial das poboacións polas que transcorre o Camiño”, apuntou.   

 Xa para rematar, a representante autonómica desexoulles aos organizadores do Festival no Camiño os maiores éxitos nesta primeira edición ata chegar á madurez acadada polo Festival Folclórico Internacional de Vigo, que organiza Interfolc desde o ano 1994.   

A GUARDA

FILATELIA, SESIÓN DE CONTOS, FESTIVAL FOLCLÓRICO,...

Son algunhas das actividades programadas na primeira fin de semana de outubro



Infogauda / A Guarda 

 Esta fin de semana A Guarda acolle varias actividades entre as que destacan a apertura da  exposición filatélica EXFIMIÑO 2019, a actividade «Elas pintan moito» e o Festival «Folclore no Camiño».   

SÁBADO 5  


 O sábado día 5 de outubro o Salón de Actos do Centro Cultural acollerá ás 11:30h a actividade “Elas pintan moito”, unha sesión de contos para público familiar baseada na obra de diferentes pintoras e nos elementos que as inspiraron.   

 Nesta actividade, enmarcada no Programa Ler conta moito 2019 de Igualdade e Violencia de Xénero e organizada pola Biblioteca Pública Municipal en colaboración co CIM Centro de Información á Muller,  abórdase a cuestión da igualdade entre homes e mulleres en todos os ámbitos da vida, desde o máis cotiá ata o da creación artística.  

 O obxectivo é a dinamización da lectura que promova a igualdade entre homes e mulleres e a prevención da violencia de xénero. 

FESTIVAL FOLCLORE NO CAMIÑO



 Ás 20:00h o Auditorio de San Bieito acollerá “Folclore no Camiño”, un Festival do Patrimonio Inmaterial do Camiño de Santiago Portugués da Costa, organizado pola Asociación Cultural Interfolc.  

 Unha experiencia que pon en valor o patrimonio inmaterial das poboacións polas que transcorre o Camiño de Santiago portugués da costa e no que participarán a Asociación Folclórica Lembranzas Galegas (Vigo), a  Asociación Folclórica Vento Mareiro (A Guarda), o Grupo de Baile Xamaraina (A Guarda) e a Ggrupo Etnográfico de Areosa (Viana do Castelo).  

EXFIMIÑO 2019


  Este ano a exposición filatélica EXFIMIÑO, na súa XXIII edición, organizada dende a Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa, estará dedicada ao inmoble do Hospital Casa Asilo de A Guarda, edificio que desde fai anos alberga o Centro Cultural da vila.  

 Esta mostra filatélica terá lugar do 5 ao 13 de outubro, na Sala de Exposicións do Centro Cultural, sendo os días 7, 8, 9 e 10 as visitas guiadas pola exposición para escolares e público en xeral.   

 O programa de actos da EXFIMIÑO 2019 comeza xa este sábado día 5 de outubro as 11:00 horas coa apertura da exposición. A mostra contará como ven sendo habitual, con coleccións de distintos lugares de Galicia, expostas en distintas modalidades filatélicas (tradicional, temática un cadro, clase aberta,... ) e tamén haberá algunha colección de numismática.

3 de out. de 2019

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

Adxudicada a obra de mellora do acceso á praia do Forte (Camposancos)  

A actuación enmárcase dentro do proxecto Visit Rio Minho, cofinanciado ao 75% polos fondos FEDER  

Carmela Silva Rego - segunda pola dereita -, presidenta da Deputación de Pontevedra, con Uxío Benítez Fernández - a der. da imaxe - deputado de Mobilidade Alternativa e Espazos Públicos e Cooperación Transfronteiriza e AECT Río Miño, co alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz e a concelleira Mª Montserrat Magallanes Álvarez, logo da sinatura dod documentos correspondentes a obra a desenvolver na praia do Forte
Foto: D. PO.

Infogauda / Camposancos

 A Deputación de Pontevedra vén de adxudicar a obra de mellora do acceso á praia do Forte - coñecida internacionalmente como praia do Muíño - de Camposancos (A Guarda) á empresa Marconsa S.L. por un importe de de 168.287,34  euros.  

 A actuación forma parte do proxecto de cooperación europea ‘Visit Rio Miño’, de preservación e valorización do Río Miño transfronteirizo, do que a Deputación de Pontevedra é socia.  

Trazado da rotonda prevista a carón da praia do Forte, en Camposancos


 Trátase dun proxecto redactado polo departamento de Urbanismo do Concello de A Guarda. Os obxectivos desta actuación de mellora do acceso da praia do Forte son: a recuperación e protección do espazo e a mellora do acceso aos servizos da praia por parte da cidadanía. O proxecto contempla a construción dunha rotonda para regular o tráfico, darlle continuidade á senda litoral para unila coa fluvial e a creación dunha ampla área de uso exclusivo para as persoas.  

 Estas obras enmárcanse na actividade 4 do proxecto de cooperación europea Visit Rio Minho destinada á mellora e posta en valor da rede de sendeiros verdes transfronteirizos situados a  ambas marxes do río Miño, a praia do Forte conta con Bandeira Azul dende hai anos.  

 Visit Rio Minho, está cofinanciado nun 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco da convocatoria de axudas do Programa de Cooperación Territorial Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.