4 de out. de 2019

CULTURA

Lanzamento de «Árbores que non arden. As mulleres na prevención de incendios forestais» 

Este sábado 5 de outubro, ás 12:00, no marco do evento Mostra do posible, en Cangas do Morrazo
 


 Isidro Dozo Valladares

 Este sábado 5 de outubro, ás 12:00 Catro Ventos Editora presenta Árbores que non arden. As mulleres na prevención de incendios forestais, no marco do evento Mostra do posible, o evento galego de referencia arredor da economía social.  

 A obra coordinada por proxecto Batefogo  que comeza a súa distribución na semana do 7 de outubro, tivo unha excelente acollida no mecenado realizado en Goteo.org e convértese ao fin nun libro máis do catálogo desta editora adicada á publicación de obras sobre ecoloxía, economía social, consumo sustentable, crianza alternativa e dereitos humanos.  

 O libro preséntase cunha sobrecuberta despregable co deseño impreso da lámina de Xoana Almar (Cestola na cachola) que conforma a identidade gráfica desta obra de múltiple autoría.  

Sobre a obra 

 Nunha panorámica superficial do mundo do lume, a presenza de mulleres resulta aparentemente anecdótica. A súa visibilidade nos distintos escenarios do complexo quebracabezas que supón a problemática dos incendios forestais en Galicia é moi reducida; demasiado...                 

 Fagan memoria das noticias sobre a autoría dos lumes, das imaxes do servizo de extinción, dos comités da administración autonómica, ou dos foros de debate sobre os lumes, o ordenamento e a xestión do territorio. É que elas non prenden? Non apagan? Non deciden? Non reflexionan sobre os incendios forestais, as súas causas e consecuencias?         

 Para tentar dar resposta a estas preguntas, o equipo do proxecto Batefogo reúne neste volume achegas de diferentes autoras que, desde a súa disciplina, reflexionan sobre o papel das mulleres na prevención e extinción dos incendios forestais.  

Sobre a autoría 

 O equipo do proxecto Batefogo está composto por Celsa González Ogando, Paula Lubián Fernández, Miguel Pardellas Santiago e Brais Pérez Gómez, unha enxeñeira agrónoma, dúas educadoras ambientais licenciadas en Ciencias Ambientais e un asesor especializado en cooperativas que se xuntaron un día para traballar conxuntamente na prevención dos incendios forestais con ferramentas de intervención social. 

 Conscientes de que as solucións á problemática dos incendios están no terreo do social, e empregando como ferramentas a educación e a participación, traballan nas comunidades máis directamente afectadas polos lumes para abordar as súas causas estruturais e deseñar colectivamente propostas de actuación.  

 No seu traballo de coordinación reuniron a un equipo de autoras para construír o sesgo de xénero arredor dos lumes: Ana Cabana Iglesia (Doutora en Historia pola USC e compoñente de HISTAGRA), Beatriz Rodríguez-Morales (Enxeñeira de Montes pola Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo e compoñente de ECOAGRASOC), Lara Barros Alfaro (Licenciada en Historia pola USC e impulsora de Mulime), María Ferreiro e Isabel Vilalba (responsables da Secretaría das Mulleres e da Secretaría Xeral do Sindicato Labrego Galego, respectivamente), María Novas e Sofía Paleo (arquitectas pola USC, investigadoras e impulsoras do proxecto de investigación en arquitectura e xénero “Dexenero"), Rosa Mosquera (doutora en Ciencias Biolóxicas, profesora do departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo), Lola Ferreiro (doutora), M. Conceição Colaço (investigadora do Centro de Ecoloxía Aplicada Baeta Neves (CEABN/InBIO) no Instituto Superior de Agronomía da Universidade de Lisboa) e Andrea Nunes Brións (poeta).

Ningún comentario:

Publicar un comentario