4 de out. de 2019

A GUARDA

O Concello implantará a tecnoloxía led na totalidade dos puntos do alumeado público

Cun investimento total que ascende a 919.452,02€, á actuación está cofinanciada polos fondos FEDER, cunha achega de 735.561,62€, e unha achega das arcas municipais de 183.890,40€


Infogauda / A Guarda 

 O Concello de A Guarda ven de recibir a resolución favorable por parte do IDAE para a subvención do proxecto de renovación do alumeado público exterior do municipio, que permitirá unha actuación integral sobre 1.916 puntos de luz do total de 2.688 existentes no municipio, acadando un aforro enerxético dun 65%. 

 Esta actuación está complementada coa que se acometerá en breve grazas ao proxecto de aforro enerxético promovido pola Deputación de Pontevedra, que permitirá a instalación de 24 puntos de luz en BIC´s coma a Fortaleza de Santa Cruz e 14 puntos de luz no Monte Santa Trega, cun investimento total de 17.385,42€, a instalación dunha caldeira de biomasa para o Centro Cultural da vila cun investimento total de 72.580,57€ e a renovación dun total de 251 puntos de luz do municipio cun investimento total de 98.672,88€. 

 Esta renovación do alumeado, cun investimento total que ascende a 919.452,02€, está cofinanciada polos fondos FEDER, cunha achega de 735.561,62€, e unha achega das arcas municipais de 183.890,40€, que será asumida cunha parte do aforro no consumo eléctrico. 

 A devandita subvención está concedida ao amparo dos proxectos singulares de entidades locais para favorecer o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020. Está prevista a licitación deste proxecto no ano 2020.  

 Deste xeito A Guarda pónse á cabeza da xestión da iluminación pública, cumprindo o obxectivo de adaptar á tecnoloxía led todas as luminarias públicas nos espazos exteriores do municipio, cunha importante redución do consumo eléctrico, ademais do aforro económico e a mellora que conleva esta actuación para o medio ambiente, reducindo en 334,48 toneladas ao ano as emisións de dióxido de carbono e reducindo tamén a contaminación lumínica, permitindo axustar a intensidade dos puntos de luz.

Ningún comentario:

Publicar un comentario