4 de out. de 2019

A GUARDA

FILATELIA, SESIÓN DE CONTOS, FESTIVAL FOLCLÓRICO,...

Son algunhas das actividades programadas na primeira fin de semana de outubro



Infogauda / A Guarda 

 Esta fin de semana A Guarda acolle varias actividades entre as que destacan a apertura da  exposición filatélica EXFIMIÑO 2019, a actividade «Elas pintan moito» e o Festival «Folclore no Camiño».   

SÁBADO 5  


 O sábado día 5 de outubro o Salón de Actos do Centro Cultural acollerá ás 11:30h a actividade “Elas pintan moito”, unha sesión de contos para público familiar baseada na obra de diferentes pintoras e nos elementos que as inspiraron.   

 Nesta actividade, enmarcada no Programa Ler conta moito 2019 de Igualdade e Violencia de Xénero e organizada pola Biblioteca Pública Municipal en colaboración co CIM Centro de Información á Muller,  abórdase a cuestión da igualdade entre homes e mulleres en todos os ámbitos da vida, desde o máis cotiá ata o da creación artística.  

 O obxectivo é a dinamización da lectura que promova a igualdade entre homes e mulleres e a prevención da violencia de xénero. 

FESTIVAL FOLCLORE NO CAMIÑO



 Ás 20:00h o Auditorio de San Bieito acollerá “Folclore no Camiño”, un Festival do Patrimonio Inmaterial do Camiño de Santiago Portugués da Costa, organizado pola Asociación Cultural Interfolc.  

 Unha experiencia que pon en valor o patrimonio inmaterial das poboacións polas que transcorre o Camiño de Santiago portugués da costa e no que participarán a Asociación Folclórica Lembranzas Galegas (Vigo), a  Asociación Folclórica Vento Mareiro (A Guarda), o Grupo de Baile Xamaraina (A Guarda) e a Ggrupo Etnográfico de Areosa (Viana do Castelo).  

EXFIMIÑO 2019


  Este ano a exposición filatélica EXFIMIÑO, na súa XXIII edición, organizada dende a Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa, estará dedicada ao inmoble do Hospital Casa Asilo de A Guarda, edificio que desde fai anos alberga o Centro Cultural da vila.  

 Esta mostra filatélica terá lugar do 5 ao 13 de outubro, na Sala de Exposicións do Centro Cultural, sendo os días 7, 8, 9 e 10 as visitas guiadas pola exposición para escolares e público en xeral.   

 O programa de actos da EXFIMIÑO 2019 comeza xa este sábado día 5 de outubro as 11:00 horas coa apertura da exposición. A mostra contará como ven sendo habitual, con coleccións de distintos lugares de Galicia, expostas en distintas modalidades filatélicas (tradicional, temática un cadro, clase aberta,... ) e tamén haberá algunha colección de numismática.

Ningún comentario:

Publicar un comentario