27 de xul. de 2016

BAIXO MIÑO

O CENTRO SAN XEROME PRESENTA O PROXECTO “UN BAIXO MIÑO PARA TODOS” ANTE OS CONCELLOS DE OIA, TUI, TOMIÑO, A GUARDA e O ROSAL  


Ana Cristina Gil Estévez *

 Ó longo deste mes de xullo, a Asociación San Xerome Emiliani, en colaboración co Centro Juan María de Nigrán e Jacinto Lareo (como asesor especialista en materia de accesibilidade), estableceu as primeiras liñas de acción cos diferentes concellos do Baixo Miño para promover de maneira conxunta un novo proxecto de accesibilidade cognitiva “Un Baixo Miño para tod@s”. Esta iniciativa xa está en funcionamento en Nigrán, e ten previsto comezar a implementarse nos concellos limítrofes da comarca do Val Miñor, sendo o Centro Juan María a entidade promotora.  

 Os resultados obtidos até o momento son moi positivos, destacando o seu baixo custe e o gran número de beneficiarios (persoas que non teñen lecto-escritura, estranxeiros, persoas con diversidade funcional, etc.). Isto serve de referente para iniciar tamén este camiño en Tui, Tomiño, O Rosal, A Guarda e Oia. 

 As barreiras arquitectónicas non son o único obstáculo a derrubar en materia de accesibilidade, e a nosa labor como entidade da comarca é promover un replantexamento deste concepto, xerando unha resposta máis global e axustada á “Accesibilidade Universal”. 

 A accesibilidade cognitiva, a habitualmente esquecida, é unha ferramenta que facilita ás persoas da comunidade a comprensión da contorna e os seus elementos, así como sistemas de apoio para ó acceso a información. Pretendemos ser un medio facilitador, que a través de accións de asesoramento, informativas, formativas, divulgativas e de concienciación dirixidas ós concellos e a cidadanía en xeral, promova unha resposta razoable ás necesidades dunha comunidade heteroxénea. 

 Trala gran acollida por parte dos concellos da comarca, o proxecto comezará a implementarse no mes de setembro. Para isto, contaremos con diferentes equipos de traballo conformados por usuarios da Asociación, voluntarios, profesionais e outros colaboradores, así como mesas de traballo mensuais cós concellos para a presentación das propostas avaliadas.

(*) Terapeuta Ocupacional

A GUARDA

CARMEN JOHNS, PRIMEIRA PROTAGONISTA DO “MÚSICA NAS PRAZAS”

Súa actuación será este venres día 29 de xullo, a partires das 22:00 horas, na Praza de Santo Tomás (O Calvario)   


Infogauda / A Guarda

 Dende a Concellería de Cultura da Guarda séguese a apostar moi forte pola dinamización da actividade cultural guardesa. Dentro da variada oferta cultural e de entretemento que está a acoller a vila durante estes meses de verán, engadimos unha nova cita: a primeira edición de “Música nas Prazas”, que dará comezo este venres día 29 de xullo.  

 Esta iniciativa busca levar a música e as actividades culturais ás prazas das diferentes parroquias da vila. Para isto haberá 5 actuacións musicais, a primeira das cales se celebrará este venres coa presencia da cantante pop Carmen Johns, autora que participou no festival Portamérica dos dous últimos anos”, afirmou Elena Baz Rodríguez, concelleira de Cultura

Carmen Johns, cantante, compositora e guitarrista viguesa

 A xove cantante, compositora e guitarrista viguesa será a encargada de inaugurar o “Música nas Prazas”, levando as cancións dos seus dous discos, cun estilo propio que combina guitarras eléctricas e acústicas para transmitir todo tipo de emocións, á Praza de Santo Tomás a partir das 22:00 horas.  

 A segunda das citas terá como invitado a un dos grupos que están a revolucionar a escena musical actual: 'De Vacas'. Esta actuación será na Praza do Reló, o venres 26 de agosto.  

 As tres actuacións seguintes estarán ofrecidas por grupos guardeses. O venres día 16 de setembro o grupo punk rock 'Unabombers' tocará na Praza de San Caetano. O xoves día 22 de setembro será a quenda de Songodin´s, que interpretará as súas versións de cancións coñecidas na Praza de Salcidos. E para rematar esta primeira edición de “Música nas Prazas” o grupo 'Nobles' actuará, co seu estilo persoal ó que eles mesmos denominan gas noble, o venres día 30 de setembro na Praza de San Amaro (Camposancos).  

 Dende o Concello da Guarda convídase a todo o mundo a saír ás rúas e encher as prazas nestas cinco datas cheas de música, entretemento e moita vida cultural que seguro amenizarán as noites guardesas.

A GUARDA

A CORPORACIÓN MUNICIPAL CELEBRARÁ SESIÓN PLENARIA ORDINARIA

Será este venres día 29 de xullo, ás 20:00 horas, na Casa do Concello


Infogauda / A Guarda

 O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, ven de convocar sesión plenaría ordinaria da Corporación Municipal, para este venres día 29 de xullo, ás 20:00 horas, na Casa do Concello, coa seguinte Orde do Día:


PUNTO 1.- APROBACIÓN ACTAS DAS SESIÓNS ANTERIORES (ORD. 27/05/2016; EXTRAORD. 30/05/2016) 

PUNTO 2.- DAR CONTA DOS DECRETOS. 

PUNTO 3.- PROPOSTA DA ALCALDÍA DE FESTIVOS LOCAIS PARA O ANO 2017. 

PUNTO 4.- PROPOSTA DA ALCALDÍA DE ADHESIÓN AO PROXECTO “A CIDADE DOS NENOS”. 

PUNTO 5.-  MOCIÓNS. 

1. RE nº 4684 do PP.- Moción para o mantemento do Distrito Marítimo de A Guarda. 

2. RE nº 4772 do PP.- Moción para integrar o Centro Cultural e parque de recreo na Alameda de A Guarda. 

3. RE nº 4773 do PP.- Moción para certificar a seguridade do alumeado público. 

4. RE nº 4778 de CONVERXENCIA GALEGA asumindo a moción  en relación coa proposta de adhesión á campaña BDS en contra do apartheid israelí.

5. RE nº 4781 do BNG.- Moción sobre un plan de mobilidade sostíbel para o Concello da Guarda. 

6. RE nº 4803 do PP.- Moción para solicitar axudas para a sinalización do noso patrimonio histórico e cultural.   

PUNTO  6.- ROGOS E PREGUNTAS 

CONVOCADOS: 

D. Antonio Lomba Baz, Dna. Mª Montserrat Magallanes Álvarez, D. Miguel Ángel Español Otero, Dª Mª Elena Baz Rodríguez, D. Manuel Javier Crespo González, Dna. Mª. Teresa Vicente Baz, D. Paulino Rodríguez González, Dª. Mª de la Concepción Ortega Martínez, D. José Carlos Castro Martínez, D. Roberto José Alvarez Carrero, Dna. Elena Acevedo Rolán, D. Oscar Alonso Alvarez, D. Angel Luis Baz Vicente, D. Xan Lois Lomba Alonso, Dª. Mª Mercedes Martínez Vázquez, D. Celso Juan Rodríguez Fariñas, e Dª. María de Fátima Iglesias Ferreira.    

O ROSAL

DEPORTES

HOMENAXE A JOSIÑO

Sábado día 30 de xullo, ás 19:30 horas, no Campo de Fútbol de A Mata


VIGO

CONCENTRACIÓN CONVOCADA POLA XUNTA DE PERSOAL DA ÁREA SANITARIA DE VIGO E SOS SANIDADE PÚBLICA

Xoves día 28 de xullo, ás 12:00 h., diante do Edificio Administrativo do SERGAS (Antiga Dirección Provincial - Rúa García Barbón, 51 - Vigo)

A concentración será diante da dirección xeral do Sergas, na rúa García Barbón, 51, este xoves, día 28 de xullo, ás 12.00 horas.  

Iván G. Riobó / Vigo


 A xunta de persoal do Chuvi e a plataforma SOS Sanidade Pública pechan o seu calendario de mobilizacións do mes de xullo cunha concentración diante da antiga dirección xeral do Sergas, na rúa García Barbón, 51, este xoves día 28 de xullo, ás 12.00 horas.  

 Con estas protestas, que poderían ter continuidade en agosto, os colectivos promotores queren reclamar o rescate do hospital Álvaro Cunqueiro para a sanidade pública, o uso sanitario do Anexo I do antigo hospital Xeral, a apertura da todas as camas de hospitalización e un plan de choque para reducir as listas de espera, ademais de rexeitar calquera derivación á sanidade privada. 

O ROSAL

COMPARSA CIKLÓN ORGANIZA SU III ANDAINA NOCTURNA "NOCHE DEL TERROR"

Será el sábado día 27 de agosto, a las 22:00 horas, desde As Eiras (O Rosal)


TUI

‘Música no Claustro’ regresa á catedral de Tui con jazz, artesanía e novos talentos 

A nova edición deste festival de música e patrimonio ofrecerá do 3 ao 7 de agosto concertos de música clásica, antiga e jazz, obradoiros de cerámica e instrumentos tradicionais, xunto con visitas guiadas ao conxunto monumental tudense  

Baixo a dirección artística de Samuel Diz e co apoio de Cultura e Educación, o festival tamén será o escenario de presentación de novos intérpretes locais

Infogauda / Tui

 Concertos, obradoiros de artesanía e visitas guiadas centran o programa da décimo segunda edición de ‘Música no Claustro’, que se desenvolverá do 3 ao 7 de agosto na catedral de Tui, co apoio da Consellería de Cultura e Educación, a través das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística.
 As actividades que conforman a nova programación deste festival de música, patrimonio e creación interdisciplinar, foron presentadas esta mañá nunha rolda de prensa na que o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, fixo fincapé no interese de programar en espazos de especial interese cultural, co obxectivo de favorecer o coñecemento, o aprecio e a implicación social na conservación do patrimonio histórico.
 “Trátase, polo tanto –dixo–, dunha iniciativa que axuda a que tanto os veciños do lugar como os visitantes que se achegan doutras procedencias valoren a riqueza do patrimonio histórico que posuímos, ao tempo que lles permite desfrutar dunha programación multidisciplinar dirixida a todos os públicos e que se converte nun novo reclamo para visitar unha vila que conta cun valioso legado cultural”.
 Baixo o leimotiv “Fortalezas” e a dirección artística de Samuel Diz, ‘Música no Claustro’ ofrecerá diversos concertos de música clásica, antiga e jazz. No marco desta programación musical, chegará por primeira vez a Galicia, procedente de Lisboa, un dos proxectos máis singulares xurdidos na última década en Portugal: Noiserv. Nese diálogo entre ambas as dúas beiras do Miño, tamén terá lugar a presentación en escena do pergamiño Vindel de Martín Códax.

Ciclo de novos intérpretes

 Xunto con outras formacións e músicos experimentados como o acordeonista serbio Nikola Tanaskovic e o Ernesto Aurignac Trío, tamén participarán no festival novas e novos intérpretes, que terán ocasión de dar a coñecer o seu talento grazas á colaboración da Escola e o Conservatorio Profesional de Música de Tui, a A.C. Galicia Fiddle, e o apoio das empresas Connecta Aloia e a editorial Dos Acordes.
 Desde a perspectiva do estudo e difusión do patrimonio, ‘Música no Claustro’ pon o foco nesta edición na grana cochinilla, o pigmento natural chegado desde Nova España do que fala nos seus escritos frei Prudencio de Sandoval, bispo da catedral tudense entre 1608 e 1612.
 Protagonista dun importante desenvolvemento histórico, económico e artístico, o festival centra a súa atención na intrahistoria da cor carmín e os seus usos relixiosos, artísticos e sociais desde o século XVI ata a actualidade. Para iso, ofrecerá unha xornada de coñecemento interdisciplinar co historiador mexicano Huemac Escalona, e desde o punto de vista artístico, a gaditana Irene Gómez interpretará unha escolma de obras para viola da gamba nunha viaxe ao mundo sonoro das Españas históricas.

Artesanía e visitas guiadas

 As residencias artísticas e talleres de Verónica Moar, artesá de cerámica contemporánea, e o construtor de instrumentos musicais Xaneco achegaranlles aos participantes a artesanía galega. Visitas guiadas á cidade medieval tudense, xunto con obradoiros e xincanas para que os máis pequenos descubran o valor do patrimonio completan as propostas da décimo segunda edición de Música no claustro.
 Organizado polo Cabido da catedral de Tui, o festival conta coa colaboración da Xunta de Galicia, mediante o apoio das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación, e mais da Consellería de Economía e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño. Tamén colaboran con ‘Música no Claustro’ o Concello de Tui e AIEn-RUTa clásicos e jazz, programa do Fondo Asistencial e Cultural de Artistas Intérpretes o Ejecutantes.

VIGO

O titular da Xunta presidiu hoxe a sinatura da lei pola que se modifica a Lei 4/2012 do 12 de abril da Área Metropolitana de Vigo 

Feijóo salienta que a Área Metropolitana de Vigo nace “como un proxecto de todos” e apela á implicación de todos “para que sexa útil” aos case 500.000 galegos da Área 

“Estamos nun momento histórico para Vigo e para toda Galicia, non só porque se está a dar cumprimento a unha reclamación cidadá que leva anos facéndose, senón porque supón un punto de inflexión cara ao futuro no que a xestión municipal se refire”, di

Subliña que as posibilidades e os beneficios da área metropolitana son enormes e abarcan distintos ámbitos, como o transporte metropolitano, no que finalmente se ten integrado o Concello de Vigo e que permitirá aforrar de media aos usuarios frecuentes ata 1.000 euros anuais 

Lembra que a acción coordinada e a prestación conxunta permitirá tamén prestar un mellor servizo a un menor custo en eidos como os servizos sociais, a captación de fondos europeos, a recollida do lixo, a promoción turística, a promoción económica, a protección civil e a seguridade cidadá  

Destaca e agradece a implicación de todos os que traballaron para que este proxecto saíse adiante


Infogauda / Vigo

 O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe, na sinatura da lei pola que se modifica a Lei 4/2012 do 12 de abril da Área Metropolitana de Vigo, que esta nace como “un proxecto de todos” e apelou á implicación de todos para que sexa útil aos case 500.000 galegos da área.
 Durante o acto, Feijóo afirmou que con esta sinatura se pon o selo dun traballo de moita xente e moitas administracións; “pero, por riba de todo, conseguimos un acordo para mellorar a vida dos cidadáns”. E incidiu na necesidade de seguir traballando e implicarse todos en desenvolver a área desde a súa entrada en vigor, un mes despois da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
 “Estamos nun momento histórico para Vigo e para toda Galicia, non só porque se está a dar cumprimento a unha reclamación cidadá que leva anos facéndose, senón porque supón un punto de inflexión cara ao futuro no que a xestión municipal se refire”, dixo.

Unha área metropolitana para mellorar a calidade de vida de medio millón de veciños

 O titular do Executivo autonómico subliñou que as posibilidades e os beneficios son enormes e abarcan distintos ámbitos, como o transporte metropolitano, no que finalmente se integrou o Concello de Vigo e que permitirá aforrar de media aos usuarios frecuentes ata 1.000 euros anuais grazas ás bonificacións da Xunta (80%) e dos concellos (20%).
 Nesta liña, lembrou que a acción coordinada e a prestación conxunta permitirá dar un mellor servizo a un menor custo, racionalizando a Administración pública, en eidos como a prestación dos servizos sociais, nas propostas para a captación de fondos europeos, na recollida do lixo, na promoción turística ou na promoción económica, na protección civil e na seguridade cidadá.

 Ao longo da súa intervención, Feijóo lembrou que hoxe se ratifica un paso máis dun proceso que non foi sinxelo, pero que será un instrumento útil de cooperación para os 14 concellos que o conforman.
“Hai xa varios lustros que este proxecto xurdiu como un soño da iniciativa cidadá, e estamos a punto de que sexa por fin unha realidade tanxible e útil e que servirá para, precisamente, mellorar a calidade de vida de case medio millón de galegos”, dixo, facendo fincapé en que a área metropolitana abre un amplo abano de oportunidades para Vigo e para os outros 13 concellos, e sobre todo para os seus veciños, “os auténticos destinatarios deste instrumento”.
 Así mesmo, lembrou que foron precisos meses de traballos e anoa de reivindicacións para acadar finalmente un texto de consenso que foi remitido ao Parlamento, “cumprindo así o compromiso que eu mesmo tiña adquirido hai agora xusto un ano -precisou Feijóo-, e onde se enriqueceu aínda máis con alegacións dos grupos, sendo tramitada e aprobada nun tempo récord e de xeito unánime”.
 Feijóo concluíu destacando e agradecendo a implicación de todos os que traballaron para que este proxecto saíse adiante, e expresou a súa satisfacción por formar parte da Xunta “que promoveu esta lei e que perseverou ata conseguir que este texto se sentise parte de todos”. “O esforzo pagará a pena porque a área de Vigo dentro de 10 anos non se entenderá sen a lei que hoxe promulgamos”.

VIGO

Enfermeiras do hospital de día do Álvaro Cunqueiro crean unha biblioteca solidaria para pacientes e acompañantes 

A unidade cumpre hoxe un ano desde que comenzou a súa actividade no hospital vigués

A iniciativa pretende que tanto pacientes de Hematoloxía e de Oncoloxía como os seus acompañantes, que deben permanecer no centro durante horas poidan, se o desexan, pasar ese tempo lendo  

Fan un chamamento a todo o persoal do hospital para que doen libros de lectura ou revistas de actualidade, a fin de aumentar os fondos  

Na actualidade hai xa catro estanterías cheas de libros, ubicadas no corredor fronte ao control da unidade


Infogauda / Vigo

 Enfermeiras do Hospital de Día do Álvaro Cunqueiro, que hoxe cumpre un ano desde que comenzou a súa actividade no centro hospitalario, puxeron en marcha unha iniciativa que consiste en crear unha biblioteca solidaria, que poidan utilizar os pacientes e acompañantes que acoden a esa unidade.
 Nese sentido, fixeron un chamamento a todo o persoal do hospital para que doen libros de lectura ou revistas de actualidade, a fin de incrementar os fondos o máximo posible, para obter unha maior variedade.
 A supervisora de área Julia Tomé, que avalou desde o principio a iniciativa das enfermeiras do servizo, explica que “as doazóns do persoal do hospital pódense facer directamente no Hospital de día, ou ben nos despachos das supervisoras; a única condición é que os libros sexan de lectura amena -novelas, ensaios, etcétera- e que as revistas non teñan unha antigüidade excesiva”.
 A iniciativa xurdiu con una única estantería, pero a cantidade de volumes aumentou de forma significativa e, na actualidade, son xa catro cheas de libros as que están xa colocadas no recinto do Hospital de Día.
 No Hospital de Día reciben tratamento diario arredor de 120 pacientes, a maioría de Hematoloxía e de Oncoloxía, que deben pasar moito tempo, dependendo do tratamento, nos postos que lles asigna o persoal de enfermería. “Os que o desexen tamén poden levar os libros para a súa casa e poder continuar coa súa lectura, sempre que se comprometan a súa devolución”, comenta Julia Tomé. 

CULTURA

O Gaiás acollerá a biblioteca e o arquivo persoal da escritora e académica Luz Pozo Garza 

A poetisa lucense doou este valioso material á Biblioteca de Galicia en prol dun acceso público a esta obra e da súa mellor conservación e mantemento

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez coa poeta e académica da lingua galega Luz Pozo Garza

Infogauda / Santiago de Compostela

 A Biblioteca e o Arquivo de Galicia, situados na Cidade da Cultura, albergarán a biblioteca e o arquivo persoal da poeta lucense e académica da lingua galega Luz Pozo Garza. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, quixo agradecerlle hoxe á autora, nun acto que tivo lugar esta tarde no Gaiás, “a súa xenerosidade, amosada coa entrega sen condicións do seu enxoval literario”, e que demostra “a altura de miras” desta autora, “amosada ao longo da súa intensa e prolífica vida”.
 Neste sentido, o conselleiro lembrou que este legado excepcional que supón a biblioteca e o arquivo de Luz Pozo se suma á recente entrega de 3.000 volumes da obra de Basilio Losada e da hemeroteca da Fundación Barrié, composta por 125 mil exemplares de periódicos e 6.800 volumes encadernados, ademais doutros fondos de autor que no seu día foron depositados nesta Biblioteca de Galicia como o de Sixto Seco, o de Núñez de las Cuevas ou o de Celso Collazo.
 Unha obra que pasa, toda ela, “á libraría colectiva de todos os galegos que conforma esta Biblioteca de Galicia”, un espazo pensado como centro de preservación do patrimonio bibliográfico, e obrigada por Lei a conservar polo menos un exemplar de todo canto se publica en Galicia.

Conservación e difusión

 A través do acto de doazón, a Biblioteca e o Arquivo de Galicia comprométense a manter unida a colección bibliográfica e o arquivo documental de Luz Pozo Garza para a súa custodia, conservación, consulta, estudo, exhibición e difusión. Así mesmo, catalogará todos os fondos e procedera á dixitalización daqueles que posúan valor histórico, rareza bibliográfica, orixinalidade ou calquera outro valor patrimonial ou cultural de especial interese, que serán tamén incorporados á Biblioteca Dixital de Galicia (Galiciana) e, a través dela, á Biblioteca Dixital Europea (Europeana).
 O legado está conformado por arredor de 5.500 volumes, esencialmente de carácter literario e obras de consulta, ademais de por unha ampla documentación epistolar entre Eduardo Moreiras e Vicente Aleixandre. Así mesmo, está composto por exemplares da propia obra da escritora, así como por recortes de prensa e información publicada en diferentes medios sobre o seu legado literario desde que en 1948 publicou o seu primeiro poema. Todo o conxunto de fondos que compoñen a doazón estará identificado como ‘Biblioteca e Arquivo Luz Pozo Garza’.

Unha voz senlleira da poesía galega

 Nada en Ribadeo en 1922, Luz Pozo Garza é membro numerario da Real Academia Galega e socia de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). Entre os seus poemarios figuran títulos como ‘Ánfora’ (1949), ‘O paxaro na boca’ (1952), ‘Últimas palabras/ Verbas derradeiras’ (1975), ‘Concerto de outono’ (1981), ‘Códice Calixtinno’ (1986), ‘Prometo a flor de Loto’ (1992), ‘Medea en Corinto’ (2002) ou ‘Rosa tántrica’ (2016).
 Así mesmo ten publicado ensaios e numerosos artigos sobre Rosalía de Castro, Otero Pedrayo, Castelao, Dieste, Manuel Antonio e Franco Grande, entre outros.

TURISMO

A nova web de Turismo Rías Baixas xa está operativa 

A nova páxina de promoción turística supón unha mellora visual e de contido e ten por obxectivo pór en valor o destino Rías Baixas para impulsar o desenvolvemento e a creación de postos de traballo na provincia 

Infogauda / Pontevedra

 Esta mesma mañá comezou a estar operativa a nova web de Turismo Rías Baixas, unha plataforma online elaborada por persoal propio da institución provincial e que non supuxo custos engadidos para as arcas provinciais. Como indicou a Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, durante a presentación da páxina aos medios o pasado venres, esta web "ten por obxectivo pór en valor toda a potencialidade das Rías Baixas para atraer o maior número de turistas posible e contribuír, así, ao impulso do sector como factor de desenvolvemento económico, xeración de riqueza e creación de postos de traballo na provincia de Pontevedra".  

 A páxina pódese consultar en galego, castelán e inglés e tanto dende ordenadores como tabletas e móbiles grazas ao seu deseño adaptado a cada dispositivo (deseño responsive). A instalación da nova plataforma xa está efectiva ao 100%, polo que non suporá ningún parón no seu acceso.  

 A nova páxina web, en consonancia coa tendencia actual dos destinos intelixentes, proporciona ás e aos turistas unha experiencia diferente que, ademais, poderán confeccionar segundo os seus gustos e necesidades. En concreto, a plataforma de forma automatizada ofrecerá á e ao visitante experiencias únicas acorde á estación do ano e permitirá introducir a forma na que cada persoa desexa viaxar, ben sexa sen compañía ou en parella, en grupo ou con nenas e nenos, en primavera ou verán, entre outras opcións.  

 Entre as moitas modificacións técnicas introducidas resaltan a simplificación da navegación e usabilidade para facela máis cómoda para a persoa navegante; a eliminación das votacións ou opinións, xa dispoñibles noutros portais; a posta en marcha de contidos accesibles e en menos clics e o re-deseño da web, acorde ás últimas tendencias e estándares creativos, potenciando a experiencia do usuario e unha interfaz limpa e clara.  

 Ademais, nesta renovada web os concellos, como pezas fundamentais que son dentro da estratexia turística que a Deputación de Pontevedra está a levar a cabo, terán maior protagonismo e espazo propio para a promoción dos seus recursos turísticos. Tamén ocuparán un lugar en portada os atractivos culturais, gastronómicos e deportivos da provincia, así como as novas e a axenda de eventos.  

 Na presentación, Carmela Silva manifestou a importancia das novas tecnoloxías "para promover o turismo, dando a coñecer todas as nosas potencialidades, captar a atención das usuarios e usuarios e contribuír a que as e os turistas, dende as súas casas, poidan planificar a viaxe ao destino Rías Baixas". Neste contexto, a Presidenta destacou que "a antiga plataforma web era inútil para a promoción turística, con información de difícil acceso e disuasoria xa que as usuarias e usuarios entraban unha vez e non regresaban máis". Por tal motivo, a nova páxina web –en palabras de Silva– "adaptada aos tempos, é moito máis atractiva, de fácil manexo, útil e eliminou os problemas técnicos que existían, co obxectivo de invitar ás e aos turistas a que coñezan o noso destino e facilitar a xestión e planificación da súa viaxe".

A PASAXE (CAMPOSANCOS) A GUARDA

QUINTO FALADOIRO DENTRO DO CICLO “DIÁLOGOS EN EDUCACIÓN”

Celebrarase este xoves, día 28 de xullo, ás 20:00 horas, no patio do colexio dos PP. Xesuítas  en Camposancos   



Infogauda / A Pasaxe (Camposancos)

 O quinto faladoiro dos “Diálogos en Educación” celebrarase este xoves, día 28 de xullo, ás 20:00 horas, no patio do colexio dos PP. Xesuítas  en Camposancos. Esta actividade, promovida polo Concello da Guarda en colaboración coa Universidade da Coruña convida, nesta ocasión, ao profesor Ricardo García Mira. 

Ricardo García Mira
Foto: Arquivo

 Ricardo García Mira é Doutor en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (1994), Profesor de Psicoloxía Social e Ambiental na Universidade da Coruña (1995-2015). 

 Coordenador do Grupo de Investigación Persona-Ambiente desde 1995, é o Presidente da sociedade científica internacional IAPS (International  Association for People-Environment Studies), ademais de Presidente do Instituto de Estudos e Investigación Psicosocial “Xoan Vicente Viqueira” (1994-2015).  

 Foi “Profesor Visitante” da University of Surrey (Reino Unido), Texas State University (San Marcos, USA), Universidades de Tallinn (Estonia), Universidade do Oeste de Timisoara (Rumanía),  Universidad Nacional Autónoma de México (México DF) e Universidade Federal de Ceará (Fortaleza, Brasil). Actualmente é “Profesor Honorario” da University of Bath (Reino Unido).  

 É un investigador activo ao longo dos últimos 20 anos, avaliando o impacto ambiental de problemas sociais, como o desastre do Prestige (2002-2008) ou os incendios en Galicia (2006-2007). Ten experiencia en dirección e xestión de proxectos de investigación baixo o patrocinio da Xunta de Galicia, o Ministerio de Educación e a Unión Europea a través do programa FEDER e o programa FP7. Foi o Coordinador do Consorcio Europeo no proxecto LOCAW “Reducindo Emisións no Traballo” (2011-2013), así como do Proxecto GLAMURS “Estilos de Vida Sustentables e Economía Verde” (2014-2015). 

 Foi Deputado do PSdeG-PSOE no Congreso na XI Lexislatura, pola circunscripción da Coruña, na que ocupou os cargos de Portavoz da Comisión de Cambio Climático, Secretario da Comisión de Economía e Competitividade, e Vocal da Comisión de Educación no Parlamento do Estado. Volveu ser elixido nas pasadas Eleccións Xerais de 26 de xuño.

26 de xul. de 2016

A GUARDA

CULTURA

CHEO TOTAL NA CASA DOS ALONSO POLA INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA “CAMIÑOS DA IMAXE”. ARQUIVO DE JOAQUÍN GARCÍA PORTELA 
  
As imaxes reflicten o magnífico ambente na sala de exposicións da Casa dos Alonso
Fotos: C. A. G. 

Infogauda / A Guarda


 O pasado venres, día 22 de xullo, tivo lugar a inauguración da exposición “Camiños da Imaxe” na Casa dos Alonso, ás 21:00 horas. A planta inferior do edificio encheuse por completo para non só presentar esta mostra, senón tamén para homenaxear ao fotógrafo guardés Joaquín García Portela, máis coñecido como “Costiña”, cuxa obra é a protagonista da mesma.  



 Como cada ano por estas datas, a vila da Guarda abre as portas da Casa dos Alonso á obra dun destacado artista da Comarca do Baixo Miño. Non obstante, este ano é moi especial, pois nesta mostra organizada polo Concello da Guarda e comisariada por Proxecto Socheo, reúnese a obra do fotógrafo e filmógrafo guardés Costiña. Estamos ante o pioneiro do cinema guardés do que recentemente foron atopados e dixitalizados os seus filmes familiares realizados entre 1926 e 1929, que supoñen as primeiras películas filmadas na Guarda e por un guardés.  

Persoas de tódalas edades ademiraron os retratos de persoas de A Guarda e súa contorna, feitas por "Costiña"

 Esta inauguración contou coa presencia de autoridades locais, como o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz e a concelleira de Cultura, Elena Baz Rodríguez; ademais da presencia de Xurxo González Rodríguez, por parte de Proxecto Socheo, e Ricardo Rodríguez Vicente, en representación da familia de Costiña.  

 A concelleira deu comezo á inauguración cunhas palabras en agradecemento á familia do fotógrafo, sen quen sería imposible reunir esta obra fotográfica e quixo destacar a figura de Costiña e, moi en especial, a súa sensibilidade pola cultura.  

 Dende Proxecto Socheo, tamén se agradeceu á familia, así como ó alcalde, á concelleira e a todo o Departamento do Concello da Guarda. Ademais, fixo un pequeno repaso pola apaixoante biografía de Costiña, salientando que A Guarda deu atopado o seu pioneiro do cinema co achado dos seus filmes.  

O público amosou moito intere nas imaxes que se mostran na exposición de Joaquín García Portela "Costiña"

 A continuación tamén pronunciou unhas palabras o representante da familia, quen volveu transmitir os seus agradecementos a todos os que fixeron posible recoñecer a figura de Joaquín García Portela e dar a coñecer as primeiras imaxes de cinema dun autor guardés das que se ten constancia, e que se poderán ver xunto a  imaxes que fixo a veciños da Guarda e da súa contorna, obxectos e fotografías persoais. 

O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz - a dereita de imaxe - na súa intervención

 En último lugar o alcalde da Guarda, ademais de reiterar os agradecementos, lembrou o que sentiu o día que lle comunicaron o descubrimento destes filmes, pois como anterior concelleiro de Cultura e actual alcalde foi un momento moi emocionante ser parte deste importante descubrimento para a cultura da Guarda.  

 Tras estas intervencións e despois de que os asistentes ó acto contemplaran as fotografías e obxectos recollidos na exposición, a noite rematou coa proxección nocturna na Praza do Reló, cara ás 22:30 horas, da filmación íntegra de Costiña. Esta incluía escenas da vida cotiá protagonizadas pola súa familia, especialmente polas súas fillas Celia e Consuelo. Esta cinta, que foi dixitalizada coa axuda do CGAI, mostra as imaxes tal e como foron montadas polo propio Joaquín García Portela, sen ningunha alteración. Chama a atención que non seguen unha orde cronolóxica pois vemos ás nenas con diferentes idades en diferentes momentos.  

 Tamén se puideron ver paisaxes locais como a costa, o Monte Santa Trega, o Porto e incluso a chegada da flota pesqueira ó Berbés (Vigo) nunha cinta que se estará a reproducir durante a exposición. Para visitala o horario de apertura de martes a sábados (excepto este venres día 29 de xullo, que non abrirá) é de 12:00 a 14:00 horas e de 19:00 a 22:00 horas. Os domingos e festivos será de mañá, entre as 12:00 e as 14:00 horas.   

 Dende o Concello da Guarda agradécese a todos os que fixeron posible que esta inauguración fora todo un éxito e achégase a invitación para visitar a mostra, que estará aberta ó público na Casa dos Alonso ata o día 15 de agosto.

Nova relacionada

TUI

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aproba a achega de 75.000 € para a demolición dun edificio en Tui 

O grao de adxudicación do Plan Concellos en Tui sitúase no 77%, o que supón un investimento na vila de 734.121,46 € 

Infogauda / Tui

 A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a achega de 74.344,71 € ao concello de Tui destinados á demolición do edificio da Avenida de Concordia, entre redacción de proxecto e execución de obra. Esta axuda atópase dentro da liña 1, investimentos, do Plan Concellos 2016.  

 Esta actuación súmase ás xa aprobadas anteriormente polo Plan Concellos, que destinou 415.152,75 € na liña 1 para o acondicionamento e ampliación da edificación do futuro comedor escolar do CEIP Plurilingüe e Abalar Nº 2, a reparación, realización de melloras e a conservación das instalacións deportivas municipais "Alcalde Álvarez Durán", a realización de diversas obras de mantemento e conservación do centro municipal de remo, a adquisición dun vehículo que se empregará en servizos municipais do concello, o subministro de mobiliario urbano, a restauración do palco da música no Cantón de Diomedes e a realización de obras no interior do pavillón da Macoca, así como 30.819 € na liña 3 para a celebración de diversas actividades (a cabalgata de Reis e o Entroido) e financiamento dos programas de servizos municipais (a Escola de Música e o Conservatorio de Música) e 213.805 €, finalmente, na liña 4 –emprego– para a contratación de 22 traballadoras e traballadores que están a traballar nos servizos municipais da vila.  

 No que levamos de 2016, o grao de adxudicación do Plan Concellos 2016 destinado a Tui sitúase no 77,1% do total, o que supón que neste momento o investimento na vila acada a cifra de 734.121,46 €.

CULTURA

Xosé Leal presentou a unidade didáctica sobre Castelao no Festigal 2016

O deputado de Cultura e Lingua de Pontevedra explicou en Compostela o traballo e actividades no marco do Ano Castelo

A deputada Eva Vilaverde e deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal

Infogauda / Santiago de Compostela

  O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, presentou en Compostela onte luns 25, Día da Patria, a unidade didáctica sobre Castelao editada pola Deputación de Pontevedra dentro da XV edición do Festigal, un espazo ao aire libre no que se reunirán diferentes actividades de animación, ideas, ocio, literatura e sobre todo, música, diversidade e reivindicación.   

 Segundo manifestou o deputado pontevedrés, "o marco do Festigal, que ten como clave a cultura, e unha data como o Día da Patria, supoñen un espazo e unha data moi acertadas para dar a coñecer en Compostela un proxecto como o do Ano Castelao que está a desenvolver diferentes exposicións, mostras teatrais e outras actividades por toda a xeografía da provincia de Pontevedra". En concreto, sobre a unidade didáctica, Leal lembrou que quere levar ás aulas unha reflexión sobre a vida diaria de comezos do século XX na que se desenvolveu o autor de Rianxo. Sinalou que os cativos e cativas que traballen con ela gozarán das estampas sobre nenos e nenas recollidas no seu momento no álbum Nós, no xornal Galicia, no xornal Faro de Vigo e na revista Nós editada en Ourense.  
 O responsable de Cultura e Lingua de Pontevedra, que estivo acompañado na presentación pola tamén deputada Eva Vilaverde, subliñou que a intención da Deputación de Pontevedra é que a unidade didáctica sobre Castelao permita achegar parte da súa obra ao alumnado de centros educativos, vinculándoa coa celebración do Ano Castelao e coa conmemoración do centenario da chegada do autor a Pontevedra. A unidade, segundo dixo, permitirá un uso pedagóxico que poderá encaixar en moi diferentes áreas docentes, tanto en Literatura galega coma en Ética ou Ciencias Sociais para alumnos e alumnas de entre 4º da ESO e 2º de Bacharelato.  

 A unidade didáctica está estruturada en 6 capítulos. O primeiro deles versa sobre ‘A vida no fogar' e aborda temas coma a familia, a alimentación e o vestiario. O segundo está protagonizado por ‘A vida na escola' e versa sobre a lingua galega, a pedagoxía e o absentismo escolar. No terceiro, sobre "O tempo de traballar", estúdanse os traballos do fogar e os de fóra do fogar. O cuarto é ‘A Galiza de Afonsiño e inclúe información sobre os foros, o agro, a pesca, as conserveiras e a emigración. O quinto aborda ‘A evolución e as transformacións políticas'. O sexto capítulo toma o Museo de Pontevedra como tema principal, atendendo ao papel de Castelao como fundador desta institución museística e á circunstancia de que é o museo que posúe e ten en depósito o maior número de obras deste autor.  

 Nunha primeira fase a Deputación editou esta unidade didáctica en formato papel e, no futuro, non descarta estudar a edición en e-book. Os primeiros exemplares en papel presentáronse en decembro no transcurso do Culturgal.  

Ano Castelao  
 A deputada Eva Vilaverde explicou máis polo miúdo en que está a consistir o Ano Castelao impulsado pola Deputación de Pontevedra. Sinalou que o Ano Castelao 2016 conmemora tres efemérides relacionadas co polifacético autor, artista e intelectual: o centenario da súa chegada á cidade de Pontevedra, o 75 aniversario da estrea de Os vellos non deben de namorarse, e o Día das Artes Galegas, que este ano se dedicou a este autor.  

 Entre a programación a desenvolver, segundo dixo, os 62 concellos da provincia de Pontevedra contan con moi diferentes actuacións dentro da programación cultural do Ano Castelao, todas relacionadas co amplo abano de disciplinas artísticas que o propio artista foi desenvolvendo ao longo da súa vida, como son o teatro, a música, a banda deseñada ou a preservación do patrimonio.  

 O Museo de Pontevedra, en cuxa fundación participou o propio Castelao está a ser o centro neurálxico das actividades con  dúas grandes exposicións conmemorativas: ‘Castelao artista. Os fundamentos do seu estilo. 1905-1920', que xa se celebrou, e ‘Meu Pontevedra', aberta ata o 4 de setembro.   

AGRO

Areeiro advirte da innecesaria aplicación dalgúns tratamentos para a viña 


Os técnicos alertan da aparición da procesionaria do piñeiro na comarca de Pontevedra, onde se detectaron os primeiros insectos nas trampas 


Infogauda / Pontevedra

 A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, quere facer un chamamento aos viticultores para evitar a aplicación de tratamentos innecesarios na viña. Os técnicos explican que nos casos das couces do acio, da presenza de cicadélidos e de ácaros é fundamental coñecer ben a sintomatoloxía e, no seu caso, consultar cos técnicos antes de aplicar produtos que non sexan necesarios ou que poidan producir outros problemas nas uvas. Por outra banda, a EFA vén de detectar a presenza da procesionaria do piñeiro na comarca de Pontevedra, onde xa se capturaron os primeiros insectos nas trampas instaladas.  

Viña  
 En canto ao Mildeu, os técnicos sinalan que segue a ser fundamental realizar labores de aireación, xa que o maior número de síntomas vén de detectarse en parcelas nas que non se realizaron traballos de limpeza.  Estas labores son máis importantes dende que se están utilizando funxicidas penetrantes ou cobres, de feito téñense visto fincas onde estas labores permitiron observar que os produtos non alcanzaran órganos nas aplicacións anteriores. A situación xeral parece terse estabilizado, pero non se debe descoidar a vixilancia do viñedo, máis considerando que hai un alto nivel de inóculo acumulado nalgunhas parcelas e que as previsións meteorolóxicas continúan anunciando a permanencia de temperaturas nocturnas elevadas, ademais da posibilidade de tormentas locais a partir de metade de semana.   

Estes días existe unha climatoloxía favorable ao Oidio, o que provocou que en plantas testemuña apareceran acios coa presenza moderada do micelio do fungo. Por isto recoméndase unha revisión exhaustiva, facer labores de desnetado e tratar en caso necesario.  

 En canto ás couces dos acios,  verificouse que a semana anterior produciuse un pico no voo de Lobesia botrana nas parcelas onde había máis capturas, pois o número de machos recolleito nas trampas reduciuse (nas demais leiras mantívose en cifras similares). Con todo, non se recomendou un tratamento debido a que non se observou máis que algunhas postas moi esporádicas, e ningunha penetración larvaria. Os técnicos da EFA lembran que é moi importante realizar estes controis aos acios antes de tomar unha decisión (algúns tratamentos son innecesarios) e consultar aos especialistas sobre a conveniencia de tratar ou non. Subliñan, así mesmo, que é moi importante ver o tipo de insecticida a utilizar: moitos dos rexistrados son ovicidas ou reguladores de crecemento, que por tanto deben ser aplicados no momento oportuno.  

 Sobre as afeccións de cicadélidos, dende Areeiro destacan que sigue a haber niveis moi baixos de capturas nas trampas, pero que é preciso incrementar a vixilancia posto que nas campañas anteriores as primeiras capturas corresponderon a finais de xullo e principios de agosto. Como punto a destacar os técnicos sinalan que, ante a información de que xa hai viticultores aplicando tratamentos fronte ao 'mosquito verde', é preciso aclarar que a sintomatoloxía causada por eles non é específica e pódese confundir con seca, deficiencias nutricionais, acidez, etc. Por iso, a pesar de que moitos argumentan que a causa do tratamento é que se ven síntomas nas plantas, é preciso asegurarse da exactitude da diagnose. A especie de cicadélido que si debe tratarse á detección é Scaphoideus titanus, pois é o vector da 'flavescencia dourada', grave patoloxía de corentena que xa foi detectada en zonas próximas de Portugal, pero non en Galicia.

 Finalmente, en canto á viña,  nesta semana incrementouse sensiblemente o número de brotes afectados de erinose de verán, que como sabemos non é necesario tratar. En canto ás demais especies de ácaros fitófagas, non se atoparon exemplares nas mostras recibidas ou nas recollidas nas parcelas propias, pero si varios individuos de ácaros útiles fitoseidos, que regulan naturalmente as poboacións dos fitófagos, polo que deben ser protexidos non realizando tratamentos innecesarios.  

Maceiras   
Na comarca de Pontevedra as capturas da couce da maceira mantéñense elevadas nalgunhas fincas, e tamén se viron novos síntomas na escasa froita que, en xeral, se observa nas árbores. É bo momento para instalar as bandas de cartón ondulado nos troncos das árbores.   

Cítricos  
 En relación aos cítricos, durante estes días os técnicos de Areeiro recibiron un elevadísimo número de consultas sobre como intervir fronte á praga da ‘psila africana' (Triozaerytreae), xa que é xeralizada a presenza de síntomas nos brotes xóvenes -con cifras elevadas de ninfas-, ademais de capturar numerosos adultos -500 ou 600 por trampa-. Debido a que nestes momentos é tamén frecuente a presenza de pulgóns e cochinilla, ademais do insecticida autorizado polo Ministerio para o control da psila africana (tiametoxan 25%), pode utilizarse calquera outro produto destinado ao control de insectos chupadores.  

Froiteiras de óso   
 Estanse a recibir na estación algunhas mostras de varias especies cerdeiras, ameixeiras e outras froiteiras de óso con síntomas evidentes de 'mal do chumbo', que é unha enfermidade vascular de difícil solución. Se afecta a poucas ramas da árbore deben eliminarse (e destruírse, nunca deixalas na parcela) neste período para reducir o nivel de inóculo. Ademais, os cortes de poda deben protexerse con 'mástic cicatrizantes' con funxicidas e as podas invernais deben realizarse en tempo seco, desinfectando sempre as tesoiras. A mesma recomendación é aplicable ás maceiras con ramas afectadas de cancro.  

Froiteiras en xeral  
 Están a observarse nalgúns froiteiros danos por paxaros, por avespas, con raxados na pel, etc. Estes froitos deben ser eliminados, xa que poden ser fonte de infección por patóxenos oportunistas, máis considerando que a humidade é elevada en parte do día.  

Pataca  
 Como era de esperar, nalgunas plantacións aínda en desenvolvemento que presentaban danos polo Mildeu  observáronse novos síntomas, polo que se debe renovar a protección salvo que se trate de patacas que xa se van a cultivar proximamente. En canto ao escaravello, nalgunhas plantacións continúan a observarse poboacións deste defoliador.   

Piñeiro  
 Vense de iniciar o voo da procesionaria do piñeiro na comarca de Pontevedra, pois producíronse nesta semana as primeiras capturas nas trampas de feromonas.