A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aproba a achega de 75.000 € para a demolición dun edificio en Tui
O grao de adxudicación do Plan Concellos en Tui sitúase no 77%, o que supón un investimento na vila de 734.121,46 €
Infogauda / Tui
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a achega de 74.344,71 € ao concello de Tui destinados á demolición do edificio da Avenida de Concordia, entre redacción de proxecto e execución de obra. Esta axuda atópase dentro da liña 1, investimentos, do Plan Concellos 2016.
Esta actuación súmase ás xa aprobadas anteriormente polo Plan Concellos, que destinou 415.152,75 € na liña 1 para o acondicionamento e ampliación da edificación do futuro comedor escolar do CEIP Plurilingüe e Abalar Nº 2, a reparación, realización de melloras e a conservación das instalacións deportivas municipais "Alcalde Álvarez Durán", a realización de diversas obras de mantemento e conservación do centro municipal de remo, a adquisición dun vehículo que se empregará en servizos municipais do concello, o subministro de mobiliario urbano, a restauración do palco da música no Cantón de Diomedes e a realización de obras no interior do pavillón da Macoca, así como 30.819 € na liña 3 para a celebración de diversas actividades (a cabalgata de Reis e o Entroido) e financiamento dos programas de servizos municipais (a Escola de Música e o Conservatorio de Música) e 213.805 €, finalmente, na liña 4 –emprego– para a contratación de 22 traballadoras e traballadores que están a traballar nos servizos municipais da vila.
No que levamos de 2016, o grao de adxudicación do Plan Concellos 2016 destinado a Tui sitúase no 77,1% do total, o que supón que neste momento o investimento na vila acada a cifra de 734.121,46 €.
Ningún comentario:
Publicar un comentario