27 de xul. de 2016

A GUARDA

CARMEN JOHNS, PRIMEIRA PROTAGONISTA DO “MÚSICA NAS PRAZAS”

Súa actuación será este venres día 29 de xullo, a partires das 22:00 horas, na Praza de Santo Tomás (O Calvario)   


Infogauda / A Guarda

 Dende a Concellería de Cultura da Guarda séguese a apostar moi forte pola dinamización da actividade cultural guardesa. Dentro da variada oferta cultural e de entretemento que está a acoller a vila durante estes meses de verán, engadimos unha nova cita: a primeira edición de “Música nas Prazas”, que dará comezo este venres día 29 de xullo.  

 Esta iniciativa busca levar a música e as actividades culturais ás prazas das diferentes parroquias da vila. Para isto haberá 5 actuacións musicais, a primeira das cales se celebrará este venres coa presencia da cantante pop Carmen Johns, autora que participou no festival Portamérica dos dous últimos anos”, afirmou Elena Baz Rodríguez, concelleira de Cultura

Carmen Johns, cantante, compositora e guitarrista viguesa

 A xove cantante, compositora e guitarrista viguesa será a encargada de inaugurar o “Música nas Prazas”, levando as cancións dos seus dous discos, cun estilo propio que combina guitarras eléctricas e acústicas para transmitir todo tipo de emocións, á Praza de Santo Tomás a partir das 22:00 horas.  

 A segunda das citas terá como invitado a un dos grupos que están a revolucionar a escena musical actual: 'De Vacas'. Esta actuación será na Praza do Reló, o venres 26 de agosto.  

 As tres actuacións seguintes estarán ofrecidas por grupos guardeses. O venres día 16 de setembro o grupo punk rock 'Unabombers' tocará na Praza de San Caetano. O xoves día 22 de setembro será a quenda de Songodin´s, que interpretará as súas versións de cancións coñecidas na Praza de Salcidos. E para rematar esta primeira edición de “Música nas Prazas” o grupo 'Nobles' actuará, co seu estilo persoal ó que eles mesmos denominan gas noble, o venres día 30 de setembro na Praza de San Amaro (Camposancos).  

 Dende o Concello da Guarda convídase a todo o mundo a saír ás rúas e encher as prazas nestas cinco datas cheas de música, entretemento e moita vida cultural que seguro amenizarán as noites guardesas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario