29 de xul. de 2016

DEPORTES

A Fundación Deporte Galego concede 5 novas axudas a deportistas galegos clasificados para Río 2016

Con esta nova resolución, son xa 11 os beneficiarios destas axudas convocadas o pasado mes de abril  

Os deportistas poderán solicitalas ata que rematen os XXOO/XXPP de Río 2016

Infogauda / Santiago de Compostela

A Fundación Deporte Galego acaba de aprobar a segunda resolución das axudas a deportistas galegos de alto nivel ao abeiro da convocatoria Galicia- Río 2016, publicada o pasado mes de abril.
Vense de conceder nesta segunda resolución, un total de 36.000 euros repartidos en becas a 5 deportistas clasificados para a cita olímpica/paralímpica de Río 2016 nas modalidades de tiro paralímpico, piragüismo, tiro con arco e natación. A esta recente resolución hai que sumarlle os 60.000 repartidos entre 6 deportistas da primeira resolución do pasado mes de xuño. O número de deportivas beneficiarios poderá incrementarse xa que aqueles que se vaian clasificando para Río poderán seguir solicitando a axuda ata que rematen os Xogos.
As axudas concedidas nesta segunda resolución son as seguintes: 

APELIDOS
NOME
MODALIDADE
TIPO AXUDA
IMPORTE FINAL €
Alvariño García
Miguel
Tiro con arco
AXUDA GALICIA-RÍO 3 2016
6.000,00 €
Carrera Amandi
Óscar
Piragüismo
AXUDA GALICIA-RÍO 3 2016
6.000,00 €
Germade Barreiro
Rodrigo
Piragüismo
AXUDA GALICIA-RÍO 3 2016
6.000,00 €
Saavedra Reinaldo
Juan Antonio
Tiro paralímpico
AXUDA GALICIA-RÍO 1 2016
12.000,00 €
Vilas Vidal
María
Natación
AXUDA GALICIA-RÍO 3 2016
6.000,00 €
As axudas que xa foran concedidas na primeira resolución de data 28 de xuño de 2016 son as seguintes:
APELIDOS
NOME
MODALIDADE
TIPO AXUDA
IMPORTE FINAL €
Bernabeu Avomo
María
Judo e D.A.
AXUDA GALICIA-RÍO 3 2016
6.000,00 €
Echavarri Erasun
Fernando
Vela
AXUDA GALICIA-RÍO 1 2016
12.000,00 €
Echegoyen Domínguez
Támara
Vela
AXUDA GALICIA-RÍO 1 2016
12.000,00 €
Gómez Noya
Francisco Javier
Tríatlon e P.M.
AXUDA GALICIA-RÍO 1 2016
12.000,00 €
López Marra
Iago
Vela
AXUDA GALICIA-RÍO 3 2016
6.000,00 €
Portela Rivas
Teresa
Piragüismo
AXUDA GALICIA-RÍO 1 2016
12.000,00 €
En total, a Fundación Deporte Galego prevé destinar ao programa de axudas aos deportistas galegos de alto nivel, no que se inclúe esta convocatoria, 360.000 euros neste ano 2016.

CULTURA

Diego Vites, María Maquieira, Basilisa Fiestras e Olmo Cuña, premiados coas bolsas Novos Valores 2016 

O xurado seleccionou unha pintura, unha escultura, un debuxo e un vídeo como as mellores pezas de entre as 120 presentadas 



Infogauda / Pontevedra

 Diego Vites coa pintura ‘Historiografía Tigua (sen xesta)', María Maquieira co seu debuxo ‘El boceto ampliado', Basilisa Fiestras coa súa escultura ‘Lentes' e Olmo Cuñas co seu vídeo ‘Die sonne auf der Pfaueninsel', son os premiados coas bolsas do certame Novos Valores 2016. O xurado considerou que a obra presentada, xunto coa súa proposta de investimento para bolsa de estudos artísticos que concede a Deputación, así como a súa traxectoria e currículo eran merecedores do máximo recoñecemento entre as 120 pezas que participaban no concurso.   

 Ademais das catro obras premiadas coa bolsa de 7.500 euros para estudos artísticos, o xurado tamén seleccionou outras 32 pezas que se mostrarán na exposición Novos Valores 2016, que abrirá nas salas de exposicións temporais da Facultade de Belas Artes e da Escola Superior de conservación e Restauración de Bens Culturais entre o 4 de agosto e o 11 de setembro. Alí poderanse admirar 13 obras de pintura, 7 de fotografía, 6 debuxos, 5 esculturas, 3 vídeos e 2 gravados.    


 A obra de Diego Vites (O Grove) ‘Historiografía Tigua', segundo as súas propias verbas, trátase dunha pintura ‘tigua' (pinturas ornamentais tradicionais feitas por mans de artistas indíxenas dos Andes ecuatorianos) na que se integrou unha figura allea á cosmovisión andina: un home-xesta. Este traballo é unha continuación da performance que no seu día fixera o autor na Cidade da Cultura de Santiago para acadar visibilidade no ámbito galego da arte contemporánea.   

 A intención de Vites, unha vez concedida a bolsa, é continuar na creación dunha historiografía máis completa seguindo a liña do traballo presentado: a mestura das pinturas indíxenas con arte contemporáneo galego a través de historias periféricas. O autor propón a realización dunha residencia de arte contemporáneo Quito ‘No-lugar' para seguir e crear novas obras en colaboración con artistas indíxenas locais.  



 ‘El boceto ampliado', de María Maquieira (A Coruña), é un reflexo do traballo da autora sobre a figura humana ao acudir a debuxar ao laboratorio de anatomía da Facultade de Fisioterapia e Terapia Ocupacional de A Coruña. A súa obra consta de dúas partes: na ‘páxina' dereita presenta algúns dos pequenos e rápidos estudos realizados, e na ‘páxina' esquerda da un paso máis alá, elixindo un deses debuxos, completándoo e ampliándoo máis alá da escala real con bolígrafo negro –ferramenta que case sempre escolle para traballar- sobre un papel limpo branco.   A súa proposta para investir a bolsa é, como primeira opción, residir en Inglaterra para desenvolver un proxecto artístico tutorizado pola artista e docente Sarah Simblet na Rusking School de Oxford. 


 ‘Lentes' é a obra escultórica seleccionada polo xurado e realizada por Basilisa Fiestras (Pontevedra). A explicación que fai a autora da peza, que representa dúas mans feitas en xeso cos dedos representando unhas gafas fai referencia ao que está "tras o rostro, ao ocultamento e o anonimato. Baixo esta máscara outra máscara. Dous furados para ver o mundo".  A intención desta alumna da Facultade de Belas Artes de Pontevedra é ampliar o proxecto ‘Reglas para un parque humano', que consiste na fragmentación do corpo e na realización de composicións orgánicas que remitan ao corporal.   


 Finalmente, a obra de Olmo Cuña (Vigo) ‘Die sonne auf der Pfaueninsel' recolle os xestos gravados na primavera de 2012 na illa berlinesa de ‘Pfaueninsel' (coñecida como dos pavos reais). Eses xestos, segundo di o autor, son reaccións á arquitectura da illa, con castelos e pontes de estilo neogótico; á fantasía que se crea nos espazos naturais; e tamén aos primeiros raios de sol.   

 A súa intención é rematar os seus estudos de arte contemporánea do programa educativo SOMA en México, un espazo que permite estimular o diálogo e a colaboración entre artistas e axentes culturais de diferentes contextos, disciplinas e xeracións, analizando colectivamente as consecuencias estéticas, políticas e sociais da produción de arte.  

 A concesión das catro bolsas será obxecto dun convenio entre os adxudicatarios e a Deputación, no que se concretará o seu emprego e o prazo, que non será superior a un ano. Nese tempo, os bolseiros deberán entregar unha memoria xustificativa do traballo e do investimento realizados e tamén unha obra orixinal e asinada. Como recoñecemento ao traballo, a institución provincial comprométese como culminación do certame a programar nas instalacións do Museo unha exposición con obras das catro persoas premiadas.

CULTURA

A II Festa da Caricatura galardoa a obra de António Santos e de Andrés Simal 

Ambos foron os gañadores dos certames Juan Carlos Alonso e Álvaro Cebreiro, respectivamente, promovidos polo Club de Prensa de Ferrol co apoio da Consellería de Cultura e Educación

O secretario xeral de Cultura felicitou hoxe os premiados, cuxas obras foron recoñecidas “coa selección dos mellores ollos que temos en Galicia neste campo”, dixo en alusión ao xurado, integrado por David Pintor, Xaquín Marín e Siro López


O portugués António Santos-Santiagu e o pontevedrés Andrés Simal González foron os gañadores da segunda edición da Festa da Caricatura Cidade de Ferrol, cuxos traballos resultaron premiados nos certames Juan Carlos Alonso e Álvaro Cebreiro, para maiores e menores de 20 anos, respectivamente.



 Infogauda / O Ferrol

 O portugués António Santos-Santiagu e o pontevedrés Andrés Simal González foron os gañadores da segunda edición da Festa da Caricatura Cidade de Ferrol, cuxos traballos resultaron premiados nos certames Juan Carlos Alonso e Álvaro Cebreiro, para maiores e menores de 20 anos, respectivamente.
 Os dous galardoados recibiron hoxe os premios da II Festa da Caricatura, promovida polo Club de Prensa de Ferrol co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Durante o acto de entrega, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, felicitou os gañadores, “que poden dicir con orgullo que a súa obra foi premiada coa selección dos mellores ollos que temos en Galicia neste campo: nin máis nin menos que un xurado integrado por David Pintor, Xaquín Marín e Siro López”, afirmou.

Espazos de difusión para a caricatura

 Anxo Lorenzo puxo de manifesto “a escasa atención que ten a caricatura no común dos certames culturais que promoven a expresión artística”, por iso afirmou que, “se xa a caricatura ten un enorme interese desde a perspectiva da arte e tamén da información, máis aínda o ten esta iniciativa en canto que non é frecuente que os debuxantes poidan atopar un espazo de difusión neste plano de concurso co que poñer en valor as súas obras”.
Tamén se referiu ao labor do Club de Prensa de Ferrol, “unha entidade sempre activa no plano da difusión da nosa cultura a través dos distintos modos de expresión, e con especial sensibilidade sempre para as artes visuais, sexa a fotografía ou a plástica”.

Recuperación de figuras clave

 No ámbito da ilustración, a Secretaría Xeral de Cultura tamén está a impulsar xunto co Club de Prensa de Ferrol a difusión da figura e do legado artístico de José María Cao Luaces (Cervo, 1862), considerado o patriarca da caricatura arxentina.
 Con este obxectivo, promoven desde o pasado mes de maio e ata finais deste ano unha exposición itinerante conformada por unha selección de obras do debuxante lucense, que se pode visitar actualmente e ata o 7 de agosto na sala municipal José Ángel Valente, en Ourense, e que ata final de ano chegará tamén a Vigo, Lugo, Melide, A Coruña e Cervo. A exposición acompáñase dun ciclo de conferencias impartidas polo xornalista e debuxante Siro López.

PONTEVEDRA

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra concede as axudas a confrarías de pescadores e pescadoras da provincia 

18 confrarías da provincia recibirán máis de 190.000 € destinados, entre outras cuestións, a mellorar a súa produtividade e implantar as novas tecnoloxías


Infogauda / Pontevedra

 A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de conceder as axudas ás confrarías de pescadoras e pescadores da provincia de Pontevedra para investimentos por valor de 190.126,31 €, unha cifra moi próxima ao cen por cen do orzamento aprobado para este fin, situado nos 200.000 €. As axudas foron concedidas a 18 confrarías de pescadores e pescadoras de 15 concellos da provincia. A todas elas se lles valorou coa máxima puntuación en cuestións como a adecuación dos investimentos aos intereses provinciais, ao considerar que o seu bo funcionamento é fundamental para o desenvolvemento do sector pesqueiro da provincia.  

 Estas subvencións, que puideron ser solicitadas por todas as confrarías, a federación provincial de confrarías e, por primeira vez, as agrupacións de mariscadores e mariscadoras da provincia de Pontevedra legalmente constituídas e que desenvolvan as súas actividades no ámbito provincial, teñen como obxecto apoialas en proxectos e actuacións que se enmarquen en eidos como os seguintes: a formación técnica e asesoramento para o seu desenvolvemento, o uso das novas tecnoloxías, enerxías renovables e o aforro enerxético ou a adquisición de equipos e sistemas informáticos, entre outros.  

 Das 18 solicitudes presentadas, as melloras na produtividade e as novas tecnoloxías foron as liñas de axuda máis demandadas polas confrarías. Cabe resaltar, ademais, que todas estas axudas derivarán na creación de postos de traballo.  

 A listaxe de confrarías beneficiarias é a seguinte: no concello de Bueu, a Confraría de Pescadores San Martiño de Bueu; en Cangas, San Xosé de Cangas e San Cipriano de Aldán; no Grove, San Martiño do Grove; na Guarda, Santa Tecla de A Guarda; na Illa de Arousa, San Xulián da Illa de Arousa; en Moaña, San Martiño de Moaña; en Poio, San Gregorio de Raxo; en Pontevedra, San Telmo de Pontevedra e San Andrés de Lourizán; en Redondela, San Xoán; en Sanxenxo, San Roque de Portonovo e Santa Rosalía de Sanxenxo; en Soutomaior, Virxe do Carme de Arcade; en Vigo, San Francisco; en Vilaboa, Pedra da Oliveira; en Vilagarcía de Arousa, Santiago Apóstolo de Carril e, por último, A Pastoriza en Vilanova de Arousa.   

A GUARDA

CICLISMO

O CLUB CICLISTA GUARDÉS ORGANIZA UNHA RUTA DE CICLOTURISMO POLO ALTO MINHO

Será o domingo día 31 de xullo, ás 9:00 h., desde á Alameda




Manuel Flores Cerqueira / A Guarda

 Adxunto o cartaz co  percorrido para o vindeiro domingo día 31 de xullo.   

 “Cicloturismo Cultural”. Imos á “Capela de Nossa Senhora dos Remédios de Soutelo” que se atopa no concello de Valença do Minho. Para máis información premer eiquí.

AGRO

AREEIRO ACONSELLA A “MÁXIMA PRECAUCIÓN” AO APLICAR FITOSANITARIOS ESTES DÍAS DE CALOR MÁIS EXTREMO

Os técnicos recomendan realizar os tratamentos a primeira hora da mañá ou última da tarde e non facer mesturas non contrastadas  

O tempo seco está a provocar patoloxías na madeira da viña, debendo retirar os brazos secos ou marcar as prantas para actuar en inverno 


Infogauda / Pontevedra

 A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), dependente da Deputación de Pontevedra, vén de aconsellar no seu último aviso fitosanitario “precaución máxima” ao aplicar fitosanitarios na viña. Os técnicos aseguran que no caso de ser necesario realizar algunha aplicación estes días de clima máis extremo, débense tratar as plantas ao comezo da mañá ou final da tarde, non realizando mesturas non contrastadas e respectando sempre as doses da etiqueta, entre outras cuestións. Non traballar deste xeito, segundo indican, pode levar a danos nas plantas e no medio ambiente. Así mesmo, subliñan que é importante realizar adecuadamente as aplicacións de fitosanitarios co fin de coidar nosa propia saúde usando os equipos de protección apropiados.  

 Por outra parte, os técnicos alertan de que as condicións de estrés que están a sufrir as plantas co tempo seco, os ventos do Norte e a insolación reinantes están a provocar unha expresión manifesta de síntomas compatibles con patoloxías de madeira. Polo tanto, se se observan brazos illados completamente secos pódense eliminar gardando todas as precaucións pertinentes na poda. En caso contrario, débense marcar as plantas para actuar separadamente no inverno, sendo esta práctica especialmente aconsellable naquelas leiras onde a presenza de plantas sintomáticas se incrementa ano tras ano.  

 As condicións climáticas desta última semana non foron favorables para a propagación do Mildeu e apenas se rexistraron puntualmente condicións de esporulación nalgunha estación illada (pola prácticaausencia de humidade foliar). En calquera caso, débese manter a vixilancia de forma máis exhaustiva naquelas leiras que sufrisen danos e onde ademais transcorrese xa o período de protección do tratamento anterior.  En canto ao Oidio se advertiron novos síntomas,pero aínda pode producirse algún dano na uva, especialmente naquelas parcelas ouplantas sensibles, polo que se debe manter tamén a vixilancia.   

 Na rede de trampas para as couces do acio instaladas por Areeiro as capturas desta semana foron moi baixas e non é necesario tratar. En canto aos ácaros, atopáronse algúns síntomas de Calepitrimerusvitis nos brotes terminais dunha planta, pero a situación máis xeneralizada é a súa ausencia. 

Maceira 
 Fronte á semana anterior, incrementáronse sensiblemente as porcentaxes de parasitismo por Aphelinusmali, coñecido como pulgón laníxero, nalgunhas parcelas. Por outra banda, mantivéronse elevadas as capturas da couce da maceira, a Cydiapomonella, superando amplamente o limiar de tolerancia. Os técnicos indican que o voo dos adultos é continuo ao longo da campaña e pode variar moito entre leiras, polo que é importante manter a protección en caso de non facer seguimentos específicos da evolución da praga. En canto á araña vermella, nesta semana a EFA recibiu varias mostras de maceiras de diferentes zonas e variedades coa coloración bronceada característica do ataque deste ácaro. É preciso lembrar que, do mesmo xeito que noutros cultivos, tamén na maceira hai ácaros útiles fitoseidos que adoitan estar presentes cando non se efectúan tratamentos indiscriminados que os prexudiquen. Por iso, non se debe tratar, a menos que sexa realmente necesario (se se supera o limiar de 40-45% de follas con presenza do ácaro infesta).  

Cítricos 
 Seguen a ser numerosísimas as consultas procedentes de diferentes áreas da provincia relativas á praga da Psila africana, posto que os seus síntomas están a ser moi evidentes. Cabe destacar que estes días algunhas plantas mostran partes amarelas ou decaementos, síntomas que poderían apuntar á enfermidade que pode transmitir o insecto, pero a sintomatoloxía é, na súa maioría, consecuencia das especiais condicións climáticas reinantes. 

PONTEVEDRA

Última reunión do Comité Executivo provincial deste curso político  

O PP de Pontevedra nomeará delegados de campaña nos concellos de máis de 20.000 habitantes  

Entre os actos de campaña máis destacados que o Partido Popular vai celebrar na provincia está a celebración de un gran mitin como o da praza de touros, no que o PP reúne arredor de 12.000 simpatizantes. 
  

Infogauda / Pontevedra 

 O presidente provincial de Pontevedra, Alfonso Rueda, presidiu onte pola tarde a última reunión do Comité Executivo do PP de Pontevedra deste curso político.   

 O líder provincial avanzou que os populares están pendentes da data de convocatoria das próximas eleccións autonómicas que se van celebrar previsiblemente no mes de outubro. No momento da convocatoria, que se prevé para este mes de agosto, os populares nomearán xa o Comité de Campaña Provincial que se encargará de organizar os actos e o desenvolvemento da campaña electoral.  

 Así mesmo, e como novidade, nomearanse tamén delegados de campaña en cada un dos concellos da provincia que teñan máis de 20.000 habitantes. Polo tanto, ademais dos habituais comités de campaña que hai en cada cita electoral en Vigo e Pontevedra, nesta ocasión, o Partido Popular vai contar cun responsables directos  en: Vilagarcía, Marín, Ponteareas, Cangas, Redondela, Lalín e A Estrada.  


 “Se atendemos aos resultados das pasadas eleccións xerais, o Partido Popular foi a forza máis votada en todos estes concellos, agás Cangas, pero consideramos que temos que incidir nestes concellos e dar o último empurrón porque son para nós obxectivo electoral preferente”, dixo Alfonso Rueda.  


 Ademais disto, o Comité Executivo Provincial tratou outros temas como o calendario de actos previstos a partir de setembro así como a celebración de novos congresos e constitución de xestoras, enmarcado dentro de o proceso de renovación que se puxo en marcha a nivel local. O Partido Popular xa fixo renovación nas xestoras do partido en Nigrán, Gondomar e Porriño, e o presidente provincial comentou que inmediatamente despois das autonómicas celebraranse os congresos locais en Vigo e Vilagarcía. “Son renovacións tranquilas, hai xente que leva moito tempo e quere dar paso e outra que vén con moita forza. Así se constitúen os partidos cando non perden o tempo discutindo e en rivalidades”, salientou.  

 Entre os actos de campaña máis destacados que o Partido Popular vai celebrar na provincia está a celebración de un gran mitin como o da praza de touros, no que o PP reúne arredor de 12.000 simpatizantes. “Queremos que Pontevedra sexa o escenario do gran mitin de praza de touros e hai que empezar a preparalo agora e queremos que se celebre aquí tamén o inicio do curso político a nivel nacional”.  

 “A maquinaria do PP está, polo tanto, perfectamente engrasada para afrontar estas novas eleccións cun obxectivo claro, acadar a maioría absoluta. Temos un candidato indiscutible,  hai experiencia de goberno, hai un proxecto de futuro para os próximos catro anos e iranse conformando as listas unha vez se convoquen as eleccións e se marquen os prazos”, explicou Rueda. 

 Cremos que temos que preparar unha campaña en positivo como partido que aspira a seguir gobernando - subliñou Rueda -, recollendo propostas durante a campaña electoral

 Pola contra, -subliñou-, en fronte hai partidos sen candidatos, partidos sen programa e partidos que a punto de empezar agosto non saben aínda se van concorrer ás eleccións en coalición ou por separado.  

 A Deputación de Pontevedra é outro dos asuntos marcados na orde do día da reunión. Alfonso Rueda explicou que “Carmela Silva segue sen entender que está gobernando a Deputación grazas ao pacto cos nacionalistas, non por gañar as eleccións, pero que ten que dedicarse a gobernar, non a facer oposición da oposición”. Así, Alfonso Rueda incidiu en que “por moito que a presidenta non entenda que o grupo que máis deputados ten debe facer oposición, nós imos a seguir nesta liña de traballo. Un ano despois da investidura, fronte ao seu balance triunfalista, as cousas non están nin moito menos tan ben”, criticou.

A GUARDA

NUMEROSAS ACTIVIDADES CULTURAIS, DEPORTE, GASTRONOMÍA E LECER DANSE CITA ESTA FIN DE SEMANA NA GUARDA 

O cantautor e músico Tino Baz, será o pregoeiro da XIII Festa do Peixe Espada
Foto: infogauda

Infogauda / A Guarda

 A Guarda prepárase para unha fin de semana moi especial, na que volve a celebrarse, tras 9 anos de ausencia, a Festa do Peixe Espada organizada por OR.PA.GU. en colaboración co Concello da Guarda. Esta será a XIII edición dunha celebración gastronómica que volve a casa cunha programación do máis completa, que ofrecerá todo tipo de actividades e grandes manxares na Carpa do Porto da Guarda o sábado día 30 e domingo día 31 de xullo.  



 Pero a fin de semana xa se inicia por todo o alto este venres día 29 pola noite coa inauguración da primeira edición do festival “Música nas Prazas”, unha iniciativa do concello da Guarda que levará 5 actuacións de destacados grupos musicais ás prazas das diversas parroquias da localidade. O primeiro dos concertos, que se celebra este venres ás 22 horas na Praza de Santo Tomás, será ofrecido pola cantante e autora viguesa Carmen Johns, recoñecida en toda a nosa xeografía e unha das autoras que encheu os carteis das dúas últimas edicións do festival Portamérica.


 Xa no sábado día 30 dará comezo a Festa do Peixe Espada co pregón ofrecido polo cantautor guardés Tino Baz, ás 12:00 horas na Carpa do Porto da Guarda. A continuación se entregarán os premios do XIII Concurso de Carteis da Festa do Peixe Espada e do I Concurso literario infantil “Homes e mulleres do mar”. Pola tarde, e ata a noitiña, a música será a protagonista con tres citas destacadas.  

 Ás 15:00 horas haberá unha actuación de música tradicional “Fuscalho”. 

 Ás 20:00 horas celebrarase o Concerto de Folclore AMFF no Auditorio de San Benito, un evento paralelo ó que tivo lugar onte xoves día 28 de xullo en Vila Praia de Âncora. Esta iniciativa luso galaica busca impulsar aínda máis o vínculo entre as vilas de Caminha e da Guarda, para o que incluirá as actuacións da Orquesta da Academia de Música Fernandes Fâo, do  Etnográfico de Vila Praia de Âncora, Do Lusco ó Fusco e A Boalleira. 

 O día remata coa actuación, no Porto da Guarda ás 23:00 horas, de Ángel América. 

 Ademais, durante todo o día A Guarda acollerá o I Campionato Integrador e o IV Máster Nacional de Futbolín (que se estenderá ata o domingo).  

 No seu segundo día, a XIII edición da Festa do Peixe Espada dará cabida a unha exhibición de cociña, a partir das 15:00 horas e a actuación da banda de música Llerena, sobre as 14:00 horas.   

 Ademais durante toda a fin de semana haberá diversas actividades dispoñibles para os máis cativos como inchables, actividades con monitoras e photocall. 


 Tamén se pode visitar a exposición Camiños da Imaxe, que amosa a obra do fotógrafo local Joaquín García Portela “Costiña” na Casa dos Alonso, cun horario que o sábado é de 12:00 a 14:00 horas e de 19:00 a 22:00 horas, e o domingo só na quenda da mañá.  

 E toda esta variedade de actividades e lecer estará acompañada polas delicias cociñadas co produto protagonista da celebración: o peixe espada. Haberá 5 postos de restaurantes locais na carpa do Porto e alí se ofrecerán as distintas especialidades a prezos populares. 

 Non se pode pedir máis que o que ofrece esta fin de semana A Guarda: música, actividades culturais e de lecer, deporte e moita e boa gastronomía.

A GUARDA

O BNG INSTA AO ALCALDE DA GUARDA A UNA SOLUCIÓN INMEDIATA DO ESTALEIRO J. CASTRO  


Ángel Luis Baz Vicente (concelleiro portavoz do BNG no Concello de A Guarda): “Neste momento hai en xogo máis de 20 postos de traballo nun contexto de crise económica na Guarda”  


Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello da Guarda

Infogauda / A Guarda

 O Bloque Nacionalista Galego ven de facer pública unha nota de prensa na que considera que xa pasou tempo máis que suficiente para que dende o grupo de goberno do PSOE, dea pasos firmes que aseguren a viabilidade dos estaleiros J. Castro.  

 Dende o BNG aseguran que se están a xogar coas esperanzas duns traballadores que no ano 2010, practicamente na rúa, optaron por buscar un plan de viabilidade que garantira o futuro da empresa con grandes sacrificios persoais.  

 O BNG lembra que neste momento a factoría ten unha carteira de pedidos á espera que obrigaría a máis contratacións.  

 Dende o BNG levamos meses traballando para que tanto a Entidade Menor de Camposancos, o Concello e a empresa cheguen a un acordo.  

 “O PSOE ten que aclarar públicamente cal é o motivo polo que está a atrasar un acordo que de non chegar, pode levar ao peche da empresa. Un alcalde está para ser parte da solución, non parte do problema. Até agora tanto o alcalde pedáneo como o alcalde da Guarda parecen empeñados en ser parte do problema”, denunciou Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG.  

 O acordo coa empresa beneficia - segundo afirma Ángel Luis Baz Vicente - a todas as partes: aos traballadores porque manteñen e incrementan os seus postos, á entidade de Camposancos porque incrementa en máis de 10 veces o canon que estaban a pagar a empresa até agora, e a o concello porque o acordo ven dado por unha regularización da actividade que redunda no cobro de impostos.  

 Dende o BNG instamos ao Alcalde do PSOE da Guarda a que reflexione e a que chegue a un acordo con Estaleiros J. Castro. Dende o BNG poñémonos a disposición do grupo de goberno para mediar no conflito, iso sí, tomaremos todas as iniciativas posíbeis para evitar o peche da empresa.

A GUARDA

O CONCELLO DA GUARDA CREA O CONCURSO SELFIE #VIVEAGUARDA DIRIXIDO Á XUVENTUDE DO MUNICIPIO 


Infogauda / A Guarda

 Cada día A Guarda aumenta a súa popularidade como un dos puntos da provincia de Pontevedra preferidos polos turistas que se achegan a Galicia, pero aínda queda moito por descubrir e moitos recunchos por coñecer, incluso para os propios veciños da vila.  

 Co obxectivo de dar visibilidade a estes recunchos máis significativos do municipio, así como para mostrar a beleza e sensibilidade coa contorna privilexiada da Guarda, o departamento de Xuventude do Concello da Guarda ven de crear o primeiro Concurso de Selfies VIVE A GUARDA.   

 Para participar nesta iniciativa, que tamén busca fomentar o traballo artístico da mocidade, os participantes deben facerse unha fotografía a eles mesmos, un “selfie”, no que se poda apreciar algún lugar destacado da Guarda. Poderán enviar as súas fotografías os rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos, sempre que nos caso dos menores de idade conten con consentimento expreso dos pais, nais ou titores legais, entregado no Concello de A Guarda no Departamento de Cultura do Concello de A Guarda.  

 O concurso inclúe dúas modalidades, individual e en parella. En calquera das dúas os participantes deben ser os protagonistas da imaxe e só poderán presentar unha proposta. Esta pode ser remitida en formato dixital a través de dúas redes sociais, Instagram ou Facebook. En ambos casos os concursantes subirán a imaxe ó seu perfil de dita rede social, acompañándoa coas etiquetas ou hashtags #viveaguarda e #concursoselfies. Ademais, en Instagram hai que etiquetar ó perfil @viveaguarda e no Facebook compartilo na páxina “Xuventude A Guarda”.  

 O prazo para presentar os selfies remata o vindeiro día 31 de agosto. A partir desa data tres xuíces deliberarán sobre cal das obras presentadas debe ser a elixida como vencedora, tendo en conta os criterios de calidade técnica e artística, a orixinalidade e a adaptación ós obxectivos e normas do concurso, que poden consultarse na páxina web do Concello da Guarda, onde se inclúe a autorización para os menores.   

 A concelleira de Xuventude, Elena Baz Rodríguez, informou que “os traballos que resulten gañadores, e que se coñecerán o día 5 de setembro, ademais de ser premiados cunha cea ou comida no Forte (Camposancos - A Guarda), tamén formarán parte da campaña “VIVE A GUARDA 2016” que está a impulsar o Concello da Guarda. Por isto anímase a todos os mozos e mozas a participar e axudar a dar visibilidade a todos eses lugares que fan da Guarda un municipio tan especial. 

 Dende o departamento de Xuventude queremos agradecer a súa colaboración ó Restaurante O Forte e a todos os que fan posible levar a cabo esta iniciativa.

VALENÇA

Descida do Rio Minho em Boia 
Aventura, adrenalina e muita emoção

 
Infogauda / Valença

 Valença vai reviver a singular iniciativa da Descida do Rio Minho em Boias, domingo, 31 de julho, com a participação de cerca de duas centenas de aventureiros. A criatividade e o engenho são a nota dominante desta prova, celebrada de dois em dois anos, no Rio Minho e que tem como requisito base que todas as embarcações utilizem boias como flutuantes. 

 A nova edição da Descida do Rio Minho em Boias tem como ponto de partida a Área de Lazer de Friestas (Valença), junto ao Rio Minho e a Área de Lazer de Caldelas (Tui), às 14h30. Segue-se a descida do Rio Minho até à Insua do Conguedo, em Verdoejo. Os melhores pontos para observação desta prova são a área de Lazer de Friestas e Caldelas, a pesqueira da Gingleta e o Paredão de Verdoejo, o lago do Rio Novo na Insua do Conguedo , a passagem para a Insua do Conguedo e o Parque de Merendas de Verdoejo. 

 A organização vai premiar as embarcações mais originais e animadas. A criatividade e originalidade das embarcações são uma das grandes marcas deste evento, assim como as muitas peripécias que estes afoitos “marinheiros” vão proporcionar nas águas do rio Minho. 

 A “prova” termina no Parque de Merendas de Verdoejo, onde se vão reunir todas as embarcações e participantes. A meio da tarde e no âmbito do Verdoejo Art Rock Fest está agendada a atuação dos Kussondulola, a mais emblemática banda portuguesa de reggae, do grupo cubano Quinteto Son Real e da banda brasileira Bloco do Caos. 

 Desde 1994 que a Descida do Rio Minho em Boias é um dos mais singulares cartazes dos eventos de verão, no Noroeste Peninsular que, ano após ano, tem atraído mais aventureiros e curiosos. 

 A iniciativa é da Eurocidade Valença Tui e conta com a especial colaboração da Associação de Eventos Faz Diferente e da Junta de Freguesia de Verdoejo. 

 Os interessados ainda se podem inscrever pelo e-mail: verdartrockfest@gmail.com ou pelo tlm. 962006376 até 29 de julho.