29 de xul. de 2016

A GUARDA

O CONCELLO DA GUARDA CREA O CONCURSO SELFIE #VIVEAGUARDA DIRIXIDO Á XUVENTUDE DO MUNICIPIO 


Infogauda / A Guarda

 Cada día A Guarda aumenta a súa popularidade como un dos puntos da provincia de Pontevedra preferidos polos turistas que se achegan a Galicia, pero aínda queda moito por descubrir e moitos recunchos por coñecer, incluso para os propios veciños da vila.  

 Co obxectivo de dar visibilidade a estes recunchos máis significativos do municipio, así como para mostrar a beleza e sensibilidade coa contorna privilexiada da Guarda, o departamento de Xuventude do Concello da Guarda ven de crear o primeiro Concurso de Selfies VIVE A GUARDA.   

 Para participar nesta iniciativa, que tamén busca fomentar o traballo artístico da mocidade, os participantes deben facerse unha fotografía a eles mesmos, un “selfie”, no que se poda apreciar algún lugar destacado da Guarda. Poderán enviar as súas fotografías os rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos, sempre que nos caso dos menores de idade conten con consentimento expreso dos pais, nais ou titores legais, entregado no Concello de A Guarda no Departamento de Cultura do Concello de A Guarda.  

 O concurso inclúe dúas modalidades, individual e en parella. En calquera das dúas os participantes deben ser os protagonistas da imaxe e só poderán presentar unha proposta. Esta pode ser remitida en formato dixital a través de dúas redes sociais, Instagram ou Facebook. En ambos casos os concursantes subirán a imaxe ó seu perfil de dita rede social, acompañándoa coas etiquetas ou hashtags #viveaguarda e #concursoselfies. Ademais, en Instagram hai que etiquetar ó perfil @viveaguarda e no Facebook compartilo na páxina “Xuventude A Guarda”.  

 O prazo para presentar os selfies remata o vindeiro día 31 de agosto. A partir desa data tres xuíces deliberarán sobre cal das obras presentadas debe ser a elixida como vencedora, tendo en conta os criterios de calidade técnica e artística, a orixinalidade e a adaptación ós obxectivos e normas do concurso, que poden consultarse na páxina web do Concello da Guarda, onde se inclúe a autorización para os menores.   

 A concelleira de Xuventude, Elena Baz Rodríguez, informou que “os traballos que resulten gañadores, e que se coñecerán o día 5 de setembro, ademais de ser premiados cunha cea ou comida no Forte (Camposancos - A Guarda), tamén formarán parte da campaña “VIVE A GUARDA 2016” que está a impulsar o Concello da Guarda. Por isto anímase a todos os mozos e mozas a participar e axudar a dar visibilidade a todos eses lugares que fan da Guarda un municipio tan especial. 

 Dende o departamento de Xuventude queremos agradecer a súa colaboración ó Restaurante O Forte e a todos os que fan posible levar a cabo esta iniciativa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario