NUMEROSAS ACTIVIDADES CULTURAIS, DEPORTE, GASTRONOMÍA E LECER DANSE CITA ESTA FIN DE SEMANA NA GUARDA
O cantautor e músico Tino Baz, será o pregoeiro da XIII Festa do Peixe Espada
Foto: infogauda
Infogauda / A Guarda
A Guarda prepárase para unha fin de semana moi especial, na que volve a celebrarse, tras 9 anos de ausencia, a Festa do Peixe Espada organizada por OR.PA.GU. en colaboración co Concello da Guarda. Esta será a XIII edición dunha celebración gastronómica que volve a casa cunha programación do máis completa, que ofrecerá todo tipo de actividades e grandes manxares na Carpa do Porto da Guarda o sábado día 30 e domingo día 31 de xullo.
Pero a fin de semana xa se inicia por todo o alto este venres día 29 pola noite coa inauguración da primeira edición do festival “Música nas Prazas”, unha iniciativa do concello da Guarda que levará 5 actuacións de destacados grupos musicais ás prazas das diversas parroquias da localidade. O primeiro dos concertos, que se celebra este venres ás 22 horas na Praza de Santo Tomás, será ofrecido pola cantante e autora viguesa Carmen Johns, recoñecida en toda a nosa xeografía e unha das autoras que encheu os carteis das dúas últimas edicións do festival Portamérica.
Xa no sábado día 30 dará comezo a Festa do Peixe Espada co pregón ofrecido polo cantautor guardés Tino Baz, ás 12:00 horas na Carpa do Porto da Guarda. A continuación se entregarán os premios do XIII Concurso de Carteis da Festa do Peixe Espada e do I Concurso literario infantil “Homes e mulleres do mar”. Pola tarde, e ata a noitiña, a música será a protagonista con tres citas destacadas.
Ás 15:00 horas haberá unha actuación de música tradicional “Fuscalho”.
Ás 20:00 horas celebrarase o Concerto de Folclore AMFF no Auditorio de San Benito, un evento paralelo ó que tivo lugar onte xoves día 28 de xullo en Vila Praia de Âncora. Esta iniciativa luso galaica busca impulsar aínda máis o vínculo entre as vilas de Caminha e da Guarda, para o que incluirá as actuacións da Orquesta da Academia de Música Fernandes Fâo, do Etnográfico de Vila Praia de Âncora, Do Lusco ó Fusco e A Boalleira.
O día remata coa actuación, no Porto da Guarda ás 23:00 horas, de Ángel América.
Ademais, durante todo o día A Guarda acollerá o I Campionato Integrador e o IV Máster Nacional de Futbolín (que se estenderá ata o domingo).
No seu segundo día, a XIII edición da Festa do Peixe Espada dará cabida a unha exhibición de cociña, a partir das 15:00 horas e a actuación da banda de música Llerena, sobre as 14:00 horas.
Ademais durante toda a fin de semana haberá diversas actividades dispoñibles para os máis cativos como inchables, actividades con monitoras e photocall.
Tamén se pode visitar a exposición Camiños da Imaxe, que amosa a obra do fotógrafo local Joaquín García Portela “Costiña” na Casa dos Alonso, cun horario que o sábado é de 12:00 a 14:00 horas e de 19:00 a 22:00 horas, e o domingo só na quenda da mañá.
E toda esta variedade de actividades e lecer estará acompañada polas delicias cociñadas co produto protagonista da celebración: o peixe espada. Haberá 5 postos de restaurantes locais na carpa do Porto e alí se ofrecerán as distintas especialidades a prezos populares.
Non se pode pedir máis que o que ofrece esta fin de semana A Guarda: música, actividades culturais e de lecer, deporte e moita e boa gastronomía.
Ningún comentario:
Publicar un comentario