Amosando publicacións coa etiqueta FESTICLOWN 2011. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta FESTICLOWN 2011. Amosar todas as publicacións

25 de set. de 2011

MADRID

El Montacargas organiza unha xornada de apoio ao Festiclown Palestina


Os pequenos palestinos foron os principais activistas do Festiclown Palestina 2011
Foto: Pallasos en Rebeldía


Pallasos en Rebeldía / Madrid


Un acto de apoio ao Festiclown Palestina é o que organiza este domingo día 25 a sala madrileña El Montacargas. Recentemente chegados da experiencia clown e solidaria máis importante dos últimos tempos, Iván Prado e varios dos artistas participantes estarán alí para contala.

Foi ás oito da tarde cando o escenario do Montacargas éncheuse de risa, solidariedade e reivindicacións a favor do pobo palestino. Dentro da programación de outono da sala, o director dos Festivais Internacionais de Clown de Galicia e Palestina, Iván Prado estivo, xunto con outros participantes na primeira edición de Festiclown Palestina compartindo esta viaxe.

Situada na Rúa Antillón 19, esta fábrica de teatro e soños albergou unha festa pola dignidade e a risa. Alí foran recordadas as máis de 100 actuacións, as accións capitaneadas por Leo Bassi contra o Muro, se visibilizará o enorme fito que supuxo Festiclown no pobo palestino, romperá de novo a barreira da opresión israelí...Por ser de novo un lugar no que liberar ideas e sorrisos, Pallasos en Rebeldía e Festiclown -entidades organizadoras de Festiclown Palestina- agradecen enormemente a disposición do Montacargas para coa iniciativa.

12 de set. de 2011

PALESTINA

CRÓNICA 12: Crónica agradecida


Foto: Festiclown


Este barco tivo a mellor tripulación da historia.




Na sala de máquinas, o sempre divertido Roxo, o meu irmán de aventuras desde aquel 96 en Ourense onde fundamos o primeiro "Augasquentes Zapatista de Galicia".


De contramaestra, a incansable Txeli, metro e medio de enerxía e tenrura disposta a mobilizar as mareas coa súa vitalidade se a travesía o precisa.


En terra, a marabillosa Jéssica, Fran o pirata e clown máis gracioso de Lugo, o sureño, Nacho, o home máis enxeñoso a este lado do río Miño.


En cuberta, Neroni, italiano de mirada perdida e sorriso eterno, Helena a científica "costri" e o "perroflauta” do seu noivo Oriol que xunto a Bego sobreviviron a tormentas e días de seca.


Na bitácora de abordo, Fer, o galego do terceiro ollo e pitillo conxelado nos seus beizos; Jorge, o terceiro ollo do festival e Ernets, a mocidade personificada que coa axuda de Lacosta difundiron aos catro ventos esta tolemia chamada Festiclown Palestina.


Na ponte de mando, Claudia, coruñesa de nacemento e unha vagabunda de corazón que levantou man a man comigo este soño de case dous anos; Miluka compañeira de vida, de insomnios, de risas e bágoas, sen dúbida a tradutora con máis carácter que Sevilla deu á humanidade. Sen elas dúas, sen a súa paixón e clarividencia este barco nunca partiría con éxito.


En porto, o incrible Wajdi de Nablus, mago das emocións e batallas, Jessika e Shadi de Ramala, alicerces do circo en palestina e Daoud, o gentleman das barricadas de Xerusalén.


En adega, preto de 50 artistas rebeldes que cambiaron o rostro dramático deste país, encabezados polo corazón andante que o mundo coñece como Patch Adams e o pallaso máis provocador da historia do circo, Leo Bassi, mestre, pai e camarada de revolucións pendentes.


En ruta, ducias de amigos e amigas que fixeron do Festival un lugar fermoso, Laila, Edu, Anxo, Moncho, os Yenín boys dirixidos por Nayeh, Mónica, Emilio, Andrea, Vicki e moitos máis que non podería citar nun texto tan breve pero que terán sempre un lugar no meu corazón.


Recalamos en terras exóticas onde compartir alegrías con anxos terrestres como os Otecianos e tamén chorar coas duras realidades dos orixinarios deste anaco de terra ocupado durante séculos por varios imperios e algún estado terrorista de orixe xudía.


Traio sorrisos, amigos armenios e africanos e algún que outro inimigo vestido de militar. Sorrisos como para vivir varias vidas, aplausos como para encher o zepelín da miña historia, pero sobre todo lévome unha nova identidade: a de palestino cidadán da humanidade.


E quizais, se me permitides unha confidencia, traio unha sensación única de gratitude, gratitude por ter a oportunidade de constatar que a utopía é caminable, que se pode beber das fontes do eterno quijotismo e que a máquina máis perfecta que existe é o corazón -un músculo que bombea esperanza contra vento e marea máis aló das correntes nefastas do capitalismo sanguinario.


Somos Humanidade porque aprendemos a camiñar os nosos soños, o meu grazas a toda esta fermosa tripulación izou veas destino: A liberdade.


Iván Prado.


Ramala, 11 de setembro de 2011, último día do Primeiro Festiclown Palestina.


PALESTINA

CRÓNICA 12: Crónica agradecida
ÉXITO DESBORDANTE A NIVEL ARTÍSTICO E HUMANO




Imaxe da incrible acción contra o Muro protagonizada por Leo Bassi (á dereita da fotografía) e Iván Prado (á esquerda)


Foto: Festiclown






Festiclown Palestina: “Levamos moito máis do que deixamos, un exemplo de dignidade e humanidade”




Cando xa rematou a primeira parte do Festiclown Palestina, a organización do Festival valóraa como un “éxito absoluto” xa que se cumpriu o primeiro obxectivo, encher de sorrisos os rostros de todos os nenos e nenas palestinos. 15.000 persoas nas galas, 100 actuacións, accións contra o muro, miles de milleiros de sorrisos...
Preto de 15.000 persoas reuníronse nas seis galas que tiveron lugar, dúas delas no Jamal Abdenasser Theatre de Nablus. Outras dúas na Comunidade Armenia e na Comunidade Africana de Xerusalén, no Palestinian National Theatre de Xerusalén e no Cultural Palace de Ramala. En cada unha das galas, das que todos gozamos, non faltaron as palabras de agradecemento, o sorriso dos nenos, nenas, mozas e mozos, adultos e como non, en cada unha delas coreouse ao unísono o xa coñecido berro de todos os pallasos do mundo pola liberdade de Palestina “Mashi trasi que trasi”.
O Festival chegou a dez hospitais coa súa vestimenta de pallaso, os seus zapatos grandes, cargado de narices vermellos, globos, música, malabares, maxia, pompas de xabón. A misión cumpriuse, risas e osíxeno para enfermeiros, médicos, equipo de administración, pais e como non para os nenos, para as nenas e para as persoas maiores necesitadas desa maxia e desa enerxía sandadora no seu camiño.
Doce escolas comezaron o ano con pallasos nos seus centros, enchemos os campos de futbol con mazas, con chapeus, coa roda alemá, con campaníñas de música e sobre todo enchemos as escolas de alegría e máis dun milleiro de risas por espectáculo, misión cumprida. Sete campos de refuxiados, como Al-Amari en Ramala, abriron as súas portas a máis de 12 compañías de artistas que se entregaron ao seu público en corpo e alma. Zonas tan pobre e maltratadas como a zona chamada TYO de Nablus non faltou na axenda dos artistas do Festiclown Palestina.
O Festiclown en cifras e risas
O Festiclown Palestina conseguiu Cirkocupar cada día, no seu paso por Xerusalén, ás cinco da tarde a coñecida e emblemática Damasco’s Gate con máis de 4000 persoas de público. O boca a boca fixo que Damasco’s Gate se convertese nun anfiteatro natural e revindicativo.
Leváronse a cabo dúas accións contra o Muro, o lugar elixido a zona palestina do Muro de Calquilia. Máis de 20 compañías internacionais (España, Arxentina, Chile, Estados Unidos, Portugal e Palestina...) manifestaron o seu desacordo con este innombrable Muro que separa almas e coarta a vida de moitas familias que viven baixo a incerteza de facer unha vida cotiá. En devanditas accións naceu no Festiclown Palestina un novo movemento “ARTIST AGAINST THE WALL”.
Ademais, o Festiclown Palestina quere agradecer o apoio mediático que tivo ao longo das dúas semanas, tres roldas de prensa, ducias de entrevistas, publicacións na prensa rusa, venezolana, española...
50 artistas e 100 actuacións deixan unha nova semente de circo en Palestina reforzada polas 60 horas de formación, ducia de workshops de clown, risoterapia, acrobacias, malabares e aéreos. Devanditos workshops terán lugar na segunda etapa do Festiclown do 12 ao 15 de setembro, garantindo a continuidade deste proxecto no vindeiros anos mentres dure esta xenocida ocupación militar.
A maxia das galas
En todas e cada unha das galas que tiveron lugar nas cidades de Nablus, Xerusalén e Ramala, Iván prado, director do Festiclown compartía, coas seguintes palabras, os motivos de estar nestas terras: “Vimos traervos unha mensaxe ao pobo palestino en nome de todos os pallasos do mundo: non estades sós. E máis pronto que tarde coa unión de todos os pobos do mundo, construiremos a liberdade en Palestina para que os nenos e as nenas teñan dereito a rir libremente cada un dos días da súa vida”.
Ao finalizar, os artistas e o equipo do Festiclown Palestina chamaban ao público a subirse ao escenario para abrazarse e bailar. Momentos inesquecibles son moitos, hai veces que as palabras non son suficientes para transmitir o que sentimos. Levamos moito máis do que deixamos, o pobo palestino deunos todo o que ten: un exemplo de dignidade e humanidade.
O Festiclown Palestina tivo cheo absoluto na maioría das súas actuacións, actuacións que tiveron lugar na Comunidade Armenia de Xerusalén, cun agradecemento absoluto por devandita Comunidade xa que, segundo eles mesmos, atópanse esquecidos nesta parte do mundo; na Comunidade Africana de Xerusalén, con nenos de catro anos que se facían cargo dos seus hermanitos máis pequenos, ningún deles querían perderse a maxia dos pallasos e menos aínda que lla perdesen os seus irmáns. A chamada está feita: seres humanos de todo o mundo, unídevos para tombar xuntos o muro da inxustiza.


11 de set. de 2011

PALESTINA

Crónica 11: Checkpoint Festival



"Tombar primeiro os símbolos para despois tombar as edificacións"






Un exército de narices vermellos no undécimo día do Festiclown Palestina toma o checkpoint de Calandia, coa maxia do Mago Teto, os malabares de Circ Bover, as acrobacias de La Poet Company, a poesía de Tres Puntos e Aparte, a provocación do gran Leo Bassi e a creatividade de Pallasos en Rebeldía.
Tras un triunfo apoteósico no último día do Festiclown Palestina en Xerusalén e o primeiro en Ramala, onde máis de tres mil palestinos ateigaron os espectaculos do venres dez de setembro, a caravana da esperanza -como xa foi bautizada a nosa expedición- chega pletórica ao "Muro das aberracións" para enfrontar a barbarie da ocupación militar isarelí.
Saímos de Xerusalén destino a Ramala, dispostos a realizar a segunda acción de ARTIST AGAINTS THE WALL, quizais a máis perigosa e ambiciosa das que soñamos até o momento. Polo camiño facemos unha parada técnica nun almacén de construción e todos os pallasos baixan entusiamados para se armaren de cascos e atrezzo rebelde. Eu compro unha maza de obra que pesa máis que a miña mochila.
Leo Bassi fai de capataz de obra de FCM (Festiclown Contra o Muro), Claudia chega de Ramala coa pancarta xigante que reza "Obra Promovida pola Comunidade Internacional. Denomización do proxecto: Derriba dun proxecto. Localización Xerusalén- Palestina. Orzamento 114.000€. Contratista: Festiclown, Arquitecto: Leo Bassi; Inicio de obra: Setembro de 2011, Prazo de execución: Indefinido".
Os traballadores dun taller de automoción axúdannos a montar o valo publicitario alternativo; mentres, todos os artistas dirixímonos ao checkpoint diante os berros de apoio que saen dos coches que atravesan a fronteira máis famosa de Cisxordania. O primeiro que atopamos é a cámara de seguridade da torreta militase israelí seguindo cada movemento que realizamos.
Poño na cabeza unha tapa de váter e empeza o espectáculo capitaneado por Bassi.
Pintadas no Muro, perfomance estilo Duchamp, e accións artísticas pola liberdade son a nosa achega na loita contra a maior inxustiza deste século.
Acabamos a acción inuagurando a obra de derrubamento do Muro e subimos de novo ao bus. Aínda quedan moitas aventuras por vivir nesta viaxe pola Palestina da dignidade. Un mar de emocións invádenme, hai oito anos que soñei con erguer un festival nestas terras e hoxe este proxecto ten centos de anécdotas que sen dúbida son xa parte da historia do circo.
Naceu o primeiro "Checkpoint Festival" de Pallasos en Rebeldía.



Iván Prado. Calandia, 10 de setembro, o día que no que o Muro comezou a rachar.



Tomamos literalmente o acceso ao checkpoint que tamén alberga un cuartel militar e empezamos co noso perigoso labor de "Terrorismo Lúdico".

7 de set. de 2011

PALESTINA

Crónica dez: The Wall


Tres días despois do noso paso por Calandia checkpoint -a peor experiencia que tiven en Palestina-. Regresamos ao mesmo lugar pero esta vez como Artist Against the Wall. Leo Bassi tivo a brillante idea de ir facer unha performance no lugar onde Banksi grafiteou sobre o Muro á famosa nena que voa grazas a uns globos.Patch Adams leva a súa galiña na cabeza e unha ilusión desbordante; Leo vai de “yuppie” otomán e pallaso clásico e eu levo unhas raquetas de bádminton e moitos narices vermellos. Os tres imos cargados de globos para voar por encima da ocupación militar que Israel impón en Palestina a todas as conciencias do mundo. Coa axuda de Andrea, Miluka e Fer chegamos a media mañá ao Muro onde Barguiti e Arafat están inmortalizados á beira dunha torreta de vixilancia salpicada de restos de cócteles molotov. O Berro de Munch fai as veces de oráculo de advertencia, un enorme “alt delete” anuncia o futuro desta construción monstruosa e antes de chegar á curva da mole de cemento pódese ver a sombra proxectada dunha nena con coleta que se eleva, agarrada dos seus inocentes globos, un par de metros sobre o chan.Á beira desta nena, metáfora do futuro de todos os nenos palestinos, comezamos a nosa perfomance, a primeira de “Artist Against the Wall”, imitándoa cos nosos soños en forma de globos de cores.Logo hai intentos pallasís de tirar o Muro, pintadas divertidas, un ataque de narices contra o Muro que acaba nunha partida de Bádminton con Leo Bassi co Muro como rede e varias accións máis que cada pallaso ía improvisando.Eu emociónome e intento escalar o Muro coa axuda do lokito Neroni, logo atácolle cunha pistola de auga e finalmente íspome totalmente e lánzome contra o Muro deixando a miña silueta debuxada co nariz vermello a modo de buraco no cemento gris.De volta ao checkpoint cansos, cheos de pó, suando a mares pero plenos de satisfacción, un neno crúzase no noso camiño e Patch Adams sóbeo ás súas costas cos globos no alto, a sombra debuxada no muro adquire relevo e a promesa de liberdade empeza a camiñar; o neno márchase con ducias de globos que lle regalamos -entre eles eses que se constrúen a base de soños e utopías-.Esta mañá os pallasos do mundo puxeron en pé un novo proxecto, ARTIST AGAINTS DE WALL. Para que se derruben todos os muros, os que están fóra e os que levamos dentro.

Iván Prado.

Director do Festiclown

Palestina. Calandia 6 de setembro 2011.

3 de set. de 2011

PALESTINA

Éxito nos dous primeiros días do 'I Festiclown Palestina"


Máis de 11.000 persoas participaron na apertura e no segundo día deste evento en Nablus


O festival comezou o xoves 1 e dura ata 15 de setembro en varias cidades palestinas






Sandra Costa / Palestina


O xoves día 1 comezou en Nablus a primeira xornada do “I Festiclown Palestina” e a asistencia de público tíldao de “éxito total”. A esta primeira noite asistiron máis de 5.000 persoas e o venres, segundo día do certame, xa se contabilizaron máis de 6.000 asistentes, o que fai intuír que este bo arranque será a tónica que marcará o resto de xornadas ata o seu final, o próximo día 15 en Ramala. Nesta primeira noite o público coreou o lema do festival “Artist against the wall” e vibraron xuntos ao ritmo da canción “Mashi traxi que traxi”, que xa é un selo inconfundible dos festiclowns no mundo.Xa no segundo día da cita co mundo do clown e a risa, os artistas actuaron no Jamal Auditorio de Nablus e antes levaron a cabo actuacións nun campo de refuxiados en Balata e nas Escolas dos Mártires da mesma cidade.Durante a primeira gala Iván Prado, director do festival, lanzou unhas palabras emotivas ao público asistente e que resumimos a continuación: “Vimos traervos unha mensaxe ao pobo palestino en nome de todos os pallasos do mundo: non estades sós/as. E máis pronto que tarde, coa unión de todos os pobos do mundo, construiremos a liberdade en Palestina para que os nenos e as nenas teñan dereito a rir libremente cada un dos días da súa vida”.A primeira edición de Festiclown Palestina, o primeiro Festival Internacional de Clown que se celebra no país, está organizada pola asociación cultural e de cooperación internacional Pallasos en Rebeldía e conta coa colaboración de varias institucións españolas e palestinas.Festiclown é un festival de circo, clown e risoterapia que, durante dúas semanas, leva actuacións de 20 compañías internacionais (España, Arxentina, Chile, Estados Unidos, Portugal”) e varias compañías e artistas palestinos ás rúas de varias cidades palestinas (Jerusalem, Ramala e Nablus) e diferentes campos de refuxiados. A nivel internacional, o festival conta coa participación de artistas da talla de Leo Bassi, Patch Adams, Circ Bover, Mago Teto, Peter Punk, Javichi, Kambahiota Trup, La Poet Compagnie ou La Bandita Alegre, entre moitos outros.
E a nivel local participan no festival Palestinian Circus School, que desde 2006 traballa para desenvolver o potencial creativo de mozos palestinos e crear unha nova forma de expresión cultural. Tamén contamos co grupo de circo de Nablus, Assirk Assaghir (Pequeno circo) e a excepcional participación de varios pallasos que fan rir cada día a nenos e non tan nenos nos hospitais de Xerusalén.


CIUDADES

Do 1 ao 4 de setembro: NABLUS
Do 5 ao 9 de setembro: JERUSALEM
Do 9 ao 11 de setembro: RAMALA
Do 12 ao 15 de setembro: “Formaclown” en Ramala e Nablus (obradoiros, actuacións en campos de refuxiados, hospitais …)



31 de xul. de 2011

VIGO

PENSANDO XA EN PALESTINA


O Festiclown “do millón de gargalladas” remata en Vigo

Jéssica Beiroa / Vigo


Como indicou o director do Festiclown, Iván Prado, vén de rematar a “máis exitosa” edición do Festival desde que se celebra en Vigo. As risas acumuladas durante estes seis días constatan que a semente Festiclown está a medrar vizosa na cidade. A programación do millón de gargalladas ten xa os ollos postos no I Festival Internacional de Clown en Palestina.

Aos éxitos de Leo Bassi e Yllana hai que sumar os de Atempo Circ, Pablo Muñoz, Circolando, Amontonados por Azar e Lusco e Fusco. Estas son só algunhas das compañías que encheron os seus pases durante o Festiclown 2011. Con máis público que nunca nas prazas e cunha implicación que superou espectativas despídesde o Festival Internacional de Clown de Galicia por este ano.

Ademais, tanto as e os alumnos dos cursos formativos coma os mestres constataron o “grande éxito” do programa formativo da presente edición. Ilusión, números novos, futuros e futuras clowns, dinamismo, talento e calidade resumen os cursos e as clases abertas celebradas durante o Festival.

Festiclown Vigo e Festiclown Palestina
En declaracións do director do Festival, Iván Prado, o Festiclown de Vigo fíxose sentir en Palestina “grazas á conexión en directo que mantivemos durante a gala solidaria”. Ademais, tamén indicou que “os cheos totais” das funcións nos teatros que axudan a financiar este proxecto, “fan posible que durante 15 dias en palestina nenos e nenas, homes mulleres e anciáns poidan desfrutar do mellor festival de clown do mundo”.

A respecto do papel do clown e o circo internacional, Prado suliñou que, grazas ao Festiclown de Vigo eles “son os verdadeiros mensaxeiros da esperanza e da ilusión” nun país ocupado militarmente que sufre vexacións a diario. Se ben, tamén indicou que “o éxito de participantes e o increible nivel artistico que alcanzou esta edicón fixérona a “mellor da historia”. A solidariedade co pobo palestino, presente en toda a programación, poderá materializarse este próximo setembro no Festiclown Palestina grazas á venda de entradas.

O público de Vigo escolleu o gañador do Certame: Djuggledy
O público vigués tiña e tivo nas súas mans conceder o título de vencedora no Certame Intergaláctico de Exterior á compañía alemana Djuggledy. Así, este recoñecido artista fixo valer o seu espectáculo unipersoal “El diávolo”, que encandilou o público o pasado martes no inicio da programación. Deste xeito, o artista volverá actuar no festival na vindeira edición. De novo, o Festiclown agradece ao Concello de Vigo e a compañías e artistas participantes a súa colaboración para que este festival das “risas que cambian o mundo” puidera dar tanto de si.

VIGO

Festiclown encara a súa última xornada, centrada na formación


A foto - de Fernando Lema -, corresponde á mostra do curso "A conspiración do Butohclown" impartido por Moshe Cohen.

Jéssica Beiroa / Vigo


Clases abertas combinaranse coas últimas sesións dos cursos do Formaclown. Deste xeito, e cun dos apartados máis exitosos da edición 2011, esta pon o seu punto e final. As e os alumnos de Leo Bassi, Christian Atanasiu e Norman Taylor porán en práctica para o público todo o aprendido durante a formación.

Será a primeira delas ás cinco e media, onde baixo o título “Á procura da nosa identidade cómica” poidamos contemplar o progreso das e dos pupilos de Bassi. Ás seis será a quenda dos que participaron no curso “Excéntricos, chiflados e humor absurdo” impartido polo alemán Christian Atanasiu e xa ás sete e media do serán pecharán as e os participantes no curso de Norman Taylor sobre “Movemento cómico”.

Todas as clases abertas celebraranse no lugar onde se imparten os cursos, o Conservatorio Superior de Música de Vigo (rúa Manuel Olivié, zona do Castro) e son de libre acceso para o público.

Novo récord de asistencia e grande éxito de Yllana

A xornada do sábado foi un novo éxito no Festiclown. Prazas ateigadas coa actuación de Lusco e Fusco, os gañadores da sección Valladolid propone do “Festival TAC Valladolid 2011” e Atempo Circ foron dos espectáculos máis concorridos do día.

Se ben, non podemos esquecer a impecable e xenial actuación de Yllana. O Centro sociocultural Novacaixagalicia encheuse do mellor humor e de público. De novo, a compañía madrileña demostrou por que segue a colleitar tan boas críticas 20 anos despois da súa creación.

29 de xul. de 2011

VIGO

A EDICIÓN MÁIS EXITOSA DO FESTICLOWN EN VIGO


Yllana chega a Vigo na penúltima xornada do Festiclown
Foto: Fernando Lema




Jéssica Beiroa / Vigo






A compañía madrileña Yllana desembarca na cidade co seu espectáculo “666”. Será ás dez da noite no Centro sociocultural Novacaixagalicia cando despreguen o seu humor máis acedo e de calidade. Ademais, Pablo Muñoz e os gañadores do “Valladolid propone” inserido no TAC Valladolid 2011, os galegos Lusco e Fusco tamén actuarán na xornada do sábado.

Así, unha nova sesión de “Isto non é Walt Disney” correrá da man de Pablo Muñoz e o seu espectáculo “El domador de ilusiones” ás seis da tarde na praza do Concello. Ademais, Atempo Circ pechará a Mostra internacional 2011 con “Atempo”. E contaremos coas animacións de Bombo e Tambor e APERTA xunto con RutaShowCompany.

Sen dúbida, unha xornada do máis completo na que destaca a actuación de Yllana. Os mestres do humor traerannos desta volta unha dose máis elevada de humor negro, absurdo e mordaz ao seu habitual traballo cómico visual para mostrar, sen palabras, o lado máis escuro e sinistro do ser humano. Pola súa banda, Lusco e Fusco actuarán ás 20:30 na praza da Constitución.

“Os pallasos temos valores”

Así se expresaba Leo Bassi en conferencia de prensa acerca da idea preconcibida arredor de que un clown só fai rir e reivindicou o papel do pallaso como “un creador que é superior ás armas”. Tanto el coma Iván Prado destacaron a necesidade de sumar apoios ao pobo palestino ante o “cerco físico e moral” ao que o somete o Estado de Isarel.

Para elo, tanto o director do Festiclown coma o propio Leo Bassi intervirán no I Festival Internacional de Clown de Palestina o próximo setembro. Ademais, ambos os dous condenaron os ataques á liberdade de expresión e as denuncias interpostas contra Leo Bassi lembrando a Bertold Brecht cando dicía que “Se atacan a un atácannos a todos”. Asimesmo, chamaron a atención sobre o “fascismo” que impera nas decisións dos Estados español e israelí ao permitiren eses ataques.

“A máis exitosa da súa historia en Vigo”

Cando pasamos o ecuador do Festiclown así o definía o seu director debido ao grande éxito de público. Ademais, agradeceu ao Concello de Vigo o seu apoio e a todas as persoas que están a facer posible esta duodécima edición do festival. Éxito foi tamén o que colleitou o cómico italoamericano, quen encheu o teatro e encandilou o público vigués na estrea mundial da súa nova proposta escénica.