22 de set. de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Atlético Guardés aproveita o parón para acoller un amigable contra a Selección Portuguesa 

O pavillón da Sangriña acollerá este mércores, ás 19.00 horas, no festivo local de Santa Trega, un partido amigable entre o equipo baixomiñoto e o nacional luso 

A cita, con entrada libre, chega durante o parón ligueiro que terminará prematuramente para as de Prades o vindeiro martes en Lanzarote 


Imaxe do equipo do Atlético Guardés no pavillón municipal da Sangriña, no encontro do Elxe
Foto: Lino Escurís

Redacción Deportes/A Guarda 

 O Atlético Guardés ameniza o parón ligueiro cun partido amigable. Este mércores, 23 de setembro, festivo local guardés de Santa Trega, o pavillón municipal da Sangriña acollerá un encontro non competitivo entre as de José Ignacio Prades e a Selección absoluta de Portugal, con entrada libre e gratuíta. 

 O equipo baixomiñoto afronta a cita como un repaso de sensacións tras un arranque ligueiro inmellorable. Despois de tres vitorias, o amigable chega para manter os pés na terra e obrigarse a si mesmas a non deixar de lado o nivel de esixencia competitiva a pesar do longo parón ligueiro desta semana e a seguinte. 

 Un parón ligueiro que terminará de xeito prematuro para as de José Ignacio Prades. Mentres os equipos participantes na liga Guerreiras Iberdrola retomarán o xogo a próxima fin de semana, o Atlético Guardés debeu adiantar a xornada 4 prevista para eses días ao próximo martes, 29 con motivo de coincidencia coa eliminatoria da EHF European League, que acollerá precisamente o sábado, 3 e o domingo, 4 na Sangriña. Unha semana potente para un conxunto galego que conxugará o regreso á competición cun desprazamento longo (o partido do martes é en casa do Zonzamas Lanzarote) e un dobre reto europeo, todo iso contra rivais de alta esixencia.  

 E todo iso mentres continúan á espera de avances as lesións de xeonllo de Elena Martínez e de man de Cecilia Cacheda, que tampouco estarán dispoñibles este mércores ao non coñecerse aínda o alcance das súas doenzas e continuar con molestias. En definitiva, será un encontro útil para un Atlético Guardés que segue calibrando sensacións e capacidades, permitíndolle medir a temperatura de novo unha vez superado o shock do arranque competitivo co obxectivo de manter o nivel á volta. Todo iso ante unha Selección absoluta de Portugal que, a pesar do amigable, non se irá sen propoñer un reto ante un pavillón da Sangriña que terá a entrada aberta a todo o que queira pasar o festivo local celebrando o mellor balonmán.                                 

José Ignacio Prades: “É unha boa pedra de toque para non perder o ritmo competitivo” 

 Para o adestrador do Atlético Guardés, José Ignacio Prades, este amigable “é unha boa pedra de toque para non perder o ritmo competitivo”. O técnico pechou este encontro pensando nos efectos dos 15 días de descanso do parón nas súas, aínda que acurtados para elas debido a esa reprogramación da xornada 4; evitando a perda de ton con aspiracións de manter o bo nivel de desempeño á continuación da competición. 

 “Creo que é un rival moi esixente, xa que é unha Selección nacional”, explica o de Petrer, quen espera que este encontro “vai servir moito” para non perder ese ritmo de xogo, así como para “dosificar esforzos, probar cousas novas e seguir vendo que tal nos desenvolvemos ante outro equipo de alto nivel”, conclúe.  

AXENDA 

Amigable tempada 

Balonmán Atlético Guardés – Seleção Nacional A Feminina 

Mércores 23 de setembro | 19.00 horas | Pavillón municipal da Sangriña | Entrada libre 

Ningún comentario:

Publicar un comentario