22 de set. de 2026

TUI

Javier Bona vai presentar en Tui “Las llaves de Sefarad: el misterio del legado” 

Será este xoves, 24 de setembro, ás 20 h no Espazo Sociocultural dentro da programación do Setembro Xudeu  




Infogauda/Tui

 Este xoves, 24 de setembro, ás 20 h o Espazo Sociocultural, da rúa Camilo José Cela, acollerá a presentación da novela “Las llaves de Sefarad: el misterio del legado” un trepidante thriller histórico e de misterio escrito por Ignacio Javier Bona López, arqueólogo e historiador, que entrelaza o pasado medieval de España cunha conspiración na actualidade.  

 A obra propón un percorrido por 27 cidades españolas, entre elas Tui e o seu importante legado das comunidades xudías e criptoxudías,  e sitúa o seu punto de partida en 1492, ano da expulsión dos xudeus de España. Nese contexto, un grupo de sabios sefardíes toma unha decisión para preservar o seu legado intelectual. “Non o ocultaron nun cofre. Dispersárono”, expón a premisa central do relato.  

 Segundo esta hipótese literaria, figuras como Abraham Senior e Isaac Ben Moses Arama deseñan un sistema de protección baseado na fragmentación do coñecemento. Así nace o denominado ‘Tesouro da memoria’, unha rede de bibliotecas secretas que conteñen saberes científicos, médicos, astronómicos e filosóficos. Para evitar a súa destrución pola Inquisición, estes coñecementos divídense en 27 chaves distribuídas por distintas cidades.  

 A trama trasládase á actualidade coa aparición da historiadora Sara Mendoza. O seu  descubrimento dun símbolo criptográfico no Call de Xirona desencadea unha investigación que a levará a percorrer boa parte do territorio español.  

 Cada enclave convértese nunha pista dentro das 27 localidades da rede. Neste itinerario, a protagonista descifra códigos ocultos en sinagogas, igrexas, murallas e catedrais. O autor destaca que un dos elementos diferenciais da obra é o uso da Rede de Xuderías como estrutura narrativa, xa que “lonxe de ser un mero pano de fondo, as cidades funcionan como nodos de coñecemento interconectados” e “cada cidade convértese nunha clave, e cada pedra nunha mensaxe”.  

 Bona destaca que o desenvolvemento da investigación introduce elementos propios do thriller: persecucións, organizacións clandestinas e conflitos xeopolíticos. Sara Mendoza alíase co profesor Daniel Astruc, descendente dunha estirpe de gardiáns do segredo, mentres unha organización liderada polo arqueólogo alemán Klaus Richter intenta destruír o legado.  

 Os manuscritos, segundo expón a trama, demostrarían que a ciencia medieval estaba máis avanzada do que recollen as narrativas oficiais. A intervención do Centro Nacional de Intelixencia (CNI) eleva a tensión ata un desenlace inesperado que culmina en Calatayud, onde se localiza a biblioteca central deseñada por Isaac Arama.  

 Esta presentación forma parte do programa de actividades do “Setembro xudeu” que organiza o Concello de Tui. Ana Núñez, concelleira de Turismo e Patrimonio, destaca que con esta obra de Javier Bona podemos achegarnos dende a ficción literaria a páxinas da nosa historia vinculadas á presenza das comunidades xudías e sefardís na nosa cidade.  

 Javier Bona é arqueólogo, historiador e divulgador cultural. Dedicou décadas á protección, difusión e recuperación do patrimonio hispanoxudío en Aragón, especialmente en Tarazona e Calatayud. Durante moitos anos foi presidente do Centro de Estudos Turiasonense, así como xerente do Padroado de Turismo da Deputación Provincial de Zaragoza. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario