31 de xul. de 2011

VIGO

PENSANDO XA EN PALESTINA


O Festiclown “do millón de gargalladas” remata en Vigo

Jéssica Beiroa / Vigo


Como indicou o director do Festiclown, Iván Prado, vén de rematar a “máis exitosa” edición do Festival desde que se celebra en Vigo. As risas acumuladas durante estes seis días constatan que a semente Festiclown está a medrar vizosa na cidade. A programación do millón de gargalladas ten xa os ollos postos no I Festival Internacional de Clown en Palestina.

Aos éxitos de Leo Bassi e Yllana hai que sumar os de Atempo Circ, Pablo Muñoz, Circolando, Amontonados por Azar e Lusco e Fusco. Estas son só algunhas das compañías que encheron os seus pases durante o Festiclown 2011. Con máis público que nunca nas prazas e cunha implicación que superou espectativas despídesde o Festival Internacional de Clown de Galicia por este ano.

Ademais, tanto as e os alumnos dos cursos formativos coma os mestres constataron o “grande éxito” do programa formativo da presente edición. Ilusión, números novos, futuros e futuras clowns, dinamismo, talento e calidade resumen os cursos e as clases abertas celebradas durante o Festival.

Festiclown Vigo e Festiclown Palestina
En declaracións do director do Festival, Iván Prado, o Festiclown de Vigo fíxose sentir en Palestina “grazas á conexión en directo que mantivemos durante a gala solidaria”. Ademais, tamén indicou que “os cheos totais” das funcións nos teatros que axudan a financiar este proxecto, “fan posible que durante 15 dias en palestina nenos e nenas, homes mulleres e anciáns poidan desfrutar do mellor festival de clown do mundo”.

A respecto do papel do clown e o circo internacional, Prado suliñou que, grazas ao Festiclown de Vigo eles “son os verdadeiros mensaxeiros da esperanza e da ilusión” nun país ocupado militarmente que sufre vexacións a diario. Se ben, tamén indicou que “o éxito de participantes e o increible nivel artistico que alcanzou esta edicón fixérona a “mellor da historia”. A solidariedade co pobo palestino, presente en toda a programación, poderá materializarse este próximo setembro no Festiclown Palestina grazas á venda de entradas.

O público de Vigo escolleu o gañador do Certame: Djuggledy
O público vigués tiña e tivo nas súas mans conceder o título de vencedora no Certame Intergaláctico de Exterior á compañía alemana Djuggledy. Así, este recoñecido artista fixo valer o seu espectáculo unipersoal “El diávolo”, que encandilou o público o pasado martes no inicio da programación. Deste xeito, o artista volverá actuar no festival na vindeira edición. De novo, o Festiclown agradece ao Concello de Vigo e a compañías e artistas participantes a súa colaboración para que este festival das “risas que cambian o mundo” puidera dar tanto de si.

Ningún comentario:

Publicar un comentario