12 de set. de 2011

PALESTINA

CRÓNICA 12: Crónica agradecida


Foto: Festiclown


Este barco tivo a mellor tripulación da historia.




Na sala de máquinas, o sempre divertido Roxo, o meu irmán de aventuras desde aquel 96 en Ourense onde fundamos o primeiro "Augasquentes Zapatista de Galicia".


De contramaestra, a incansable Txeli, metro e medio de enerxía e tenrura disposta a mobilizar as mareas coa súa vitalidade se a travesía o precisa.


En terra, a marabillosa Jéssica, Fran o pirata e clown máis gracioso de Lugo, o sureño, Nacho, o home máis enxeñoso a este lado do río Miño.


En cuberta, Neroni, italiano de mirada perdida e sorriso eterno, Helena a científica "costri" e o "perroflauta” do seu noivo Oriol que xunto a Bego sobreviviron a tormentas e días de seca.


Na bitácora de abordo, Fer, o galego do terceiro ollo e pitillo conxelado nos seus beizos; Jorge, o terceiro ollo do festival e Ernets, a mocidade personificada que coa axuda de Lacosta difundiron aos catro ventos esta tolemia chamada Festiclown Palestina.


Na ponte de mando, Claudia, coruñesa de nacemento e unha vagabunda de corazón que levantou man a man comigo este soño de case dous anos; Miluka compañeira de vida, de insomnios, de risas e bágoas, sen dúbida a tradutora con máis carácter que Sevilla deu á humanidade. Sen elas dúas, sen a súa paixón e clarividencia este barco nunca partiría con éxito.


En porto, o incrible Wajdi de Nablus, mago das emocións e batallas, Jessika e Shadi de Ramala, alicerces do circo en palestina e Daoud, o gentleman das barricadas de Xerusalén.


En adega, preto de 50 artistas rebeldes que cambiaron o rostro dramático deste país, encabezados polo corazón andante que o mundo coñece como Patch Adams e o pallaso máis provocador da historia do circo, Leo Bassi, mestre, pai e camarada de revolucións pendentes.


En ruta, ducias de amigos e amigas que fixeron do Festival un lugar fermoso, Laila, Edu, Anxo, Moncho, os Yenín boys dirixidos por Nayeh, Mónica, Emilio, Andrea, Vicki e moitos máis que non podería citar nun texto tan breve pero que terán sempre un lugar no meu corazón.


Recalamos en terras exóticas onde compartir alegrías con anxos terrestres como os Otecianos e tamén chorar coas duras realidades dos orixinarios deste anaco de terra ocupado durante séculos por varios imperios e algún estado terrorista de orixe xudía.


Traio sorrisos, amigos armenios e africanos e algún que outro inimigo vestido de militar. Sorrisos como para vivir varias vidas, aplausos como para encher o zepelín da miña historia, pero sobre todo lévome unha nova identidade: a de palestino cidadán da humanidade.


E quizais, se me permitides unha confidencia, traio unha sensación única de gratitude, gratitude por ter a oportunidade de constatar que a utopía é caminable, que se pode beber das fontes do eterno quijotismo e que a máquina máis perfecta que existe é o corazón -un músculo que bombea esperanza contra vento e marea máis aló das correntes nefastas do capitalismo sanguinario.


Somos Humanidade porque aprendemos a camiñar os nosos soños, o meu grazas a toda esta fermosa tripulación izou veas destino: A liberdade.


Iván Prado.


Ramala, 11 de setembro de 2011, último día do Primeiro Festiclown Palestina.


Ningún comentario:

Publicar un comentario