31 de xul. de 2011

VIGO

Festiclown encara a súa última xornada, centrada na formación


A foto - de Fernando Lema -, corresponde á mostra do curso "A conspiración do Butohclown" impartido por Moshe Cohen.

Jéssica Beiroa / Vigo


Clases abertas combinaranse coas últimas sesións dos cursos do Formaclown. Deste xeito, e cun dos apartados máis exitosos da edición 2011, esta pon o seu punto e final. As e os alumnos de Leo Bassi, Christian Atanasiu e Norman Taylor porán en práctica para o público todo o aprendido durante a formación.

Será a primeira delas ás cinco e media, onde baixo o título “Á procura da nosa identidade cómica” poidamos contemplar o progreso das e dos pupilos de Bassi. Ás seis será a quenda dos que participaron no curso “Excéntricos, chiflados e humor absurdo” impartido polo alemán Christian Atanasiu e xa ás sete e media do serán pecharán as e os participantes no curso de Norman Taylor sobre “Movemento cómico”.

Todas as clases abertas celebraranse no lugar onde se imparten os cursos, o Conservatorio Superior de Música de Vigo (rúa Manuel Olivié, zona do Castro) e son de libre acceso para o público.

Novo récord de asistencia e grande éxito de Yllana

A xornada do sábado foi un novo éxito no Festiclown. Prazas ateigadas coa actuación de Lusco e Fusco, os gañadores da sección Valladolid propone do “Festival TAC Valladolid 2011” e Atempo Circ foron dos espectáculos máis concorridos do día.

Se ben, non podemos esquecer a impecable e xenial actuación de Yllana. O Centro sociocultural Novacaixagalicia encheuse do mellor humor e de público. De novo, a compañía madrileña demostrou por que segue a colleitar tan boas críticas 20 anos despois da súa creación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario