7 de set. de 2011

PALESTINA

Crónica dez: The Wall


Tres días despois do noso paso por Calandia checkpoint -a peor experiencia que tiven en Palestina-. Regresamos ao mesmo lugar pero esta vez como Artist Against the Wall. Leo Bassi tivo a brillante idea de ir facer unha performance no lugar onde Banksi grafiteou sobre o Muro á famosa nena que voa grazas a uns globos.Patch Adams leva a súa galiña na cabeza e unha ilusión desbordante; Leo vai de “yuppie” otomán e pallaso clásico e eu levo unhas raquetas de bádminton e moitos narices vermellos. Os tres imos cargados de globos para voar por encima da ocupación militar que Israel impón en Palestina a todas as conciencias do mundo. Coa axuda de Andrea, Miluka e Fer chegamos a media mañá ao Muro onde Barguiti e Arafat están inmortalizados á beira dunha torreta de vixilancia salpicada de restos de cócteles molotov. O Berro de Munch fai as veces de oráculo de advertencia, un enorme “alt delete” anuncia o futuro desta construción monstruosa e antes de chegar á curva da mole de cemento pódese ver a sombra proxectada dunha nena con coleta que se eleva, agarrada dos seus inocentes globos, un par de metros sobre o chan.Á beira desta nena, metáfora do futuro de todos os nenos palestinos, comezamos a nosa perfomance, a primeira de “Artist Against the Wall”, imitándoa cos nosos soños en forma de globos de cores.Logo hai intentos pallasís de tirar o Muro, pintadas divertidas, un ataque de narices contra o Muro que acaba nunha partida de Bádminton con Leo Bassi co Muro como rede e varias accións máis que cada pallaso ía improvisando.Eu emociónome e intento escalar o Muro coa axuda do lokito Neroni, logo atácolle cunha pistola de auga e finalmente íspome totalmente e lánzome contra o Muro deixando a miña silueta debuxada co nariz vermello a modo de buraco no cemento gris.De volta ao checkpoint cansos, cheos de pó, suando a mares pero plenos de satisfacción, un neno crúzase no noso camiño e Patch Adams sóbeo ás súas costas cos globos no alto, a sombra debuxada no muro adquire relevo e a promesa de liberdade empeza a camiñar; o neno márchase con ducias de globos que lle regalamos -entre eles eses que se constrúen a base de soños e utopías-.Esta mañá os pallasos do mundo puxeron en pé un novo proxecto, ARTIST AGAINTS DE WALL. Para que se derruben todos os muros, os que están fóra e os que levamos dentro.

Iván Prado.

Director do Festiclown

Palestina. Calandia 6 de setembro 2011.

Ningún comentario:

Publicar un comentario