O Concello de Tui pon en marcha un Grupo de Atención de Proximidade con Aldeas Infantiles SOS
• Unha trintena de menores participan neste programa
Infogauda/Tui
O Concello de Tui reforza a atención á infancia e ás familias en situación vulnerabilidade coa posta en marcha do Grupo de Atención de Proximidade, G.A.P., con Aldeas Infantiles SOS. Deste xeito amplíase o labor que ao longo dos últimos 15 anos desenvolvía o Servizo de Atención Municipal a Menores de Tui cun taller semanal de reforzo escolar, brindando aos nenos e nenas un espazo seguro onde aprender, relacionarse, e mellorar o seu rendemento académico, cunha atención personalizada.
O G.A.P., no que están a participar unha trintena de nenos e nenas, ten como obxectivo previr o fracaso escolar, facilitar a adquisición de competencias esenciais para o desenvolvemento persoal e social dos menores, participar en actividades de lecer educativas, proporcionar atención psicolóxica a familias en risco psicosocial e ampliar a rede de apoio social ás familias en situación de vulnerabilidade.
No programa de Educación Familiar do Concello de Tui están dados de alta 48 menores, dos que 28 se benefician do G.A.P., que presta atención de luns a venres polas tardes con grupos de até 8 menores de entre 7 e 17 anos. Nun espazo habilitado no edificio Francisco Sánchez reciben unha atención integral, incluíndo reforzo escolar, apoio emocional e actividades de integración social, en pequenos grupos o que permite realizar unha atención moito máis personalizada e axeitada a cada neno ou nena.
Esta semana o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; a concelleira de Cultura, Ensino e Mocidade, Sonsoles Vicente; e a traballadora social, Carmen González, mantiveron un encontro de traballo con Víctor Muñoz, director territorial de Aldeas Infantiles SOS e Susana Puga, directora dos Grupos de Atención de Proximidade, onde avaliaron as primeiras semanas da posta en marcha do G.A.P. en Tui.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, manifestou a súa satisfacción por poder prestar unha atención máis individualizada e máis ampla á infancia grazas a esta colaboración con Aldeas Infantiles. A concelleira de Cultura, Ensino e Mocidade, Sonsoles Vicente, destacou o traballo realizado ao longo dos últimos anos polos Servizos Sociais municipais, e coma este paso permite mellorar o programa existente abranguendo tamén outras áreas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario