13 de nov. de 2026

CULTURA

Tui prosegue coa recuperación da figura de Francisco Sánchez coa tradución dunha nova obra do médico e filósofo tudense  

•  O luns 16 de novembro ás 20:00 horas, presentación a tradución realizada por Laureano Alonso de “De divinationem per somnum”   




Infogauda/Tui

 O Concello de Tui continúa promovendo o coñecemento da traxectoria do médico e filósofo tudense Francisco Sánchez coa tradución dunha nova obra ao galego, continuando o traballo iniciado en anos anteriores.   

 Así o próximo luns, 16 de novembro, cando se cumpre o 403 aniversario do seu falecemento na cidade francesa de Tolosa, será presentada a tradución de “De divinationem per somnum” (Sobre a adiviñacion polo soño) realizada polo profesor Laureano Alonso Alvarez. Esta obra está incluída na obra Opera Medica (hisiuncti sunt Tractatus quidam Philosophiqui non insubtiles) (Toulouse, 1636), unha edición póstuma  das obras de Francisco Sánchez a cargo dos seus fillos Denys e Guillaume (ambos os dous cregos) e do seu propio amigo, discípulo e primeiro biógrafo, Raymundus Delassus que inclúe certos tratados de Medicina, ao parecer apuntes dos cursos impartidos na súa cátedra na Facultade de Medicina, e, á parte da coñecida obra Quod Nihil Scitur, tres traballos menores (De Longitudine et Brevitate Vitae liber; In Librum Aristotelis Physiognomicon, commentarius; e De Divinatione per somnum).  

 A presentación desta tradución do “De divinationem per somnum” terá lugar o luns 16 de novembro ás 20  h na Sala Municipal de Exposicións no Edificio “Francisco Sánchez” de Tui.  

 No ano 2023, no marco das celebración do cuarto centenario da súa morte, foi realizada polo profesor de latín e grego, Laureano Alonso Álvarez, a tradución ao galego da principal obra de Francisco Sánchez: “Quod nihil scitur” (1581) sendo a primeira vez que esta importante obra da filosofía europea do Renacemento era traducida integramente ao galego. Ao ano seguinte foi a outra obra editada en vida por Francisco Sánchez, “Carmen de cometa” (1576), unha crítica á astroloxía e a superstición. En 2025 editouse outra obra sancheciana, “Libro sobre a duración e brevidade da vida”.  

 Este labor de tradución que ven realizando o profesor Laureano Alonso ten como obxectivo espallar o coñecemento da figura e a obra de Francisco Sánchez entre a cidadanía tudense e todos aqueles interesados en achegarse a traxectoria dun dos máis grandes pensadores galegos ao longo dos séculos e que sofre un inxusto descoñecemento. Engade que o seu pensamento segue sendo de actualidade ao acometer unha reflexión sen apriorismos e baseada na experiencia.  

 A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, expresa o seu convencemento en que “esta publicación contribuirá á difusión do pensamento do noso filósofo, a incrementar o seu coñecemento pola cidadanía, a reafirmar o noso orgullo de pertenza a esta cidade, na que Francisco Sánchez naceu e  viviu os anos da infancia e primeira mocidade, un tempo que marcou a súa personalidade”.  

Francisco Sánchez “O Escéptico”  

 Francisco Sánchez, coñecido como “O Escéptico” ou “O Tudense”, tivo un espírito polifacético, que o leva a interesarse tamén pola astronomía e a matemática. Este observador infatigable da natureza escribiu a obra Quod nihil scitur («Que nada se sabe»), que é unha referencia fundamental do pensamento filosófico europeo de finais do século XVI.  

 Naceu en Tui, posiblemente en 1550, como el mesmo asinou  na súa inscrición na Facultade de Medicina de Montpellier no ano 1573 (“Ego Franciscus Sanctius, hispanus, natus in civitate Tudensis”). A súa familia —de ascendencia xudía— residiu en Tui entre 1558 e 1564 pois está documentado nesta localidade o seu pai, o médico Antonio Sánchez. A presión social e inquisitorial aos “cristiáns novos” obrigou a familia Sánchez a fuxir a Bordeos, onde Francisco continuou a súa formación, que completou logo en Roma e Montpellier, ata instalarse finalmente en Tolosa (Francia). Alí traballou como médico no Hospital de Santiago e incorporouse á universidade tolosana, primeiro como profesor de Filosofía e logo de Medicina. Morreu en Tolosa o 16 de novembro de 1623.

Ningún comentario:

Publicar un comentario