15 de nov. de 2026

TOMIÑO

Tomiño lembra os 90 anos do asasinato de Paquiño de Figueiró cunhas xornadas de memoria democrática que abrirá Baltasar Garzón  

•  O exmaxistrado participará o venres 20 de novembro, no Auditorio de Goián, nun encontro que pretende recuperar a figura do destacado agrarista e galeguista do Baixo Miño e afondar na memoria das vítimas da represión franquista.


Baltasar Garzón
Foto: Cedida

Ricardo Rodríguez Vicente/Tomiño

 Tomiño conmemorará os 90 anos do asasinato de Francisco Rodríguez Otero, coñecido como Paquiño de Figueiró, cunha programación dedicada á memoria democrática que terá como protagonista na súa apertura o exmaxistrado Baltasar Garzón. A cita será o vindeiro venres, 20 de novembro, ás 19.00 horas, no Auditorio de Goián.  

 A presenza de Garzón achega un especial interese a esta primeira sesión, tanto pola súa traxectoria xudicial como polo seu papel na investigación dos crimes cometidos durante a Guerra Civil e a ditadura franquista. En 2008, o maxistrado promoveu unha investigación sobre estes feitos, unha iniciativa que acabou derivando no seu procesamento e posterior inhabilitación por prevaricación.

 As xornadas teñen como punto de partida a lembranza de Paquiño de Figueiró, unha figura destacada do movemento agrarista e galeguista no Baixo Miño, cuxo asasinato representa tamén unha das moitas historias de violencia e represión que marcaron a sociedade galega tras o golpe militar de 1936.  

 A iniciativa municipal pretende, porén, transcender a homenaxe individual e converter a conmemoración nun espazo de reflexión colectiva sobre a memoria histórica, a violencia política e as consecuencias da represión franquista.  

 Así o explicou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, en declaracións ao programa Hoy por Hoy Baixo Miño, da Cadea SER, nas que destacou a vontade de abrir un debate social sobre o pasado e a súa pegada no presente. «Xuntos imos reflexionar sobre o que significa a memoria histórica e o pasado que temos, atroz nalgúns dos momentos», sinalou a rexedora.

 A conmemoración dos 90 anos do asasinato de Paquiño de Figueiró sitúa así no centro da programación a recuperación da memoria dunha persoa comprometida co movemento agrario e galeguista, pero tamén a necesidade de manter vivo o recordo de todas aquelas persoas que sufriron a persecución, a violencia e a eliminación física por motivos políticos e ideolóxicos.  

 Con esta convocatoria, Tomiño busca que a memoria democrática non quede limitada ao recordo do pasado, senón que sirva tamén para comprender a historia, recoñecer as vítimas e reivindicar os valores democráticos.

Baltasar Garzón

 Baltasar Garzón Real é un xurista e avogado español que acadou recoñecemento internacional pola súa traxectoria como maxistrado da Audiencia Nacional de España e pola súa participación en investigacións relacionadas con delitos internacionais, terrorismo, narcotráfico e violacións dos dereitos humanos.  

 Naceu o 26 de outubro de 1955 en Torres, na provincia de Xaén (España). Ao longo da súa carreira participou en procesos xudiciais de grande repercusión internacional e desenvolveu actividades vinculadas coa defensa dos dereitos humanos e coa loita contra a impunidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario