Carme da Silva chama a ateigar as urnas con votos ao BNG para dar un salto no peso político de Galiza e conseguir solucións aos problemas de galegas e galegos
• A cabeza de lista reclama en Pontecesures máis forza en Madrid para evitar máis agardas e desbloquear as demandas de mobilidade da comarca: tren de proximidade e fin á estafa da AP9
Infogauda/Pontecesures
“Galiza necesita dar un salto no seu peso político e contar cunha representación que non se conforme con poñer os problemas galegos na axenda estatal, senón que teña capacidade para conseguir solucións e facer cumprir os compromisos adquiridos”. Así de contundente se amosou hoxe a cabeza de lista do BNG Carme da Silva hoxe no mitin de Pontecesures, onde subliñou que o 29N as galegas e galegos deben ateigar as urnas con papeletas do Bloque para “petar na mesa e romper con décadas de bipartidismo que quere que traguemos, que nos quere caladas e resignadas”.
Da Silva insistiu en que o BNG “nin cala nin ten paciencia, nin con quen manda nin con quen quere mandar”, senón que só obedece ao pobo galego. Subliñou que a forma de entender a política que representa e practica a formación nacionalista é “honrada, con contido e propostas valentes e comprometidas coas maiorías sociais”, para mellorar a vida dos galegos e galegas. Defendeu que a política ten que dar resposta aos problemas da xente, garantindo empregos estables e salarios dignos que permitan vivir e non só sobrevivir, así como pensións que ofrezan tranquilidade e seguridade despois de toda unha vida de traballo, sacrificios e loita polos dereitos conquistados.
Amais, reivindicou a necesidade de que Galiza se faga valer en Madrid para defender desde o dereito a vivir en galego e a combater os ataques do PP contra a lingua, até conseguir que a riqueza eléctrica do país se traduza en facturas máis baratas e non en beneficios millonarios para as grandes compañías. Neste sentido, apostou por medidas como unha tarifa eléctrica galega, topes aos prezos dos combustibles e da enerxía e impostos ás eléctricas, así como por reclamar as infraestruturas viarias e ferroviarias pendentes.
A cabeza de lista reivindicou máis forza do BNG para, en concreto, esixir as infraestruturas que Pontecesures e a comarca precisan sen máis agardas. Defendeu a implantación do tren de proximidade e lembrou que foi o Bloque quen conseguiu introducir na Lei de Mobilidade a obriga de elaborar un estudo sobre a situación e as necesidades galegas fronte ao intento do PP de eliminar do borrador todas as referencias a Galiza, incluso, riscando fisicamente o nome do país no propio documento. Sobre a AP-9, reafirmou o compromiso de convertela nunha autoestrada “galega, pública e libre de peaxes”, e asegurou que o BNG non vai parar ata conseguir a súa gratuidade e acabar cunha estafa histórica.
Por todo isto, Da Silva pediu un voto masivo ao Bloque, a favor de Galiza, concentrando o apoio de todas as persoas que lle queren dar máis forza ao país. “Máis BNG implica ter máis capacidade de presión en favor das galegas e dos galegos, máis atención do goberno central. Nestas eleccións votemos con orgullo de pais, fagámonos respectar. Fagamos que Galiza conte!”, reclamou.
Vivenda pública, N-550 e infraestruturas adecuadas ao territorio
No mitin, a alcaldesa de Pontecesures Maite Tocino puxo en valor o traballo desenvolvido durante a última lexislatura por Carme da Silva no Senado na defensa dos intereses da comarca, citando, entre outras cuestións, as melloras na N-550 ao seu paso polo núcleo urbano cesureño. Porén, advertiu de que aínda queda moito por facer para completar a humanización deste treito, polo que defendeu que máis forza do BNG nas Cortes permitirá presionar á administración central para que cumpra os seus compromisos.
Tocino denunciou o problema da vivenda que sofre o municipio, cunha elevada demanda derivada da importante actividade industrial da contorna, sen que nin a Xunta, que ten as competencias directas, nin o Goberno do Estado tiveran dado unha resposta á altura das necesidades. A alcaldesa defendeu a creación dun parque público de vivenda en alugueiro asequible e reclamou que a SAREB ceda gratuitamente os seus activos ao goberno galego para que este promova vivenda pública. Explicou, porén, que ante a pasividade de ámbalas dúas administracións, o propio goberno local de Pontecesures está a negociar a recepción dunha parcela de titularidade estatal coa intención de cedela posteriomente ao IGVS. “Coñecemos a nosa realidade e non podemos agardar a que Xunta e Estado se coordinen entre si directamente coa urxencia coa que a nosa xente precisa de ter vivenda”, afirmou.
Pola súa banda, o voceiro municipal e candidato do BNG á Alcaldía de Valga, Fran Devesa, criticou a distancia entre as necesidades reais dos concellos galegos e as decisións que se toman desde os despachos de Madrid. Lembrou que o BNG foi a única formación que levou ás Cortes iniciativas concretas sobre as demandas de Valga, entre elas tamén as melloras na N-550 ao seu paso polo municipio, a situación do novo apeadoiro ferroviario —cuxa licitación para redactar o proxecto quedou deserta— e a implantación dun tren de proximidade con frecuencias e horarios útiles para a veciñanza e para as milleiros de persoas que traballan nas áreas industriais da contorna.
Devesa reclamou que a nova ponte de ADIF próxima a Castiñeiras incorpore un itinerario peonil, xa que o viaduto (orzamentado en 4,5 millóns de euros) contempla unicamente o paso de vehículos e deixa sen unha alternativa as persoas que precisan cruzar a vía para acceder ás súas leiras. Para o candidato nacionalista, este último é un claro exemplo de infraestruturas deseñadas desde Madrid sen ter en conta a realidade do territorio. Por iso, reivindicou máis representación do BNG nas Cortes, formación da que dixo é a única que se preocupa polo día a día da veciñanza, para que Galiza teña capacidade de decisión e as obras e investimentos respondan ás necesidades reais de quen vive e traballa no país.

Ningún comentario:
Publicar un comentario