12 de nov. de 2026

A GUARDA

O CAMBIO GLOBAL E OS SEUS EFECTOS NOS RECURSOS MARIÑOS SERÁN OS PROTAGONISTAS DUNHA XORNADA MEDIOAMBIENTAL NA GUARDA  

• O encontro terá lugar o 19 de novembro ás 19:00 horas no Salón de plenos do Concello da Guarda e contará coa participación de Celia Olabarría, catedrática de Ecoloxía da Universidade de Vigo  


Infogauda/A Guarda

 A Casa dos Alonso da Guarda acollerá o mércores 19 de novembro, ás 19:00 horas, unha xornada de información medioambiental centrada nos efectos do cambio global nos recursos mariños, concretamente no percebe, o mexillón, nas algas, incluíndo as especies invasoras, e a ameixa.  

 A sesión será impartida por Celia Olabarría, catedrática de Ecoloxía da Universidade de Vigo, que abordará como os cambios ambientais están a afectar estes recursos e os ecosistemas mariños.  

 Ademais, ao comezo da xornada a xerente do GALP Ría de Vigo – A Guarda, Elena Herbello, informará ás persoas asistentes sobre a convocatoria de axudas xestionadas por esta entidade.  

 Esta actividade está impulsada polo GALP Ría de Vigo - A Guarda, en colaboración co Concello da Guarda, o Concello de Moaña, CEMMA, ADEGA e a Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo – Cíes.  

 A xornada forma parte dun ciclo de tres encontros medioambientais que se están a desenvolver ao longo deste mes de novembro co obxectivo de achegar á cidadanía información sobre diferentes cuestións relacionadas coa conservación do medio ambiente e os cambios que afectan ao territorio e aos seus recursos naturais.  

 A participación nesta xornada é gratuíta, pero require inscrición previa. As persoas interesadas poden reservar a súa praza chamando aos teléfonos 986 35 81 09 ou 646 97 31 09, ou a través do correo electrónico galpvigoaguarda@yahoo.es. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario