A GUARDA ACOLLERÁ UNHA ACTIVIDADE DO PROXECTO “EVOCAMIÑO”, IMPULSADO POR AFAGA ALZHEIMER NO MARCO DO PROGRAMA “CULTIVA A MENTE”
• A xornada celebrarase este luns, 16 de novembro, de 17:30 a 19:00 horas, e incluirá propostas creativas, experiencias inmersivas e actividades arredor do Camiño de Santiago
Infogauda/A Guarda
O Concello da Guarda colabora con AFAGA Alzheimer na celebración dunha nova actividade do proxecto “EVOCAMIÑO”, unha iniciativa que se está a desenvolver ao longo dos últimos meses arredor das experiencias e vivencias vinculadas ao Camiño de Santiago e que conta coa participación de persoas usuarias do programa “Cultiva a Mente”.
A xornada terá lugar o luns 16 de novembro, de 17:30 a 19:00 horas, na aula multiusos da Casa do Concello onde habitualmente se desenvolve o programa.
Durante a sesión, as persoas participantes poderán coñecer máis de preto o proxecto a través da proxección dun breve documental no que interveñen varias usuarias de “Cultiva a Mente”, así como participar nun obradoiro creativo con cunchas relacionado coa simboloxía xacobea.
A programación completarase con experiencias inmersivas mediante lentes de realidade virtual, un recanto para fotografías e unha pequena merenda compartida, creando un espazo de encontro entre as persoas asistentes.
Esta iniciativa enmárcase no traballo que AFAGA Alzheimer desenvolve para promover o envellecemento activo, a estimulación cognitiva e a participación social das persoas con deterioración cognitiva ou demencia, empregando propostas innovadoras e experiencias significativas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario