1 de out. de 2026

O ROSAL

O Rosal volve mollarse polos ríos esta fin de semana   

•  Participa na limpeza simultánea deste domingo 4 de outubro impulsada por Adega e coordinada no municipio pola asociación A Jalleira  


Infogauda/O Rosal 

 O Concello do Rosal implícase un ano máis coa limpeza simultánea de ríos impulsada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) ao abeiro do Proxecto Ríos. O vindeiro domingo 4 de outubro celebrarase a décimo novena edición desta xornada que impulsa a recollida e retirada do lixo da beira dos ríos ao tempo que conciencia á veciñanza sobre a necesidade de manter limpos de residuos os ríos e toda a súa contorna natural. 

 Nesta xornada de limpeza do Rosal, que estará coordinada pola Asociación Forestal e de Educación Ambiental A Jalleira en colaboración co Concello e con ADEGA, os voluntarios e voluntarias procederán á limpeza do río Tamuxe. A xornada comezará ás 10.00 horas e terá como punto de encontro o muíño das Aceñas. 

 A actividade está aberta a todos os públicos. Todas as persoas interesadas en participar poden solicitar información ou inscribirse enviando un correo electrónico a ajalleira@gmail.com

Ningún comentario:

Publicar un comentario