30 de set. de 2026

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

Xacobeo Transfer afirma que mantén o transporte de peregrinos entre Caminha e A Guarda e aposta polo turismo sostible cun barco híbrido  

• A nova embarcación, a primeira híbrida do río Miño, ofrece rutas para grupos reducidos entre Camposancos e Vila Nova de Cerveira e Goián


Pasaxeiras que fan o Camiño Portugués pola Costa, facendose unha autofoto a bordo da embarcación taxi "Popeye" que traslada persoas, equipaxes e bicicletas, entre Caminha e A Pasaxe (Camposancos), e viceversa
Fotos: Cedidas
O patrón da lancha "Popeye", socio comercial de Xacobeo Transfer

Infogauda/Camposancos

 Xacobeo Transfer mantén durante todo o ano o servizo de transporte de peregrinos entre Caminha e Camposancos, na Guarda, mentres amplía a súa actividade no río Miño cunha nova proposta de turismo náutico sostible. A empresa vén de converter o seu barco de maior tamaño nunha embarcación híbrida, que se presenta como a primeira destas características no río Miño.  

 Segundo afirmou Miguel Giráldez, portavoz de Xacobeo Transfer, o servizo para peregrinos continúa operativo nos horarios habituais, mediante unha lancha - denominada taxi-boat "Popeye", cuxo patrón é socio comercial de Xacobeo Transfer - con capacidade para oito persoas, e permite conectar Caminha con Camposancos (A Pasaxe), un punto de paso do Camiño Portugués da Costa. A aposta polo turismo sostible constitúe, polo tanto, unha nova liña de actividade que se incorpora ao servizo regular de pasaxe, sen substituílo.  

 O proxecto inicial de Xacobeo Transfer contemplaba que o barco de maior tamaño realizase numerosas frecuencias ao longo da xornada para facilitar a conexión entre as dúas beiras do Miño e atender a demanda dos peregrinos. Porén, as condicións de escaso calado do río provocaron problemas e avarías nos motores eléctricos cos que comezou a operar. A estas dificultades sumouse - como xa indicamos en Infogauda -  a ausencia dun pantalán axeitado en Caminha para realizar con comodidade as operacións de embarque e desembarque.

 Ante esta situación, como xa informamos neste xornal dixital transfronteirizo na edición de onte, 29 de setembro, a empresa decidiu reorientar o uso da embarcación cara ao turismo náutico sostible. O barco substituíu os dous motores eléctricos Torqeedo orixinais por un sistema híbrido composto por un motor de gasolina Yamaha de 50 CV e outro eléctrico HYG de 7 kW, unha configuración que, segundo Xacobeo Transfer, ofrece mellores prestacións para as características do río Miño.  

 A nova embarcación atópase actualmente en fase de probas de produto e está destinada a ofrecer experiencias náuticas para grupos de ata 11 persoas. As rutas previstas conectarán Camposancos con Vila Nova de Cerveira e Goián e estarán orientadas a actividades como o enoturismo, a observación de aves, os eventos privados e os encontros de empresa.

Unha nova proposta de turismo fluvial  

 A iniciativa pretende combinar a experiencia adquirida por Xacobeo Transfer no transporte de peregrinos cunha oferta turística vinculada ao patrimonio natural e paisaxístico do Miño. A empresa aposta así por experiencias en grupos reducidos nun espazo transfronteirizo que une Galicia e o norte de Portugal.  

 Nunha das recentes xornadas de proba, patrocinada pola Rede CIFT, participaron xunto con Xacobeo Transfer varias persoas da comarca.

 A nova proposta enmárcase tamén na celebración do III Encontro Ibérico de Turismo Fluvial Transfronteirizo, que se está celebrando na Guarda os días 29 e 30 de setembro, co patrocinio da Deputación de Pontevedra. Con motivo deste encontro, Xacobeo Transfer ofrece saídas pola Foz do Miño para mostrar aos participantes a paisaxe da desembocadura, «o lugar onde o río se fai mar».  

 Durante o encontro tamén se dará a coñecer o traballo desenvolvido no marco da Rede CCF e da Rede CIFT, iniciativas vinculadas á cooperación e ao desenvolvemento do turismo fluvial transfronteirizo.

 Deste xeito, Xacobeo Transfer mantén a súa actividade de conexión para os peregrinos do Camiño Portugués da Costa e incorpora unha nova vertente centrada no aproveitamento turístico sostible do río Miño, con propostas destinadas a grupos reducidos e baseadas na descuberta do territorio desde a auga.

Ningún comentario:

Publicar un comentario