1 de out. de 2026

O BAIXO MIÑO

A Mancomunidade do Baixo Miño denuncia a saturación dos autobuses e reclama cambios á Xunta nun proxecto que non resolve os problemas da comarca 

•   A Guarda, O Rosal, Tui e Tomiño solicitan un encontro conxunto coa Dirección Xeral de Mobilidade antes da aprobación definitiva e esixen que se incorporen as súas alegacións. 


Alcaldesas do Rosal e de Tomiño, alcalde de Tui, e representantes do Concello da Guarda, nun momento da reunión da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño
Foto: MIdoBM

Infogauda/O Baixo Miño 

 A Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño mantivo unha reunión para analizar as carencias do novo proxecto de transporte público da Xunta de Galicia e acordar unha posición conxunta ante unha proposta que afecta á mobilidade de toda a comarca. Os concellos da Guarda, O Rosal, Tui e Tomiño, que presentaron alegacións ao proxecto, advirten de que o deseño previsto non supón unha mellora do servizo actual nin resolve os problemas que a veciñanza sofre a diario. 

 Como principal acordo do encontro, a Mancomunidade solicita unha reunión conxunta dos catro concellos coa Dirección Xeral de Mobilidade antes da aprobación definitiva do proxecto e a incorporación das alegacións presentadas. Os municipios consideran imprescindible que a Xunta escoite as demandas do territorio e revise a proposta antes de consolidar un servizo que segue sen responder ás necesidades da comarca. 

 Durante a reunión, os membros da Mancomunidade puxeron en común as numerosas queixas da veciñanza, que acode aos concellos para protestar polas deficiencias do transporte. Segundo trasladaron, hai liñas nas que o autobús xa vai completo na terceira parada e situacións que se repiten a diario, con máis de cen persoas esperando en Vigo para coller o bus. A estas queixas súmanse vídeos de autobuses cheos, con persoas viaxando de pé, que evidencian a saturación do servizo. Os concellos denuncian que estes problemas forman parte da realidade cotiá das persoas usuarias e que a nova proposta non ofrece solucións para corrixilos. 

 As alegacións municipais reclaman a reorganización das liñas aos hospitais Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro para ofrecer conexións máis eficientes; o reforzo do transporte co campus universitario de Vigo e o axuste aos horarios lectivos; o redeseño da liña semidirecta e máis servizos durante as fins de semana. Inclúen tamén a mellora da conectividade interior mediante servizos circulares que conecten as parroquias, incorporen o núcleo urbano do Rosal e articulen o territorio rural, así como a garantía de accesibilidade, xunto coa modernización e a transparencia da información sobre o servizo. 

 Neste último ámbito, insístese na necesidade de dispoñer de información clara, visible e actualizada nas propias paradas sobre as liñas, os percorridos e os horarios, así como de comunicar os cambios e as incidencias. A veciñanza precisa saber que autobús pode coller, a que hora pasa e cara a onde se dirixe, con información accesible tamén para quen non utiliza ferramentas dixitais. Os concellos consideran que facilitar estes datos é unha obriga básica do servizo e unha condición necesaria para poder utilizalo con confianza. 

 A Mancomunidade reclama que a Xunta aborde estes problemas cos catro concellos antes de aprobar definitivamente o proxecto. As queixas que chegan ás administracións locais evidencian que o servizo actual é insuficiente, e a nova concesión debe servir para corrixir esas carencias e garantir os desprazamentos da veciñanza.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario