29 de set. de 2026

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

A Xacobeo Transfer reorienta a súa actividade e aposta polo turismo fluvial no Miño  

• A embarcación fora presentada inicialmente para garantir a conexión regular por barco entre Camposancos (A Guarda) e Caminha


A embarcación Xacobeo Transfer chegou ata A Pasaxe (Camposancos) coa finalidade de facilitar as travesías para os peregrinos do Camiño Portugués da Costa, conectando as dúas beiras do Miño ao longo da xornada 

Fotos: Xacobeo Transfer

Infogauda/Camposancos

 A embarcación Xacobeo Transfer, deseñada inicialmente para garantir a conexión regular por barco entre A Pasaxe (Camposancos), na Guarda, e Caminha, reorientará a súa actividade cara ao turismo fluvial sostible e accesible. A empresa afirma que as dificultades atopadas durante a operación regular de pasaxeiros, relacionadas coas condicións de navegación do río Miño e coa falta de infraestruturas adecuadas en Caminha, levaron a modificar o modelo de explotación.  

 O proxecto, promovido polo Turismo de Galicia e pola Asociación Galega de Actividades Náuticas, naceu coa finalidade de facilitar as travesías para os peregrinos do Camiño Portugués da Costa, conectando as dúas beiras do Miño ao longo da xornada.

 Segundo a empresa operadora, o reducido calado nalgúns puntos do río e o continuo proceso de sedimentación provocaron diversas avarías mecánicas. A estas dificultades sumouse a ausencia en Caminha dun pantalán adaptado ás operacións de embarque e desembarque.  

Un sistema de propulsión híbrido  

 Como consecuencia destes problemas, a Xacobeo Transfer modificou o seu sistema de propulsión. Os dous motores eléctricos Torqeedo cos que contaba inicialmente foron substituídos por un sistema híbrido formado por un motor de gasolina Yamaha de 50 cabalos e outro eléctrico HYG de 7 kW.

 Os responsables do proxecto sinalan que esta configuración converte a embarcación no primeiro barco híbrido que opera no río Miño. Na actualidade, a empresa está a desenvolver probas orientadas á creación de produtos de turismo náutico sostible.  

 As novas rutas estarán centradas no tramo comprendido entre Camposancos e Vila Nova de Cerveira/Goián, con saídas destinadas a grupos de ata 11 persoas. A proposta inclúe actividades vinculadas ao enoturismo, a observación de aves, os eventos privados e as actividades para empresas.


Participantes nas recentes xornadas de demostración

 Nunha das recentes xornadas de demostración participaron Manuel Sobrino Senra, coñecido como El Naturalista Cojo; Lorena Franco, de Biophilia Ambiental; Jorge Alonso Daldea, director do portal Infomiño; e Fran Fernández González, director do Camping Santa Tecla.  

 A empresa pretende aproveitar a experiencia adquirida durante a etapa de transporte de peregrinos para desenvolver novos produtos turísticos vinculados ao estuário do Miño e á paisaxe transfronteiriza entre Galicia e o norte de Portugal.

Presentación no Encontro Ibérico de Turismo Fluvial  

 A embarcación tamén está presente no III Encontro Ibérico de Turismo Fluvial Transfronteirizo, que se celebra na Guarda os días 29 e 30 de setembro. No marco deste encontro están previstas saídas pola foz do Miño, co obxectivo de mostrar aos participantes un dos principais espazos naturais da fronteira entre Galicia e Portugal.  

 O encontro reune administracións públicas, operadores náuticos, empresas provedoras de solucións e xestores de destinos de España e Portugal. Entre os obxectivos da cita están presentar experiencias e resultados sobre os obstáculos que afectan ao desenvolvemento do turismo fluvial transfronteirizo, compartir boas prácticas en materia normativa e de equipamento e favorecer novas vías de comercialización e financiamento para o sector.

 A Cámara Municipal de Caminha, pola súa banda, non figura entre os participantes dos paneis anunciados para o encontro.  

Máis actividade entre Cerveira e Goián  

 A reorientación da Xacobeo Transfer supón a incorporación dun novo servizo turístico ao tramo do Miño entre Vila Nova de Cerveira e Goián, que xa conta con outras conexións e infraestruturas transfronteirizas, entre elas a ponte da Amizade. A este eixo podería engadirse no futuro o proxecto dunha ponte peonil entre as dúas beiras.  

 No caso de Caminha, a situación é diferente. A localidade deixa de contar coa Xacobeo Transfer como servizo regular de transporte de pasaxeiros e continúa á espera de novas solucións para reforzar a conexión fluvial coa outra beira do río.

 Así, a experiencia da embarcación deixa atrás o obxectivo inicial de establecer unha conexión regular para peregrinos entre Camposancos e Caminha e abre unha nova etapa centrada na actividade turística, a navegación sostible e a explotación de percorridos polo estuario do Miño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario