1 de out. de 2026

O ROSAL

A Escola da Saúde do Rosal escoita o que o corpo ten que dicir   

•   A terapeuta somática Marta Colom abordará a relación entre emocións, estrés e saúde o vindeiro venres, 9 de outubro ás 19.00 h no Centro Social Polivalente  



Infogauda/O Rosal 

 O estrés, as emocións e as experiencias do día a día tamén deixan pegada no corpo. Aprender a recoñecer eses sinais e comprender a relación entre o que sentimos e o noso benestar será o punto de partida da nova cita da Escola da Saúde do Rosal, que continúa este mes de outubro coa charla O corpo fala. Comprender a relación entre emocións, estrés e saúde. 

 O encontro celebrarase o venres, 9 de outubro ás 19.00 horas no Centro Social Polivalente e estará conducido por Marta Colom, terapeuta somática, que afondará nun aspecto que forma parte da vida cotiá de moitas persoas: como se relacionan as emocións, as situacións de estrés e as respostas do corpo. Unha oportunidade para prestar atención aos sinais físicos e emocionais e coñecer mellor os factores que poden influír no benestar. 

 A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, salienta que “coa Escola da Saúde queremos poñer ao alcance da veciñanza información e ferramentas que nos axuden a coidarnos e a entender mellor o noso propio benestar. A saúde abrangue moitos ámbitos da nosa vida e esta programación permítenos achegarnos a eles da man de profesionais e dunha forma accesible e próxima”. 

 Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Beatriz Rodríguez, destaca a importancia de “crear espazos nos que a veciñanza poida achegarse a cuestións relacionadas coa saúde desde unha perspectiva práctica e divulgativa. Queremos que cada encontro deixe aprendizaxes que as persoas poidan trasladar ao seu día a día e que abra tamén un espazo para resolver dúbidas e reflexionar sobre como nos coidamos”. 

 A Escola da Saúde consolida así a súa programación no Rosal con propostas que abordan diferentes dimensións do benestar físico e emocional. A iniciativa está impulsada polo Concello do Rosal no marco da Red Española de Ciudades Saludables (RECS), coa finalidade de achegar á cidadanía coñecementos e recursos que contribúan ao coidado da saúde e á mellora da calidade de vida.

Ningún comentario:

Publicar un comentario