CIENCIA E PESCA ARTESANAL ÚNENSE PARA TRABALLAR POLA RECUPERACIÓN DOS RECURSOS MARIÑOS
• Ormaluga, Octolarvae e Confraría Santa Tecla asinan un convenio de colaboración que dá continuidade á experiencia de repoboación de camarón iniciada en maio.
Infogauda/A Guarda
A Confraría de Pescadores Santa Tecla, da Guarda, a Organización de Mariñeiros/as Luso-Galaica (Ormaluga) e Octolarvae (Profand) veñen de asinar un convenio de colaboración para impulsar proxectos de investigación sobre o desenvolvemento larvario de especies mariñas de interese pesqueiro e estudar futuras vías de repoboación do medio natural.
O acordo dá continuidade ao traballo iniciado o pasado mes de maio coa solta de alevíns de camarón no porto da Guarda, e consolida unha colaboración na que a experiencia dos profesionais da pesca artesanal se incorpora aos procesos de investigación científica. O novo convenio establece un marco de traballo para facilitar exemplares e postas destinados á investigación e ao desenvolvemento de métodos de cultivo e, nunha fase posterior, á posible recuperación de poboacións.
Nesta primeira etapa, Octolarvae estudará a eclosión, o desenvolvemento larvario e os métodos de cultivo de diferentes especies. O convenio contempla, entre outras posibilidades, o traballo con camarón, centola, nécora, lumbrigante, ourizo así como con postas de polbo, lura e choco procedentes da interacción coa actividade pesqueira.
Para a Confraría da Guarda e Ormaluga, esta colaboración representa unha forma de poñer o coñecemento científico ao servizo do futuro da pesca artesanal, combinando a investigación coa experiencia acumulada polos profesionais que traballan diariamente no mar. A elección das futuras zonas de actuación, segundo establece o convenio, deberá atender a criterios científicos, ecolóxicos e tamén ao coñecemento tradicional do sector. “A pesca artesanal non só ten que pensar no que podemos extraer hoxe, senón tamén no mar que queremos deixar mañá. Se a ciencia e o coñecemento dos mariñeiros poden axudarnos a recuperar recursos, temos que estar aí. Devolver ao mar é pescar futuro”, sinalan desde a Confraría de Pescadores Santa Tecla da Guarda e Ormaluga.
O convenio, cunha duración inicial dun ano, enmárcase ademais nas liñas de investigación da unidade mixta ACUIREGAL, centrada no desenvolvemento dunha estratexia de acuicultura rexenerativa en Galicia, coa finalidade de contribuír á conservación da biodiversidade mariña e á recuperación de poboacións mediante investigación e colaboración entre o sector pesqueiro e científico.
Ciencia e pesca artesanal da man.
Devolver ao mar é pescar futuro.


Ningún comentario:
Publicar un comentario