30 de set. de 2026

SALCIDOS (A GUARDA)

A GUARDA CELEBRARÁ ESTA FIN DE SEMANA A FESTA CULTURAL GASTRONÓMICA NO PARQUE DO MONTE TORROSO  

• A programación da celebración organizada pola Comunidade de Montes de Salcidos combina escultura en pedra, artesanía, música en directo e gastronomía, con actividades para todos os públicos durante o sábado, 3 e o domingo, 4 de outubro  




Infogauda/Salcidos 

 A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcidos prepara para esta fin de semana unha nova edición da Festa Cultural Gastronómica do Parque do Monte Torroso, que se celebrará o sábado, 3 e o domingo, 4 de outubro.  

 A proposta reúne nun mesmo espazo cultura, artesanía, música e gastronomía, cunha programación pensada para gozar en familia e que terá como protagonistas diferentes manifestacións artísticas, actuacións musicais e a gastronomía popular.  




 As actividades comezarán o sábado, 3 de outubro ás 10:00 horas, coa celebración do 2º Concurso de Escultura en Pedra, no que participarán varios dos mellores escultores de Galicia. A entrega de premios está prevista para as 18:00 horas. 

 



 A programación musical da primeira xornada continuará ás 19:00 horas, coa actuación da Banda de Gaitas Arume, de Malvas (Tui). Posteriormente, a partir das 20:00 horas, será a quenda do rock dos anos 80 da man do Grupo QuédeQué.  

 Durante toda a xornada do sábado haberá tamén animación musical, comida e bebida a prezos populares, completando unha proposta que busca combinar o encontro veciñal coa posta en valor da cultura e da gastronomía.  




 A actividade continuará o domingo, 4 de outubro, a partir das 10:00 horas, cunha talla en madeira con motoserra, a cargo do artista Marcos Escudero, que ofrecerá ao público unha demostración en directo desta singular disciplina artística.  





 Ás 18:00 horas actuará o Trío Luetto, mentres que ás 19:00 horas chegará a música folk con Os Ventos do Miño, de Guillarei.  

 A gastronomía volverá ter un papel destacado durante a xornada do domingo, dando continuidade á proposta do día anterior e contando como prato estrela co porco ó espeto.  




 Dende a organización sinalan tamén que o recinto estará cuberto por unha carpa, garantindo o desenvolvemento das actividades con independencia das condicións meteorolóxicas. Ademais, haberá inchables para os máis pequenos e unha ampla zona de aparcamento, facilitando así a asistencia de público familiar.

AVISO DA COMUNIDADE DE MONTES DE SALCIDOS

 A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcidos, avisa que por motivos loxísticos, a fonte do Parque do Montes Torroso, permanecerá pechada ao público, os días 3 e 4 de outubro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario