31 de ago. de 2026

XUVENTUDE

López Campos destaca “a implicación co noso patrimonio máis senlleiro das xeracións máis novas” 

 A iniciativa da campaña de verán da Consellería de Cultura organízase xunto coa Consellería de Emprego, Comercio e Emigración a través do programa ‘Conecta co Voluntariado en Galicia’ 


O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude visitou no Castro de Viladonga a mocidade galega do exterior que participa nun campo de traballo no marco de ‘Modo Verán Activo’
Foto: XG

Infogauda/Castro de Rei (Lugo)

 O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañou hoxe no Castro de Viladonga, no concello lucense de Castro de Rei, os 18 participantes nun campo de voluntariado no que, destacou, “queda patente a implicación co noso patrimonio máis senlleiro das xeracións máis novas, e máis aínda cando se trata de mocidade galega que chega do exterior para coñecer as súas raíces”. Trátase dunha das iniciativas da campaña Modo Verán Activo que, neste caso, se organiza en colaboración coa Consellería de Emprego, Comercio e Emigración a través do programa Conecta co Voluntariado en Galicia.   

 Así, durante a visita, na que estivo acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, o responsable de Xuventude do Goberno galego resaltou  “a oportunidade tan especial que supón esta proposta para os mozos e mozas que veñen á terra do seus antecesores porque conviven con galegos e galegas nun ambiente diferente como é o vencellado á conservación dun xacemento”.  

 Referiuse así López Campos á participación neste campo de traballo das 16 persoas que viaxaron a Galicia desde A Arxentina, Cuba, O Uruguai e Venezuela respondendo á oferta de prazas da campaña de verán da Xunta e que se unen ás dúas persoas da Comunidade que tamén accederon á iniciativa. Ademais, apuntou, “conviven e colaboran co persoal técnico especializado que leva a cabo a actuación arqueolóxica no castro, na que este ano investimos 17.000€, elevando a achega dos últimos anos neste sitio histórico a máis de 1M€”.  

 Neste senso, tal e como lembrou o conselleiro, a mocidade de entre 21 e 30 anos, que desde o pasado 26 de agosto e ata o vindeiro domingo está no Castro de Viladonga, realiza actividades que lle dan continuidade aos traballos de conservación e mantemento iniciados en campañas anteriores ao abeiro do plan de actuación arqueolóxicas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Trátase de tarefas de limpeza e control da vexetación en estruturas escavadas, de apoio á consolidación de muros e estruturas e mantemento de elementos de interpretación e seguridade. Deste xeito, puntualizou, “os voluntarios reciben formación básica en materia de conservación, protección, divulgación e posta en valor do patrimonio arqueolóxico”.  

 Os traballos compleméntanse con outras accións de lecer cultural como son a descuberta por Castro de Ribeiras de Lea, unha ruta polo río Azúmara, ou diversas visitas a outros puntos do territorio como, Lugo incluíndo o Centro de interpretación da muralla, a Coruña, unha excursión á Mariña (Ribadeo, praia das Catedrais, Museo do mar de San Cibrán, Area e Fociño do Porco, Charca de Vilalba), e tamén a  Mondoñedo e Santiago de Compostela.  

Oito campos de voluntariado en Lugo 

 A campaña Modo Verán Activo na provincia de Lugo suma un total de 2.672 prazas, das cales 140 corresponden aos campos de voluntariado que se desenvolven en oito localizacións. Trátase de Monte Cido, en Folgoso do Courel; Ancares, e Navia de Suarna; Castro e romaría de San Lourenzo, en Palas de Rei; Territorio Sonoro, no Incio; Fervenza das Polancas, en Quiroga; Samos, en Samos, e o do Castro de Viladonga, en Castro de Rei. En total, das 11.932 prazas da campaña, os campos de voluntariado estendidos por 40 enclaves de toda a Comunidade contan con 665 prazas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario