10 de ago. de 2026

TUI

Música e gastronomía para gozar do eclipse solar no Monte das Penizas en Paramos 




Infogauda/Tui

 Tui preparárase para vivir a eclipse solar cunha actividade gratuíta e aberta á cidadanía. A cita será o próximo mércores, 12 de agosto, dende ás 18.30 h no Monte das Penizas, en Paramos, un punto que reúne as condicións axeitadas para disfrutar deste fenómeno astronómico. O Concello de Tui organiza este evento en colaboración coa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Paramos, a Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas.  

 A observación do ceo, coa aliñación do Sol, a Lúa e a Terra, e mesmo ao anoitecer da choiva de estrelas das Perseidas, maridará cunha oferta gastronómica de produtos tradicionais da man da Comunidade de Montes de Paramos. A música será outro dos elementos que permitirán gozar desta tarde histórica coa selección musical que realizará Botz.  

 O Concello, grazas á colaboración da Deputación, agasallará ás persoas asistentes con  gafas de protección homologadas para ver a eclipse. Dende o Concello de Tui faise un chamamento a realizar unha observación segura con gafas homologadas ou empregando métodos indirectos coma a proxección no chan empregando unha cartolina cun pequeno burato ou ben cunha caixa de proxección.    

 Contarase con aparcamento gratuíto nas inmediacións do lugar de observación.  

 Dende o Concello de Tui convídase a gozar da eclipse solar en Tui onde segundo os datos do Observatorio Astronómico Nacional o nivel de ocultación do sol será do 99,2%. A do próximo mércores será unha xornada para compartir con familia, amigos, veciñanza, e visitantes, nun lugar coma o Monte das Penizas con valor natural e fermosas panorámicas do municipio e de Portugal.  

 Para o bo desenvolvemento do evento, con especial incidencia nos accesos, o próximo mércores contarase coa colaboración da Policía Local e Protección Civil.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario