A MEMORIA NON NOS DEIXA ESQUECER
• O luns, 27 de xullo, comezaron as escavacións na busca dos restos óseos de tres varóns na zona do cemiterio civil onde supostamente soterraron a dúas (ou tres) vítimas paseadas, asasinadas en 1936. O venres 31 finalizaron os traballos desta primeira fase. Despois dunha minuciosa busca por parte dos arqueólos de Breogán Arqueólogos, unicamente foron encontrados os restos dun varón duns 50 anos.
Helena Pousa*
No luns, o concello de Salvaterra de Miño xunto coa Comisión pola RMH do Baixo Miño, O Condado e A Louriña, que son os encargados de levar adiante esta exhumación no concello de Salvaterra de Miño, organizaron unha primeira rolda informativa para explicar aos asistentes e aos xornalistas os prazos e as expectativas desta intervención. Nesa rolda informativa falaron o arqueólogo que dirixe a escavación, Eduardo Breogán, que xa aclarou que non é un traballo doado porque presenta unha serie de dificultades engadidas por ser un cemiterio moi descoidado, abandonado, que se veu usando como vertedoiro desde hai anos. Tamén o antropólogo forense, Fernando Serrulla, aclarou que este tipo de traballos só se fan se hai familiares aos que tirar mostras de ADN para logo entregar os restos que se encontren se hai resultados positivos, tal como aconteceu coa Foxa de Soutelo (en Salceda de Salceda de Caselas). E comentou, ademais, que este tipo de actuacións memorialistas son responsabilidade do Estado, e os concellos como representantes do Estado teñen unha grande responsabilidade á hora de participar na busca daqueles cidadáns desaparecidos hai 90 anos. O historiador X.R.Paz Antón falou das indagacións feitas xa hai moitos anos, cando traballaba na Historia de Salvaterra de Miño durante a guerra civil, e que xa se coñecían os nomes de dous varóns asasinados en Salvaterra a través da documentación dos Libros de Defunción do Rexistro Civil que sempre fornecen datos bastante fiables sobre os paseados no período 1936-1937.
Os dous varóns que se buscaban eran Bernardo Bernárdez Martínez, natural de Ponteareas e veciño de Alxén (Salvaterra de Miño), que foi asasinado con tan só 24 anos o 29 do mes de Santiago, no lugar da Picada. Xusto cando se cumpren 90 anos, a súa familia asistiu moi emocionada ao comezo dos traballos de exhumación que se levaron a cabo ao longo desta semana no lugar en que segundo fontes orais consultadas, podían estar Bernardo Bernárdez e outros dous homes asasinados un pouco máis tarde: Delfín Rey Sánchez (das Neves) e un varón descoñecido, posiblemente portugués, que apareceu cunha corda atada ao pescozo nas marxes do Miño.
Na sesión informativa tamén falaron Antón Lorenzo quen, despois de moitas indagacións, e de falar con algunhas testemuñas, conseguiu dar co lugar en que supostamente estaban soterrados os tres varóns. O lugar é un antigo cemiterio “civil”, a carón do actual Cemiterio municipal de Chan da Ponte, separado por un valado, unha tapia, tal como se ordenou na época franquista, e que hoxe está abandonado e cheo de lixo e de velas de plástico para os defuntos. Así mesmo, Anxo López explicou a triste historia da esposa de Bernardo que quedaba preñada e xa tiña dous fillos que tivo que sacar adiante con moitas penalidades. Esta muller, ao igual que outras mulleres viúvas durante a guerra, padeceu unha tremenda pobreza e foi sometida a unha férrea marxinación e vixilancia por parte dos franquistas.
Grazas ás indagacións de Antón Lorenzo e Anxo González conseguiron dar con familiares e Fernando Serrulla recolleu as mostras de ADN, para logo utilizar nas probas xenéticas futuras, en caso de apareceren restos na exhumación. Os seus datos xenéticos pasarán a formar parte do banco de datos xenéticos de toda España.
Na primeira rolda informativa tamén interviñeron algunhas da súas netas para contar o que lembraban da súa avoa Carmen Trigo, que daquela estaba preñada, e como quedou viúva moi noviña con dous fillos. A súa avoa, ao igual ca moitas viúvas de republicanos, mulleres novas sen os seus maridos, que foron asasinados con saúde, encontráronse con moitas dificultades económicas e unha férrea vixilancia. Todas elas tiveron que facer esforzos titánicos para sacaren adiante a súa familia.
No final da rolda informativa falou a alcaldesa, Marta Valcárcel, que agradeceu a asistencia a todos os que alí estaban, incluído o alcalde das Neves. A alcaldesa comentou que este tipo de traballos só son posibles se hai unha boa sintonía entre os concellos e as asociacións memorialistas. Agradeceu a axuda económica da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), pois é a que financia a maior parte desta nova exhumación en Salvaterra.
Ao longo da semana, os arqueólogos foron escavando todo o terreo do antigo cemiterio civil, agás a zona que hoxe está ocupada por un depósito de cadáveres e sala de autopsias, construído nos anos 1950. os últimos días de escavacións localizouse un cadaleito que contiña os restos dun varón duns cincuenta anos con evidentes signos de violencia por apreciarse unhas brechas na tampa dos miolos. Agora cómpre esperar os resultados da análise do antropólogo forense, Fernando Serrulla, e os resultados das futuras análises xenéticas baseadas nas mostras tiradas a diferentes familiares. De aquí a uns meses poderemos saber de maneira certa a quen pertencen os restos óseos encontrados o xoves.
* Presidenta da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña




Ningún comentario:
Publicar un comentario