6 de ago. de 2026

A GUARDA

A Guarda prepárase para vivir a fin de semana grande das Festas do Monte Santa Trega

•   O Desfile Folclórico e de Bandas Mariñeiras; o tradicional Domingo do Monte, a Desfeita, as actuacións musicais e os fogos de lucería centrarán a programación dos días 8, 9 e 10 de agosto.


O Desfile Folclórico e das Bandas Mariñeiras, das Festas do Monte Sana Trega, é un evento que congrega milleiros de participantes e numeroso público presenciándoo na vila de A Guarda
Fotos: Infogauda

Ricardo Rodríguez Vicente/A Guarda

 Antes de que rematen, A Guarda prepárase para vivir a fin de semana grande das Festas do Monte Santa Trega, tres xornadas nas que a tradición, a música e a convivencia volverán converter a vila nun punto de encontro para milleiros de persoas.

 A programación arrancará o sábado, 8 de agosto, ás 11:30 horas, co tradicional Desfile Folclórico e de Bandas Mariñeiras. A comitiva partirá da Alameda para percorrer as rúas da vila ata o porto, enchendo de música e ambiente festivo o centro guardés. Xa pola tarde, entre ás 17:00 e ás 21:00 horas, o Auditorio de San Bieito acollerá unha festa infantil con canón de espuma e xogos populares, pensada para o desfrute dos máis pequenos. A xornada rematará coa verbena das 22:30 horas na Alameda, amenizada polo grupo Ámbar.

 O domingo, 9 de agosto, chegará a cita máis esperada e emblemática: o tradicional Domingo do Monte. Desde primeiras horas, milleiros de persoas de A Guarda e da súa contorna subirán ao Monte Santa Trega para participar nunha romaría centenaria, na que as bandas mariñeiras volverán cumprir coa tradición de realizar A Xura, prometendo regresar á edición do vindeiro ano.

 Tras unha intensa xornada de música, convivencia e troula, pola tardiña terá lugar A Baixada cara ao Montiño e será no Parque do Cancelón, onde os romeiros compartirán a tradicional merenda-cea antes dun dos momentos máis agardados das festas:  A Desfeita, que poderá seguirse desde as inmediacións da Alameda e outras zonas da vila, congregando a milleiros de espectadores.  

 As celebracións despediranse o luns, 10 de agosto, cunha programación que combinará tradición e modernidade. Ás 20:00 horas, o Auditorio de San Bieito acollerá unha actuación de baile galego a cargo de Vento Mareiro, seguida da actuación da gaiteira Nadia Vázquez. A continuación realizarase en directo o sorteo da rifa.

 Xa ás 22:00 horas, a explanada do porto converterase no escenario dun concerto de DJ's que dará paso, á medianoite, á gran tirada de fogos de lucería, encargada de poñer o broche de ouro ás festas. A música continuará despois cunha nova sesión de DJ's para despedir unha edición que, un ano máis, aspira a reunir tradición, cultura popular e ambiente festivo ata ben entrada a madrugada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario