9 de ago. de 2026

DEPORTES

 BALONMÁN FEMININO

O Atlético Guardés estrea a súa pretemporada cunha vitoria ante o Porriño (24-21) 

 O equipo baixomiñoto inaugurou a súa nova singradura con grandes sensacións ante o rival louriñés no II Memorial por Juan Rodríguez 

As 16 convocadas sumaron minutos e permitiron a José Ignacio Prades probar todas as rodaduras para a nova tempada 

O Summer Bag de Villacelama é a próxima parada para as guardesas, xogando a primeira das dúas xornadas ante o Aula Valladolid 


Antes de comezar o encontro entregouse un recoñecemento á Gloria Pacheco Cardoso, viuva de Juan Rodríguez Pérez, honrando a memoria dunha das persoas fundamentais na historia recente da entidade

Fotos: CBAG

Familiares de Juan Rodríguez Pérez coas xogadoras e equipo técnico do Atlético Guardés 2026/2027

Redacción Deportes/A Guarda

 O novo Atlético Guardés iniciou este sábado, 8 de agosto, en plenas Festas del Monte Santa Trega, a súa singradura cunha vitoria de carácter ante o Conservas Orbe Zendal Balonmano Porriño. 

 As 16 convocadas sumaron minutos nun partido de grandes sensacións, incluídas as tres xuvenís que xogan a pretemporada como reforzos: Sabela Lomba, Silvia Lomba e Melina Rodríguez. O choque estivo igualado en practicamente todo momento ata o seu epílogo, cunha primeira parte moi marcada por unha gran defensa local pero co ataque louriñés marcando mínimas diferenzas.  

 As de Prades fóronse ao descanso liderando (11-10, min. 30), apuntando unha melloría segundo pasaban os minutos. Aínda que non deixou de loitar o outro galego, co tira e afrouxa de rendas mínimas sen cesar, nos minutos finais as rodas da Sangriña engraxáronse por completo para dar ao anfitrión o impulso que necesitaba para afianzarse cara á vitoria. Un pavillón baixomiñoto con notable afluencia nestas datas sinaladas celebraba o primeiro triunfo dun proxecto que bota a andar a pesar das dificultades fóra das pistas (24-21, final). 

 Esta vitoria debut coincide co memorial do segundo aniversario do falecemento de Juan Rodríguez Pérez, expresidente de honra do Club. Antes de comezar o encontro entregouse un recoñecemento á súa viúva, Gloria Pacheco Cardoso, honrando a memoria dunha das persoas fundamentais na historia recente da entidade. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario