O I Desfile do Traxe Galego encheu de tradición e orgullo as rúas da Guarda
Ricardo Rodríguez Vicente/A Guarda
A Guarda viviu este mércores, 5 de agosto, unha xornada histórica coa celebración do I Desfile do Traxe Galego, unha iniciativa promovida pola Asociación Recuperación do Traxe Galego de A Guarda, coa colaboración da Comisión de Festas do Monte Santa Trega e do Concello de A Guarda, que nace coa vocación de poñer en valor unha das manifestacións máis representativas do patrimonio etnográfico galego.
A cita reuniu centenares de persoas que seguiron con grande interese un desfile que, precedido pola Banda de Gaitas de Paramos, partiu da Alameda para percorrer as rúas Galicia, Vicente Sobrino, Brasilino Álvarez, Concepción Arenal e rúa do Porto, antes de acceder ao Auditorio de San Bieito. Ao longo de todo o percorrido, veciños e visitantes responderon cunha excelente acollida, premiando con aplausos o paso dos participantes, elegantemente vestidos con traxes tradicionais galegos.
Xa no Auditorio de San Bieito, o público continuou enchendo as bancadas para asistir a unha auténtica exaltación do traxe tradicional galego, tanto nas súas variantes de cotío como de gala. O desfile permitiu admirar a riqueza, diversidade e coidado das diferentes indumentarias, fiel reflexo da historia, das tradicións e da identidade de Galicia.
Nesta primeira edición quíxose, ademais, reforzar o carácter transfronteirizo da iniciativa coa participación dunha rusga tradicional do Barrio de Regufe, da Póvoa de Varzim, cidade irmandada con A Guarda. A agrupación portuguesa foi a encargada de pechar o desfile polas rúas da vila e, xa no auditorio, converteuse na primeira en subir ao escenario, sendo recibida cunha calorosa ovación por parte do público.
Seguidamente tomou o relevo a Banda de Gaitas de Paramos, que abriu a súa actuación coa interpretación do tradicional tema "Camariñas", continuando cun variado repertorio de pezas populares galegas que foi seguido con entusiasmo polos asistentes.
Un dos momentos centrais da xornada chegou coa intervención de Coli Rodríguez, en representación da Asociación Recuperación do Traxe Galego de A Guarda, quen destacou o significado desta iniciativa ao afirmar que "este desfile é unha homenaxe ao traxe tradicional galego e un complemento do desfile folclórico do Sábado do Monte (...)", subliñando así a vontade da entidade de contribuír á conservación e divulgación do patrimonio cultural galego.
A continuación celebrouse o I Concurso de Traxes Galegos, no que participaron homes e mulleres procedentes de distintos puntos de Galicia, ademais de representantes da propia vila da Guarda. Cada participante foi desfilando pola pasarela mentres dous membros da Asociación Etnográfica Sete Espadelas ofrecían detalladas explicacións sobre as características, procedencia e singularidades de cada un dos traxes exhibidos, unha labor divulgativa que foi moi apreciada e correspondida cos aplausos do público.
Mentres o xurado deliberaba, a Banda de Gaitas de Paramos regresou ao escenario para ofrecer unha nova actuación, mantendo o excelente ambiente ata o momento da entrega dos galardóns.
Os premios repartíronse nas modalidades de traxe de cotío e de gala, tanto masculino como feminino, concedéndose dous primeiros e dous segundos premios en cada categoría. Ademais, o xurado outorgou un accésit especial a Pilar Uris Alonso, da Guarda, como recoñecemento á súa participación.
A clausura da xornada correu novamente a cargo da Banda de Gaitas de Paramos, que interpretou pezas tan coñecidas como a "Muiñeira de Chantada", "O Sancristán de Coimbra", "Xirarei" e o "Himno Galego", que foi coreado por boa parte do público. A insistencia dos asistentes fixo que a banda ofrecese varios bises, rematando cun auditorio completamente entregado e posto en pé, tributando unha longa ovación aos músicos e poñendo o broche de ouro a unha actuación memorable.
Este primeiro Desfile do Traxe Galego deixou patente o interese que esperta a recuperación e difusión da indumentaria tradicional galega, converténdose nunha auténtica celebración da identidade, da cultura e das raíces do pobo galego. O éxito de participación, tanto no desfile como nas actividades desenvolvidas no Auditorio de San Bieito, fai pensar que esta iniciativa organizada pola Asociación Recuperación do Traxe Galego de A Guarda ten todos os ingredientes para consolidarse como unha cita de referencia dentro do calendario cultural guardés.






Ningún comentario:
Publicar un comentario