O PSdeG de Tomiño denuncia "filtros a dedo" e falta de xustiza social no programa de viaxes do BNG
• Os socialistas cualifican o proceso de "Tomitongo" ao detectar o incumprimento dos pregos e a exclusión de alumnado mediante entrevistas eliminatorias.
• O Concello gasta case 5.000 euros públicos por alumno sen valorar a renda das familias: "Páganse viaxes a quen ten plenas posibilidades".
Infogauda/Tomiño
O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Tomiño rexistrou unha solicitude formal ante o Concello para esixir a inmediata anulación e limpeza do proceso de selección do programa de inmersión lingüística "TOMILINGO". Os socialistas acusan ao goberno do BNG de converter unha iniciativa educativa nun auténtico "tongo" baseado no amiguismo e a falta de transparencia.
Dende o PSdeG desvelan que o goberno local está a incumprir os seus propios pregos de condicións. Mentres o documento oficial esixe que o programa se dirixa exclusivamente a alumnado matriculado no IES Antón Alonso Ríos, os socialistas xa detectaron casos de mozos seleccionados que nin sequera cursaron o ano académico no instituto de Tomiño. "¿A quen pretenden colar por detrás de costas á veciñanza?", cuestionan.
O principal foco de crítica céntrase na imposición dunha "entrevista persoal" de carácter eliminatorio. Para o grupo socialista, este mecanismo carece de criterios obxectivos e funciona como o "truco perfecto" do BNG para decidir quen viaxa e quen non de xeito totalmente subxectivo, abrindo a porta ao amiguismo en lugar de usar criterios limpos.
Cero criterios sociais con diñeiro de todos
A nivel económico, a denuncia cualifica o investimento de "inxusto". O Concello vai gastar máis de 43.000 euros de fondos públicos para financiar tan só 10 prazas no Reino Unido, o que supón un custo de case 5.000 euros por estudante. Con todo, o goberno de Sandra González estableceu un baremo económico de cero puntos, sen mirar os ingresos. "Páganse viaxes con cartos de todas as tomiñesas a familias con plenas posibilidades, mentres se deixa fóra á xente traballadora do pobo", lamentan.
Os socialistas lembran que esta falta de transparencia non é nova: "No pasado xa preguntamos en pleno pola sospeitosa falta de difusión destas viaxes, e hoxe o tempo dános a razón. Tras fundir en tempo récord máis de 3,2 millóns de euros dos aforros de Tomiño, o goberno municipal prefire seguir cos chanchullos antes que coa igualdade". Polo tanto, o PSdeG esixe a paralización do proceso e que se limpe este proceso xa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario