5 de ago. de 2026

PONTEVEDRA

Programa RENOINN 2  

Abel Losada destaca os máis de 13 millóns de euros do Goberno para impulsar 18 proxectos de enerxías renovables na provincia 

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico concede 13 millóns de euros de fondos NextGenerationEU a iniciativas en dez concellos da provincia 

As actuacións mobilizarán un investimento superior aos 14,8 millóns de euros e combinan autoconsumo colectivo fotovoltaico con almacenamento e sistemas de climatización renovable mediante xeotermia, aerotermia e hidrotermia 

Vigo concentra nove proxectos, mentres que A Guarda recibe a maior axuda, con preto de 9 millóns de euros para unha instalación xeotérmica 


Abel Losada, subdelegado do Goberno en Pontevedra
Foto: SdoG

Infogauda/Pontevedra 

 O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), concedeu 13.037.899,50 euros a 18 proxectos de implantación de enerxías renovables na provincia de Pontevedra dentro da segunda convocatoria do programa RENOINN, financiado con fondos NextGenerationEU do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. 

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, destacou que estas axudas "reforzan o compromiso do Goberno de España coa transición enerxética e coa descarbonización da nosa economía, apoiando proxectos innovadores que xeran actividade económica, aforro enerxético e un modelo máis sostible para a provincia". Ademais, puxo en valor que "Pontevedra concentra actuacións pioneiras tanto en autoconsumo colectivo como en climatización renovable, situándose á vangarda da implantación das enerxías limpas en Galicia". 

 Os proxectos seleccionados mobilizarán un investimento total de 14.829.160,36 euros e permitirán impulsar a implantación de novas instalacións de enerxías renovables con almacenamento, favorecendo a descarbonización, o autoconsumo colectivo e a electrificación da climatización. 

 As actuacións distribúense por cinco comarcas da provincia. A de Vigo concentra a metade dos proxectos aprobados, con nove actuacións e máis de 2 millóns de euros en axudas destinados, principalmente, a sistemas de climatización renovable mediante xeotermia, ademais de dúas instalacións de aerotermia e hidrotermia. 

 Na comarca do Salnés, os concellos de Vilagarcía de Arousa e Meis suman tres proxectos, cun financiamento conxunto de máis de 1,17 millóns de euros, que combinan autoconsumo colectivo fotovoltaico con almacenamento e sistemas xeotérmicos. Pola súa banda, O Condado-Paradanta concentra catro actuacións nos concellos de Arbo, Mondariz-Balneario e Covelo, cun importe global de máis de 730.000 euros, todas elas vinculadas ao impulso do autoconsumo colectivo mediante enerxía solar fotovoltaica con almacenamento. Na comarca de Deza-Tabeirós, Forcarei recibirá 160.000 euros para un proxecto de autoconsumo colectivo con enerxía solar fotovoltaica. 

 O proxecto de maior contía da provincia sitúase na Guarda, onde o MITECO destina 8.958.113 euros para unha instalación xeotérmica na empresa de floricultura Toxal. Trátase da maior axuda concedida en Galicia e da sétima de maior importe de toda a convocatoria estatal. Para Abel Losada, "que a maior axuda de Galicia recaia nun proxecto da provincia de Pontevedra demostra a competitividade das nosas empresas e evidencia que o investimento público e a colaboración co tecido empresarial son fundamentais para acelerar a transición ecolóxica e avanzar cara a un modelo económico máis sostible, innovador e xerador de emprego de calidade”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario