Tomiño abre o prazo para participar en TOMILINGO, o novo programa municipal de inmersión lingüística en inglés
• O Concello, en colaboración co IES Antón Alonso Ríos, becará a 10 estudantes de 4º da ESO (curso 2025-2026) para vivir unha experiencia educativa de dúas semanas no Reino Unido. As solicitudes poderán presentarse do 5 ao 17 de agosto.
Infogauda/Tomiño
O Concello de Tomiño abre este mércores, 5 de agosto, o prazo para solicitar unha das dez prazas do novo programa municipal TOMILINGO, unha iniciativa de inmersión lingüística en inglés dirixida ao alumnado do IES Antón Alonso Ríos que rematou 4º da ESO no curso 2025-2026. O programa permitirá ao alumnado seleccionado realizar unha estancia de dúas semanas no Reino Unido durante o mes de setembro, combinando a integración nun centro educativo acreditado coa convivencia con familias de acollida.
Con esta iniciativa, o Concello busca ofrecer á mocidade unha experiencia que vai máis alá da aprendizaxe do idioma, favorecendo o desenvolvemento da autonomía persoal, a capacidade de adaptación e o coñecemento doutras culturas. O programa inclúe a asistencia a clases nun centro educativo británico, actividades culturais e de lecer, visitas didácticas, aloxamento en familias de fala inglesa, seguimento personalizado e avaliación do progreso lingüístico.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destaca que "queremos que a nosa mocidade poida vivir experiencias que marquen un antes e un despois na súa formación. Aprender inglés é importante, pero facelo convivindo, estudando e relacionándose noutro país supón un salto de calidade tanto a nivel persoal como académico e profesional".
González destaca tamén que "TOMILINGO nace coa vontade de converterse nun programa de referencia en Tomiño, apostando por unha educación que complemente o traballo que realizan os centros educativos e que axude á nosa mocidade a gañar confianza, autonomía e novas ferramentas para o seu futuro".
As persoas interesadas deberán cumprir os requisitos establecidos nas bases da convocatoria, entre eles ter superadas todas as materias de 4º da ESO, unha cualificación mínima de 7 na materia de Inglés (ou de 6 no caso de alumnado con necesidades específicas de apoio educativo), estar empadroadas en Tomiño e non ser beneficiarias doutra axuda coa mesma finalidade durante este ano. As dez prazas adxudicaranse segundo o expediente académico, a nota en inglés, unha entrevista persoal e a participación en actividades de dinamización do instituto ou do Concello.
O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto desde este mércores, 5 de agosto, ata o luns 17 de agosto, ambos incluídos. As inscricións poderán formalizarse nas oficinas xerais do Concello, achegando o anexo de solicitude previsto nas bases da convocatoria. Toda a información relativa ao programa, así como as bases completas e a documentación necesaria, pode consultarse no Taboleiro de Anuncios da Sede Electrónica do Concello de Tomiño

Ningún comentario:
Publicar un comentario