A CIG alerta da atención no PAC de Cangas por persoal médico sen especialidade
• O sindicato nacionalista reclama á Xerencia garantías sobre a formación do persoal contratado para atender situacións urxentes
Infogauda/O Morrazo
A Unión Local do Morrazo da CIG alerta de que a Xerencia mantén de forma permanente e estrutural a contratación de ata 3 facultativos sen a especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria (MFyC) para prestar asistencia médica directa (non de apoio) no Punto de Atención Continuada (PAC) que atende os concellos de Moaña e Cangas, unha situación que, segundo sinala a organización sindical, foi recoñecida pola propia Xerencia. Para a CIG, o problema non é a contratación deste persoal nin a súa profesionalidade, senón as funcións que se lles asigna. Non están desenvolvendo tarefas de apoio a outros profesionais sanitarios, senón asumindo directamente a atención médica das persoas usuarias que acoden ao PAC, incluídas aquelas que presentan situacións que poden requirir unha intervención urxente.
De funcións de apoio a asistencia médica directa
A organización sindical lembra que a Lei 18/2021, do 27 de decembro, aprobada no contexto excepcional da emerxencia sanitaria provocada pola pandemia da COVID-19, permitiu a incorporación de persoal médico sen especialidade contratado como “persoal técnico de saúde” para desenvolver “funcións de apoio en atención primaria” Segundo a CIG, este é precisamente o punto no que se produce a contradición e polo tanto a falta de amparo legal na situación que se está dando no PAC de Cangas-Moaña.
A lei habilita funcións de apoio, pero este persoal está asumindo directamente actividade asistencial no PAC, realizando valoracións clínicas, diagnósticos, tratamentos, prescricións e decisións sobre derivacións hospitalarias, atención en ambulancia e mesmo tarefas de titorización de persoal residente. Para o sindicato, estas actuacións non poden ser consideradas simplemente funcións de apoio cando a profesional é quen atende directamente a persoa usuaria e asume a responsabilidade da súa asistencia.
A CIG considera, polo tanto, que a falta de persoal especialista non permite ampliar o alcance desta excepción legal. Se a Lei 18/2021 permite contratar persoal médico sen especialidade para realizar funcións de apoio en Atención Primaria, esta previsión non pode utilizarse para que esas profesionais asuman directamente a asistencia médica nun PAC.
Qué formación ten quen atende a unha persoa nunha situación urxente?
A organización sindical pon o foco nas consecuencias que esta situación pode ter para a cidadanía.
Quen acode ao PAC pode presentar desde unha patoloxía leve ata unha situación potencialmente grave: dor torácica, dificultade respiratoria, reaccións alérxicas, alteracións neurolóxicas, hemorraxias ou traumatismos ou mesmo requirir un traslado medicalizado en ambulancia.
A formación especializada en Medicina Familiar e Comunitaria comprende catro anos de residencia e inclúe a adquisición progresiva de competencias para a atención de pacientes, tamén en situacións urxentes e patoloxías agudas. Isto abrangue a identificación de sinais de gravidade, a aplicación de protocolos e procedementos específicos que non se estudan na carreira, o inicio do tratamento e a decisión sobre a necesidade dunha derivación. Por iso, a CIG considera que a cidadanía ten dereito a que a asistencia médica nos PAC sexa prestada por profesionais que conten coa formación especializada correspondente ás funcións que desempeñan.
A falta de especialistas non pode converter unha excepción en norma
A CIG advirte de que as dificultades da Administración para dispoñer de especialistas deben ser abordadas mediante medidas de planificación e contratación, pero non poden converter unha habilitación excepcional para funcións de apoio nunha vía ordinaria para cubrir postos de asistencia médica directa nos PAC.
O sindicato insiste en que a responsabilidade desta situación corresponde á Xerencia da Área Sanitaria de Vigo, que é quen debe garantir tanto a cobertura asistencial como o cumprimento dos requisitos de cualificación profesional.
A organización sindical reclama que a Xerencia explique cal é a base legal que permite que este persoal contratado ata agora como “técnicos de saúde”, sen especialidade en Medicina Familiar e Comunitaria, estea asumindo directamente a asistencia médica nos PAC de toda a área, e non simplemente funcións de apoio en Atención Primaria.
Para a CIG, garantir que haxa persoal médico nun PAC non é suficiente: a Administración debe garantir tamén que ese persoal ten a formación necesaria para asumir as responsabilidades asistenciais que se lle encomendan.

Ningún comentario:
Publicar un comentario