A UNIDADE MÓBIL DA AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE VISITARÁ A GUARDA OS DÍAS 28 E 29 DE AGOSTO
• A unidade móbil instalarase na rúa Rosalía de Castro, diante do Centro Cultural, o venres 28 e o sábado 29 de agosto
• O venres atenderán en horario de 10:15 a 14:00 e de 16:30 a 21:00 horas, mentres que o sábado só atenderán en horario de mañá, de 10:15 a 14:30 horas
Infogauda/A Guarda
A unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) volverá visitar A Guarda esta semana para facilitar á veciñanza a doazón de sangue, un xesto solidario e imprescindible para garantir a atención sanitaria e contribuír a salvar vidas.
A unidade móbil estará instalada na rúa Rosalía de Castro, diante do Centro Cultural, durante o venres, 28 e o sábado, 29 de agosto. O venres atenderá ás persoas doantes en horario de 10:15 a 14:00 horas e de 16:30 a 21:00 horas, mentres que o sábado estará dispoñible de 10:15 a 14:30 horas.
ADOS lembra a importancia de manter as doazóns tamén durante os meses de verán, cando as reservas de sangue poden verse afectadas polos desprazamentos e os cambios nos hábitos da poboación, mentres que as necesidades hospitalarias continúan sendo constantes.
Para poder doar é preciso ser maior de idade, pesar máis de 50 quilogramos e atoparse nun bo estado de saúde. As persoas doantes deberán acudir provistas do DNI ou dun documento identificativo.
Así mesmo, recoméndase acudir despois de almorzar ou, no caso de realizar a doazón pola tarde, deixar transcorrer polo menos dúas horas dende o xantar. As persoas que estean a tomar algún medicamento deberán informar ao persoal sanitario antes da doazón.
.jpg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario